Guía de procedementos e servizos

IN519B

Axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 04/02/2026 00:00 - 03/03/2026 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

A mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica, fomentando así a implantación e fixación de empresas.

 As entidades beneficiarias das axudas serán os concellos que realicen investimentos, dentro do seu ámbito territorial, de acordo co obxecto desta orde, para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento no seu termo municipal ou nos termos municipais limítrofes. As solicitudes poderanse presentar individualmente ou de forma conxunta baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar), para os efectos do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial

Subdirección Xeral de Administración e Seguridade Industrial

Edificio IGAPE - Complejo Administrativo de San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545572

Email: cei.sxai@xunta.gal

http://ceei.xunta.gal

Desde o resto do Estado: 902120012

Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

04/02/2026 00:00 - 03/03/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas ou entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Ademais, só poderán ser entidades beneficiarias os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Solicitudes.

Para poder ser entidade beneficiaria das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras.

Lugar de presentación das solicitudes.

 As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Solicitude e documentación complementaria.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria. Para o caso de agrupacións de concellos, o concello solicitante poderá ser calquera dos que forme parte da agrupación.

2. Admitiranse a trámite, como máximo, dúas solicitudes por concello. No caso de que un concello presente máis de dúas solicitudes, a orde de prelación para efectos de considerar as dúas solicitudes admisibles será a de presentación no rexistro de entrada.

Cada solicitude presentada terá como obxecto a realización dunha única actuación das relacionadas no artigo 3.1 destas bases, nun único parque empresarial. En consecuencia, tipoloxías distintas de actuación serán obxecto de solicitudes diferentes.

Só se admitirá unha solicitude dentro de cada tipoloxía de actuación por concello e parque empresarial. No caso de que un concello presente para unha mesma tipoloxía e parque empresarial máis dunha solicitude, unicamente sería admisible a trámite, de ser o caso, a presentada en primeiro lugar no rexistro de entrada.

Os concellos interesados deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

I. Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

II. Acordo do Pleno do concello, ou do órgano municipal que teña a atribución competencial, expedido con anterioridade ao prazo de presentación da solicitude, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda. No caso de agrupacións de concellos, o acordo, que se xuntará por concello participante, incluirá a vontade de acometer a actuación en conxunto cos outros concellos.

III. Memoria técnica xustificativa asinada da actuación que se vai desenvolver. Dentro desta memoria desenvolverase un capítulo específico en relación coa xustificación dos datos necesarios para a avaliación da solicitude segundo o artigo 13 das bases, onde se plasmarán as hipóteses de partida e se fará un cálculo detallado dos valores propostos, se for o caso. No caso de discrepancias entre os datos desta memoria e os que se reflictan na solicitude normalizada, tomaranse como válidos os da memoria xustificativa.

Xunto coa memoria anterior, no caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para súa execución ou licenza, deberase presentar este ou un anteproxecto asinado por un técnico competente.

IV. Orzamento desagregado e asinado dos gastos. No caso de agrupacións de concellos, no orzamento figurará que concello asume cada partida proposta.

Con independencia do documento técnico achegado en aplicación do punto 2.III do presente artigo, o orzamento deberá estar desagregado a nivel partidas e indicarase para cada unha delas a medición, o prezo unitario e importe. Tanto a desagregación como a descrición das partidas deberá permitir coñecer de maneira inequívoca o alcance e contido das actuacións, co fin de que o órgano instrutor poida determinar se estas son subvencionables.

V. Planos da actuación a escala adecuada, incluíndo un plano onde se representen os límites do parque empresarial e o conxunto das actuacións.

VI. No caso de agrupación de concellos, os concellos participantes distintos do concello solicitante, deberase presentar declaración expresa do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo III).

VII. No caso de agrupación de concellos, comprobación de datos dos concellos participantes distintos do concello solicitante (anexo VI).

VIII. Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

IX. De ser o caso, documento que acredite o concello como «Concello emprendedor», expedido con anterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

X. No caso dos parques empresariais que non estean en funcionamento no momento da solicitude, o concello deberá achegar documentación xustificativa que acredite que o parque estará finalizado e operativo no prazo máximo de catro (4) anos desde a solicitude da axuda. Con este fin, deberase acreditar a aprobación do instrumento urbanístico polo que se desenvolve o parque empresarial e do proxecto de urbanización do dito parque, indicando a persoa promotora do desenvolvemento.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algún dos concellos presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Os concellos responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo concello, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Cando se trate de agrupacións de concellos, deberá facerse constar expresamente na solicitude os compromisos asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de entidades beneficiarias. Os compromisos de gasto asumidos por cada membro da agrupación non poderán ser inferiores ao 20 % do investimento subvencionable nos casos en que a agrupación teña ata catro membros e ao 10 % nos casos en que a agrupación teña máis de catro membros. O pagamento da subvención realizarase individualmente a cada membro da agrupación en función do compromiso de gasto asumido por cada un deles. O dito compromiso deberá acreditarse mediante o xustificante de pagamento correspondente que deberá achegarse xunto coa xustificación da subvención.

En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación, e designar o órgano de contratación. Tales termos deberán reflectirse nun convenio entre os concellos, que deberá presentarse xunto coa xustificación da subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións.

8. Nas solicitudes presentadas por unha agrupación de concellos, a actuación deberá ser conxunta e non supoñer actuacións independentes en cada entidade local, polo que deberá existir continuidade na infraestrutura proposta, é dicir, a actuación que se vai subvencionar ten que desenvolverse no territorio de todos os concellos membros da agrupación, servir ao polígono afectado e non supoñer actuacións illadas dentro de cada municipio. Non serán subvencionables, na actuación proposta, aqueles gastos que non cumpran o anterior.

9. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que o concello se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de axudas do Estado (BNDS).

No caso de agrupacións de concellos, consultaranse ademais os seguintes datos para os concellos participantes distintos ao concello solicitante:

a) NIF das entidades.

b) DNI/NIE das persoas representantes.

c) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de axudas do Estado (BNDS).

2. No caso de que os concellos se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso do concello para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar aos concellos a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores.

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá do concello dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 2 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 22 do 03 de febreiro de 2026).

    • Extracto da Orde do 2 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 22 do 03 de febreiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN519F

Axudas encamiñadas á modernización tecnolóxica e dixital nas estacións de servizo de ámbito rural da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ao desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a súa seguridade, en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2026

Tramitar en liña

Prazo aberto: 24/01/2026 00:00 - 09/03/2026 23:59

IN308C

Subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 11/09/2025 09:00 - 13/10/2025 09:00

IN418E

Subvencións para planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas

Prazo pechado: 20/01/2025 09:00 - 15/05/2025 23:59

IN421G

Proxectos de enerxías renovables térmicas.

Prazo pechado: 26/05/2021 00:00 - 25/06/2021 23:59