Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN501A
Axudas para a organización de actividades formativas non regradas e actividades de divulgación que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Establecer as bases que regulan as axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal-madeira, a competitividade, o deseño e o desenvolvemento sustentable, en concordancia coa Estratexia de formación e coa Axenda de impulso da industria forestal-madeira, e proceder a súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2025.
Poderán ser entidades beneficiarias sempre que, con anterioridade á publicación desta resolución, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela:
a) Asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira.
b) Agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira.
c) Colexios profesionais vinculados ás titulacións de Enxeñaría de Montes e/ou Enxeñaría Técnica Forestal e outros colexios profesionais cando as actividades subvencionables se correspondan coa promoción e o desenvolvemento de competencias en materia de construción en madeira e teñan cabida nas competencias profesionais dos colexiados do devandito colexio.
d) Centros universitarios, cando as actividades subvencionables se correspondan coa promoción e o desenvolvemento de competencias profesionais en materia de construción en madeira.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Axencia Galega da Industria Forestal
Avda. Fernando de Casas Novoa, 38 (San Lázaro)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995476
Email: xera.cei@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
29/08/2025 00:00 - 29/09/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
As entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas e rexistradas nos rexistros competentes e estar ao día nos deberes referidos ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros, de ser o caso.
b) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma, así como estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
c) Realizar as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.
d) Ter domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación desta resolución.
e) Acreditar o cumprimento dos prazos de pagamento que se establecen na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para axudas de importe superior a 30.000 euros e cando as entidades solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Solicitudes
1. Para poder ser persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Axencia Galega da Industria Forestal, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I (solicitude), que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9 desta resolución. No caso de que se presentasen dúas ou máis solicitudes terá preferencia a última presentada dentro de prazo.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:
a) Declaración responsable da entidade solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
b) Declaración responsable de que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
f) Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.
g) Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no proxecto para o cal se solicita a axuda.
h) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.
i) Declaración responsable de que a entidade solicitante está legalmente constituída e rexistrada nos rexistros competentes e está ao día nos deberes referidos ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros, de ser de aplicación.
j) Declaración responsable de que a entidade solicitante ten domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación desta resolución e realizará as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.
k) Declaración responsable de que, no caso de solicitar unha axuda por importe superior a 30.000 euros e cando as entidades solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004, se cumpre cos prazos de pagamento que se establecen na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas.
Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán presentar obrigatoriamente coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación xustificativa de acreditación da representación da empresa, no caso de que a solicitude non estea asinada por representante legal.
b) Anexo II-Actividades que se van realizar: descrición das actividades formativas non regradas e de divulgación que se van realizar. So serán considerados aqueles criterios de baremación debidamente consignados no anexo mediante as seguintes declaracións responsables (se aplican):
– Declaración responsable de que a entidade solicitante utilizará o lema «O futuro é de madeira» e o cancelo «#Galiciaémadeira» para promover a actividade.
– Declaración responsable de que a actividade formativa está dirixida ao impulso da construción en madeira.
– Declaración responsable de que a actividade formativa terá unha duración superior a 20 horas.
– Declaración responsable de que a actividade formativa será organizada en formato presencial.
– Declaración responsable de que a actividade formativa acadará unha asistencia mínima de 15 persoas, e sempre que estas acrediten unha asistencia mínima do 80 % da duración da actividade.
– Declaración responsable de que a actividade formativa garantirá o principio de presenza equilibrada de docentes mulleres e homes de forma que cada un dos sexos supoña como mínimo o corenta por cento daqueles. No caso de que o número de docentes sexa un ou tres, puntuará a presenza maioritaria de mulleres.
– Declaración responsable de que a actividade formativa conta con varias edicións.
– Declaración responsable de que a entidade solicitante empregará a lingua galega no desenvolvemento da actividade e nos materiais utilizados, tales como trípticos, material didáctico etc.
– Declaración responsable de que a entidade solicitante traducirá os materiais divulgativos desenvolvidos para a actividade (vídeos, folletos ou publicacións) para outro idioma diferente do galego ou o castelán.
A Axencia Galega da Industria Forestal poderá requirir ás entidades solicitantes documentación xustificativa que avale o declarado.
c) Memoria libre do proxecto en que se recolla para cada unha das actividades, tanto formativas como divulgativas, un resumo explicativo de cada actividade e o orzamento previsto para a súa execución. Esta memoria estará asinada pola persoa que exerza a representación legal da entidade.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario presentar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos establecidos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
7. A documentación deberá achegarse en formato pdf.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
c) Certificación de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
d) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
f) NIF da entidade solicitante.
g) Imposto de actividades económicas (IAE).
h) Certificación de estar ao día nas obrigacións tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario (anexo I), e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, despois de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 14 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de actividades formativas non regradas e actividades de divulgación que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia (DOG nº 164 do 28 de agosto de 2025).
-
Extracto da Resolución do 14 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de actividades formativas non regradas e actividades de divulgación que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia (DOG nº 164 do 28 de agosto de 2025).
-
Resolución do 6 de novembro de 2025 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas e ás solicitudes non admitidas a trámite ao abeiro da Resolución do 14 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de actividades formativas non regradas e actividades de divulgación que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia (DOG nº 223 do 18 de novembro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.
Aberto todo o ano
Autorización de centros de ensinanzas de técnicos deportivos.
Aberto todo o ano
Rexistro de librarías. Axudas para adquirir libros de texto e material escolar.
Aberto todo o ano