Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN856A
Axudas rede galega de aceleradoras de emprendemento innovador.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Este procedemento únicamente pode ser iniciado utilizando Internet Explorer.
Disculpe as molestias que poida ocasionarlle.
2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2016 en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN856A), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Contía da axuda e gastos subvencionables.
1. A axuda terá unha contía máxima de 125.000 euros por aceleradora que se distribuirá, de acordo co plan de aceleración presentado, entre gastos de funcionamento da aceleradora e gastos de desenvolvemento dos proxectos empresariais innovadores.
2. Dentro dos gastos de funcionamento da aceleradora só serán subvencionables aqueles que, de xeito inequívoco, se correspondan co financiamento das diferentes fases de aceleración dos proxectos innovadores, como:
a) Custos do persoal necesario para desenvolver o plan de aceleración.
b) Gastos de axudas de custo e desprazamento do dito persoal. Gastos de inscrición en feiras e eventos.
c) Gastos de publicidade e difusión do programa de aceleración.
d) Adquisición de equipamento para o espazo de coworking.
e) Gastos derivados da contratación de medios externos dirixidos á formación, mentoring, plataformas de seguimento ou preparación dos proxectos, respectando o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50 % do custo total da actividade subvencionada.
f) Gastos xerais, materiais e técnicos. Estes gastos inclúen os seguintes:
- Gastos de execución de material técnico (guías, material soporte para as actividades de aceleración...).
- Gastos xerais necesarios para a execución das actividades de aceleración (arrendamentos, subministracións e comunicacións).
O importe máximo da axuda para o financiamento destes gastos será de 50.000 euros.
3. Dentro dos gastos de desenvolvemento dos proxectos empresariais innovadores só serán subvencionables aqueles destinados ao desenvolvemento dun mínimo de 3 e un máximo de 7 proxectos por aceleradora, previamente validados consonte o procedemento regulado no artigo 22 desta resolución, como:
a) Adquisición de equipamento e material instrumental.
b) Subcontratación con organismos de investigación, respectando o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50 % do custo total final da actividade subvencionada.
c) Gastos de asesoramento no rexistro de patentes.
d) Gastos de elaboración do plan de negocio.
e) Outros que se consideren relevantes para a viabilidade do proxecto empresarial.
O importe máximo da axuda para o financiamento destes gastos será de 75.000 euros.
4. Con respecto aos custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición, se a súa vida útil se esgota ao termo do período subvencionable, considerarase como gasto o custo de adquisición. En caso contrario só serán imputables os custos de amortización que correspondan ao período subvencionable, calculados sobre a base das boas prácticas contables.
5. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación de servizo ou entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
6. Para a anualidade de 2016 só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016. Para a anualidade de 2017, admitiranse os gastos realizados entre o 1 de decembro de 2016 e o 30 de novembro de 2017.
En calquera caso, o importe da anualidade de 2016 non superará a contía correspondente ao 80 por cento da axuda concedida para cada tipo de gastos.
7. Non serán subvencionables:
- O imposto sobre o valor engadido (IVE).
- Os descontos e similares que se inclúan na factura, que suporán, por tanto, un importe menor do valor do gasto.
8. A axuda en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionable.
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:
a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas bases reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión e no documento en que se establecen as condicións da axuda.
b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases da convocatoria e na normativa reguladora das subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión e o desfrute da subvención.
c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.
d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
e) Comunicar ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
f) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obteren axuda por medio desta convocatoria.
g) Solicitar á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actividades aprobadas. A realización de modificacións non autorizadas suporá a non admisión das cantidades desviadas. No prazo máximo de 15 días naturais desde a data en que se produzan.
h) Dar publicidade, nos termos establecidos na resolución de concesión, ao carácter público das actividades obxecto da axuda, facendo referencia expresa nas publicacións, relatorios, accións de difusión de resultados e calquera outra actuación relacionada coas actividades de aceleración, de acordo co disposto no artigo 23 desta resolución. O mesmo tipo de publicidade se realizará nun lugar preferente da páxina web da empresa, de existir esta.
i) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Área de Servizos
Departamento de Servizos
Rúa Airas Nunes, s/n (Conxo)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957393/ 881999160
Fax: 981957007
Email: servizos.gain@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
11/10/2016 00:00 - 10/11/2016 23:59
Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Xunto coa solicitude (anexo I) presentada polo representante legal da entidade solicitante, deberá achegarse na sede electrónica da Xunta de Galicia un exemplar da documentación que a seguir se relaciona distinguindo a documentación xurídico-administrativa e a documentación tecnica.
Documentación xurídico-administrativa:
a) No caso de non autorizar a verificación de datos de identidade, deberá presentar copia do DNI/NIE do representante legal.
b) No caso de que se denegue expresamente a verificación, certificación da entidade beneficiaria de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra debeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.
c) No caso de denegar expresamente a verificación, deberá presentar copia do NIF en vigor da entidade que solicita a axuda.
d) No caso de que non se autorice a verificación da capacidade no rexistro mercantil, deberá presentar a escritura de constitución da entidade e do poder bastante do representante legal.
Documentación tecnica:
a) Memoria tecnica e programa de aceleración, segundo o modelo que se inclúe como anexo II, ao dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación no enlace http://gain.xunta.gal/artigos/267/axudas+as+aceleradoras+privadas+apoio+ao+emprendemento+innovador
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a traves do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).
A documentación complementaria, relacionada no artigo 7 desta resolución, presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante superase os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a traves de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
No prazo de presentación de solicitudes, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
Prazo de resolución: Dous meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 23 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Programa de axudas ás aceleradoras privadas de apoio ao emprendemento innovador, no marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (DOG nº 193 do 10 de outubro de 2016).
-
Resolución do 12 de decembro de 2016 pola que se modifican os prazos de xustificación establecidos no artigo 24.1.A) da Resolución do 23 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Programa de axudas ás aceleradoras privadas de apoio ao emprendemento innovador, no marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (DOG nº 238 do 15 de decembro de 2016).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Novacións modificativas nos préstamos concedidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) nos diversos programas instrumentados ao abeiro do decreto 133/2002
Aberto todo o ano
Obtención/renovación do obradoiro artesán
Aberto todo o ano