Guía de procedementos e servizos

MR302A

Axudas para o apoio á cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios galegos acollidos a réximes de calidade realizadas por grupos de produtores, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 31/12/2025 00:00 - 30/01/2026 23:59

Consellería do Medio Rural

Sobre o procedemento

A concesión de axudas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións que reúnan produtores (entendidos como tales os titulares de explotacións agrarias ou de instalacións de transformación) que cooperen entre si para a información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios amparados por un réxime de calidade.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)

Área de Calidade Alimentaria

Departamento de Promoción da Calidade Agroalimentaria

Avenida do Camiño Francés 10 baixo

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981 540 062

Fax: 981 546 676

Email: agacal@xunta.gal

mediorural.xunta.gal

Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

31/12/2025 00:00 - 30/01/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, no caso de que no mes de vencemento non exista día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Quedan excluídas da axuda as seguintes actuacións:

a) A promoción de empresas ou marcas comerciais específicas.

b) As accións que se desenvolvan fóra do mercado interior da Unión Europea.

c) Aquelas actividades que induzan o consumidor a comprar un produto pola súa orixe particular, excepto no caso das denominacións de orixe e das indicacións xeográficas reguladas no Regulamento (UE) 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024. Non obstante, poderá indicarse a orixe dun produto, sempre que tal indicación quede subordinada á mensaxe principal.

2. Como requisito previo á realización das actividades que se pretende que sexan subvencionadas, o material piloto informativo, promocional e publicitario que se utilice deberá ser remitido á Axencia para verificar a súa adecuación á normativa comunitaria.

3. Non serán subvencionables as campañas publicitarias e outras accións de promoción que inclúan mensaxes sexistas e discriminatorias para as mulleres.

4. Non poderán ser obxecto de subvención actividades xa realizadas antes da data de presentación da solicitude de subvención. Con todo, de forma excepcional e sempre que sexa debidamente acreditado, poderán admitirse traballos preparatorios de accións do proxecto, nos casos en que a data da convocatoria ou o prazo de presentación da solicitude dificulten a adaptación da actividade subvencionada aos citados períodos.

5. Cando a agrupación de produtores solicitante da axuda sexa un consello regulador, como entidade xestora do correspondente réxime de calidade exixirase que todas as accións de promoción que se presenten se enmarquen dentro dun plan de promoción anual ou plurianual en que se detallen os obxectivos que se van perseguir no período a que se refira e a estratexia e as accións deseñadas para acadalos. Os gastos relacionados cos estudos de mercado precisos para a elaboración do dito plan de promoción serán tamén elixibles.

6. No caso de que no proxecto de cooperación presentado por unha agrupación se prevexa algunha acción consistente na participación nalgunha feira, certame ou outro evento en que tamén participe a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o proxecto debe considerar a cooperación coa Axencia para contribuír da mellor forma ao obxectivo da promoción coherente dos diferentes réximes de calidade de Galicia.

Solicitudes

1. Todas as accións de información e promoción que presente unha mesma agrupación incluiranse nun único proxecto.

2. As solicitudes presentaranse no formulario dirixido á Axencia, de acordo co modelo que figura no anexo I, acompañado da documentación complementaria.

No caso de solicitudes presentadas por agrupacións distintas dos consellos reguladores, quen asine a petición deberá acreditar a súa condición de representante de xeito fidedigno utilizando calquera medio válido en dereito.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I, procedemento MR302A) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As agrupacións interesadas deberán achegar, coa solicitude, un proxecto de cooperación para a promoción de produtos agrícolas e alimenticios, que deberá incluír, cando menos, a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto de cooperación en que se recollan, cando menos, os seguintes aspectos:

1º. Produtoras e produtores que participan no proxecto.

2º. Situación inicial de partida.

3º. Obxectivos que se pretenden acadar.

4º. Descrición detallada das accións que se van desenvolver: descrición de cada unha das actividades previstas que vai realizar a agrupación. Detallaranse e describiranse ao máximo todas e cada unha das actividades.

5º. Acreditación da viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto.

6º. Relación de efectivos humanos e medios materiais de que se dispón.

7º. Plan cronolóxico dos traballos.

b) Orzamento pormenorizado dos gastos previstos, no cal que se detallará especificamente o ámbito territorial (Galicia, España, exterior) a que corresponde o gasto de cada partida en cada acción, de non corresponderen todas a un mesmo ámbito xeográfico.

No caso de que no orzamento se imputen gastos de persoal propio, deberá cuantificarse e xustificarse o importe previsto destes gastos para cada acción segundo o que se indica na alínea c) do artigo 7.2 e sen prexuízo da excepción que se recolle nel.

Débese respectar a moderación de custos tal como establece o artigo 82 do Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común. Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda –con excepción dos relativos a aloxamento, manutención, desprazamento con vehículo propio e adquisición de produtos alimentarios que figuran cun custo de referencia máximo no anexo III– deberanse solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores antes da contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou a subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.

2º. Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

3º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, o nome e o enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que, polas súas especiais características, non conten no mercado cun número suficiente de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado, no cal se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos para os cales non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados neste punto.

c) No caso das solicitudes de agrupacións de produtores que non sexan consellos reguladores, xustificación relativa ao volume de produción certificado dentro do réxime de calidade no ano anterior ao da solicitude correspondente ás persoas que participan na agrupación.

d) No caso de agrupacións de produtores para as cales o imposto do valor engadido non é susceptible de recuperación ou compensación, presentarase unha declaración responsable ou outra documentación acreditativa desta circunstancia.

e) Ademais, no caso de agrupacións de produtores distintas dos consellos reguladores, achegarase a seguinte documentación:

– Copia dos estatutos.

– Relación de persoas inscritas e certificado emitido pola persoa que desempeñe a secretaría da entidade, no cal se indique cales delas participan nun réxime de calidade dos alimentos a que se refire a alínea b) do artigo 3 desta resolución.

– Documentación acreditativa da condición de representante da persoa que asina a solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

f) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio á cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios galegos acollidos a réximes de calidade realizadas por grupos de produtores, no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e se convocan para o exercicio orzamentario 2026 (DOG nº 251 do 30 de decembro de 2025).

    • Extracto da Resolución do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio á cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios galegos acollidos a réximes de calidade realizadas por grupos de produtores, no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e se convocan para o exercicio orzamentario 2026 (DOG nº 251 do 30 de decembro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR347A

Incrición no rexistro de entidades con servizos de aconsellamento ou xestión de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR348A

Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR505A

Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR506B

Réxime de axudas á apicultura: solicitude de agrupacións de apicultores/as

Tramitar en liña

Prazo aberto: 31/01/2026 00:00 - 02/03/2026 23:59