Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN852A
Axudas do Programa Nexos.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación do programa Nexos para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema Rexional de Innovación, a través do apoio a proxectos colaborativos de Investigación, Desenvolvemento e Innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 Galicia 2021-2027.
Agrupacións de empresas, pequenas, medianas ou grandes, que realicen proxectos de I+D+i en colaboración.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Área de Xestión
Departamento de Xestión de Axudas
Rúa Airas Nunes, s/n (Conxo)
15702 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957303/ 881999159
Email: axudas.gain@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
13/08/2025 00:00 - 22/09/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 22 de setembro, debendo cumprirse o prazo mínimo dun mes.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións de empresas que realicen proxectos de I+D+i en colaboración. As empresas poderán ser pequenas, medianas ou grandes, segundo as definicións contidas no anexo VIII.
2. As agrupacións deberán estar constituídas, como mínimo, por tres empresas e como máximo por seis, e o tamaño da agrupación deberá ser o necesario para garantir unha xestión eficaz. Cada agrupación contará con, polo menos, dúas empresas independentes entre si. Así mesmo, na agrupación poderá participar só unha grande empresa coa participación máxima sinalada no artigo 3.3 desta resolución.
3. Todas as empresas que formen parte da agrupación deberán ter implantado un sistema dixital de rexistro horario da xornada laboral de cada traballador ou, no caso de non dispoñer del, deberán presentar un compromiso por escrito de que estará implantado na data de inicio do proxecto.
4. Todas as empresas que forman parte da agrupación e que obteñan a axuda terán a consideración de beneficiarias e deberán cumprir as súas obrigas como tales. Tanto na solicitude como na resolución de concesión deberán constar, de forma expresa, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles. A concesión e o pagamento da axuda efectuaranse a cada unha das empresas participantes en proporción á parte dos gastos que lle corresponda realizar no proxecto.
5. Se a agrupación de entidades participantes no proxecto non ten personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En todo caso, deberá nomearse un líder, que será o representante único da agrupación, único interlocutor coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponde á agrupación.
6. As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión e o dito documento contractual deberá incluír de forma expresa quen é o líder ou representante da agrupación.
O documento contractual de regulación da agrupación deberá prever, como mínimo, o seguinte:
a) Distribución das actividades, do orzamento total e o achegado por cada un dos membros da agrupación.
b) Acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración para os efectos de interlocución con ela.
c) Xestión da agrupación, plan de continxencias e distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.
d) Termos en que se poida dar a baixa na participación no consorcio ou a súa extinción.
Con todo, o orzamento e as actividades quedarán suxeitos ao establecido na resolución de concesión da axuda.
7. A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.
8. Non poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común. A Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.
Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias as empresas que incumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei xeral de subvencións. En particular, e de conformidade co disposto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, xeral de subvencións, no caso de subvencións de importe superior a 30.000 euros, non poderán ser beneficiarias as entidades, distintas ás entidades de dereito público, con ánimo de lucro suxeitas á Lei 3/2004, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, que incumpran os prazos de pagamento previstos na citada lei.
9. No caso de que algunha das entidades beneficiarias sexa unha entidade que pertenza ao ámbito subxectivo de aplicación da normativa do sector público, deberá respectar toda a normativa que rexe as actuacións das entidades do sector público e, de xeito particular, a normativa de contratación pública nas actuacións e servizos obxecto da axuda contratados con provedores externos.
Forma e lugar de presentación de solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.hgal/chave365).
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberá achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:
a) Documentación xurídico-administrativa:
1°. Poder da persoa representante que presenta a solicitude verificado por un/unha letrado/a da Xunta de Galicia no caso de non estar rexistrado no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG). Entenderase acreditada a representación, sen necesidade de achegar documentación adicional, se a sinatura da solicitude se realizou cun certificado electrónico cualificado de representante de persoa xurídica por unha persoa que teña poder xeral de representación da empresa ante a Administración, de acordo co disposto no artigo 34 do Real decreto 2023/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.
2°. Contrato/s de subcontratación subscritos con organismo/s e/ou empresa/s, debidamente asinados por ambas as partes nos supostos en que o importe da subcontratación supere os 60.000 euros e que o devandito importe exceda o 20 % da axuda concedida.
3°. No caso de representación mancomunada, anexo de comprobación de datos das persoas representantes mancomunadas (anexo II).
4º. No caso de representación mancomunada, anexo de autorización das persoas representantes mancomunadas (anexo III).
5°. Anexo de declaración de información relativa á condición de peme (anexo VII). A Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.
6°. Anexo de comprobación de datos do equipo investigador (anexo IV).
7°. A empresa líder da agrupación presentará o acordo regulador da agrupación debidamente asinado por todos os membros. Neste documento contractual deben establecerse os dereitos e obrigas que asume cada membro da agrupación, co contido mínimo sinalado no artigo 4.6 desta resolución.
8º. Anexo de declaración responsable do cumprimento do principio DNSH (anexo X).
9°. Acreditación sobre o cumprimento dos prazos de pagamento a provedores, de conformidade co previsto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003:
1. Para sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
2. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, certificación emitida por un/unha auditor/a rexistrado/a no Rexistro Oficial de Auditores de Contas do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
As empresas incluídas no punto 1 poderán acreditar tamén a devandita circunstancia por algún dos medios de proba previstos na letra b) do artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e con suxeición á súa regulación.
b) Documentación técnica:
1°. Memoria técnica do proxecto, segundo o índice que se inclúe como anexo IX (en formato pdf) que deberá presentar o líder e asinada por este.
Nesta memoria establecerase un cronograma do plan de traballo, en que se indiquen os distintos paquetes de traballo de execución do proxecto, coa relación das actividades que se desenvolverán ao longo do proxecto e unha descrición destas. Así mesmo, deberán describirse para cada entidade da agrupación os distintos conceptos de gasto para a execución do proxecto, segundo a tipoloxía dos custos subvencionables establecidos nesta convocatoria.
En relación co persoal dedicado ao proxecto, será necesario describir as actividades do cronograma en que participará e as tarefas que desenvolverá, e indicar as horas efectivas da súa xornada laboral dedicadas ao proxecto. En particular, deberase identificar o persoal propio da empresa, e indicarase o perfil do persoal de nova contratación.
Deberanse describir de forma detallada e concisa os materiais, subministracións e produtos similares, de natureza consumible, que deriven directamente do proxecto.
No que se refire aos custos de equipamento, deberá xustificarse a vida útil do equipamento e material instrumental de nova adquisición e o procedemento seguido para calcular os custos de amortización.
Así mesmo, de ser o caso, deberanse especificar as actividades que se van subcontratar, así como as principais funcións que se desenvolverán no proxecto.
Deberán xustificarse os servizos tecnolóxicos externos empregados, de ser o caso, e a súa necesidade para o desenvolvemento das actividades do proxecto.
Tamén se deberán indicar, de ser o caso, os custos subvencionables relativos ao alugueiro de licenzas de software de uso específico para o proxecto, na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto.
2°. Currículos redactados en formato libre de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto por parte de cada membro da agrupación.
c) Plan de comunicación e difusión do proxecto.
Os beneficiarios deberán realizar un plan de comunicación e difusión dos resultados do proxecto para compartir os resultados non suxeitos a confidencialidade co ecosistema de I+D+i, coa sociedade e coas administracións e maximizar así o seu impacto. Este plan deberá presentalo o líder do proxecto e incluirá as actividades que debe realizar cada beneficiario en cada unha das anualidades.
Este plan de comunicación debe describir os obxectivos previstos, as actividades de comunicación propostas, os indicadores para medir os resultados destas e o público a que van dirixidas (comunidade científica, usuarios finais, sociedade en xeral...).
As accións de comunicación deben estenderse ao longo de toda a vida do proxecto, estar estratexicamente planificadas, con obxectivos claros e medibles e ser proporcionais á escala do proxecto. É necesario xustificar por que cada medida elixida é a máis adecuada para o público obxectivo a que vai dirixida.
O plan de comunicación debe incluír como contido mínimo a realización de tres eventos de difusión do proxecto: o primeiro, nun prazo máximo de 3 meses desde da data de concesión da subvención, para explicar os seus obxectivos; o segundo, na metade da execución do proxecto, e o terceiro como máximo 3 meses da finalización do proxecto, para expoñer os resultados non suxeitos a confidencialidade. Este último deberá xerar un impacto medible a través da súa divulgación nos medios de comunicación e nas redes sociais. O plan de comunicación centrarase prioritariamente nas fases intermedia e final, en que se poderán divulgar avances e resultados finais. Nos tres eventos mencionarase expresamente o apoio da Unión Europea e da Axencia Galega de Innovación ás actuacións do proxecto, e mostraranse os logotipos de ambas as entidades en todos os materiais empregados.
As actividades de comunicación e difusión poden consistir en realización ou participación en eventos, xornadas; publicación en plataformas, web e redes sociais; elaboración de folletos, carteis ou vídeos; boletíns periódicos/noticias e comunicados de prensa, entre outras. Así mesmo, ao finalizar as actividades do proxecto deberá elaborarse un microvídeo dun mínimo de dous minutos de duración para difundir os resultados do proxecto a través das redes sociais.
As actividades de difusión e comunicación que impliquen formación non serán subvencionables, así como as axudas de custo e viaxes.
Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos da Unión Europea, todas as actividades do plan deberán respectar o disposto no artigo 50 e no anexo IX do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, e no documento «O uso do emblema europeo no contexto dos programas da UE 2021-2027».
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa presentación.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Os anexos desta convocatoria estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI/NIE da persoa solicitante.
d) DNI/NIE da persoa representante da entidade solicitante. No caso de que a entidade solicitante estea representada por unha persoa xurídica, comprobarase o NIF desta.
e) DNI/NIE/NIF das persoas representantes mancomunadas.
f) DNI/NIE das persoas do equipo investigador.
g) Títulos oficiais universitarios e títulos oficiais non universitarios do equipo investigador.
h) Consulta de vida laboral (TXSS) dos últimos 12 meses do equipo investigador.
i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
j) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente: certificado do grao de discapacidade do equipo investigador.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e nos anexos II e IV, segundo corresponda, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Declaración relativa á condición de PEME (Anexo VII)
- Definicións (Anexo VIII)
- Autorización dos socios mancomunados a favor do representante da empresa (Anexo III)
- Comprobación de datos do equipo investigador (Anexo IV)
- Memoria técnica do proxecto (Anexo IX)
- Comprobación de datos de socios mancomunados (Anexo II)
- Ámbitos estratéxicos (Anexo XI)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 29 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o programa Nexos para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos colaborativos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 Galicia 2021-2027, cofinanciadas pola Unión Europea nun 60 % no marco do programa de Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 153 do 12 de agosto de 2025).
-
Extracto da Resolución do 29 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o programa Nexos para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos colaborativos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 Galicia 2021-2027, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 153 do 12 de agosto de 2025).
-
Corrección de erros. Resolución do 29 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o programa Nexos para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos colaborativos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 Galicia 2021-2027, cofinanciadas pola Unión Europea nun 60 % no marco do programa de Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 155 do 14 de agosto de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.
Aberto todo o ano
Programas sanitarios excepcionais e de investigación ou experimentación en apicultura.
Aberto todo o ano
Autorización de entidades que imparten cursos de capacitación de persoal que traballa con animais para experimentación e outros fins científicos, incluída a docencia.
Aberto todo o ano
Inscrición no rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación.
Aberto todo o ano