Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN421U
Subvencións Plan Renova o Teu Vehículo.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
A concesión de subvencións para a adquisición no ano 2025 vehículos do Plan Renova o Teu Vehículo por parte de persoas físicas, empresas e autónomos que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os suxeitos que se enumeran a seguir:
a) As persoas físicas con residencia habitual no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Dirección Inega
Xerencia do Inega
Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5 - San Lázaro
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541500
Email: inega.info@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
22/01/2025 09:00 - 30/09/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 22 de xaneiro de 2025 ás 9.00 horas (Inicio do período subvencionable) e rematará o 30 de setembro de 2025 ou cando se esgoten os fondos. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).
A adquisición do vehículo obxecto da subvención e o achatarramento do vehículo que se renova poderase efectuar a partir do 1 de xaneiro de 2025.
1. Non poderán ter a condición de beneficiarias destas axudas:
a) Non poderán ser destinatarios últimos das axudas os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, sexa o 615.1 ou o 654.1.
b) Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 2831/2023 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
2. Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Forma de presentación de solicitudes.
1. As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e a documentación complementaria). O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará na data e na hora prevista no artigo 4.5 desta resolución pola que se aproban estas bases e finalizará o 30 de setembro de 2025.
Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas.
2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes, será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas entidades colaboradoras.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude do beneficiario.
3. A entidade colaboradora presentará electronicamente, desde a aplicación, a solicitude de axuda unha vez asinada polo representante, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo IV.
Previamente a presentar a solicitude, a aplicación permitirá imprimir o documento de representación conforme o anexo V, que deberá ser asinado polo solicitante e pola persoa autorizada para a representación, dixitalizado, e xuntarse á solicitude de axuda.
A aplicación informática non permitirá a presentación de solicitudes se non se anexa a documentación complementaria indicada no artigo 11 das bases reguladoras.
4. Os fondos solicitados e os vixentes poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles. Polo tanto, a axuda máxima que se vai conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.
De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática, informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.
As inadmisións, os desistimentos, as denegacións, as renuncias e as minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos, que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.
5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo IV) a seguinte documentación:
a) Autorización para a representación segundo o anexo V.
b) Oferta do vehículo que se pretende adquirir.
A oferta deberá conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE), a marca, o modelo e a versión do vehículo utilizando preferentemente a nomenclatura da Base de datos de vehículos do IDAE.
c) A captura da Base de datos de vehículos dispoñible de páxina web do IDAE na que se poida verificar para vehículos N1 e M1 as emisións de CO2 por quilómetro do modelo seleccionado e adicionalmente no caso de vehículos N1 a MTMA. No caso de información contraditoria ou no caso de non estar dispoñible na páxina web do IDAE, deberase achegar a documentación acreditativa do fabricante.
d) As empresas, cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.
Ademais, o documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Copia do anverso e do reverso da Ficha Técnica (tarxeta ITV) do vehículo que se vai achatarrar.
f) Permiso de circulación do vehículo que se vai achatarrar onde conste a data de primeira matriculación, a data de matriculación en España e a data de expedición. En ausencia de calquera destes documentos ou do indicado na letra e) anterior, achegarase o informe da Dirección Xeral de Tráfico co historial do vehículo.
g) Xustificante de estar ao día no pagamento do imposto sobre vehículos de tracción mecánica do vehículo que se vai achatarrar.
h) No caso de que o solicitante non coincida co titular do vehículo que se vai achatarrar, deberá achegarse a autorización da persoa titular do vehículo que se vai achatarrar segundo o anexo VII. En concreto, deberá autorizar a consulta ou, no caso de que se opoña, presentar a documentación que acredite o seu DNI, os datos de titularidade do vehículo, e o parentesco co solicitante.
O titular que non coincida co beneficiario da axuda ten que autorizar a que se realice a solicitude da axuda e ser cónxuxe ou familiar de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade do solicitante.
i) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante a consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos (10 MB) ou tivese un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.
b) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa AEAT, Seguridade Social e Facenda autonómica.
c) DNI ou NIE, da persoa solicitante, e da persoa titular do vehículo que se vai achatarrar cando non coincida coa persoa solicitante da axuda.
d) NIF da entidade solicitante.
e) Consulta dos administradores da sociedade.
f) DNI/NIE da persoa representante.
g) NIF da entidade representante.
h) Certificado de nacemento co Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes da persoa titular do vehículo que se vai achatarrar coincida esta ou non coa persoa solicitante da axuda.
i) Certificado de matrimonio co Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes da persoa titular do vehículo que se vai achatarrar coincida esta ou non coa persoa solicitante da axuda.
j) Consulta de datos de vehículos coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT), da persoa solicitante e da persoa titular do vehículo que se vai achatarrar cando non coincida coa persoa solicitante da axuda.
k) Consulta de datos de propietarios de vehículos coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e da persoa titular do vehículo que se vai achatarrar coincida esta ou non coa persoa solicitante da axuda.
l) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
m) Concesión de subvencións e axudas.
n) Concesións pola regra de minimis.
2. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
– Título de familia numerosa.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 5 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan Renova o teu vehículo, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria, mediante tramitación anticipada, para a anualidade 2025 (códigos de procedemento IN421T e IN421U) (DOG nº 245 do 20 de decembro de 2024).
-
Extracto da Resolución do 5 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan Renova o teu vehículo, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria, mediante tramitación anticipada, para a anualidade 2025 (códigos de procedemento IN421T e IN421U) (DOG nº 245 do 20 de decembro de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Comunicación da información estatístico-contable anual dos corredores de seguros e reaseguros e dos axentes de seguros vinculados e dos operadores de banca-seguros vinculados.
Prazo aberto: 01/03/2025 00:00 - 30/04/2025 23:59
Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica dos modelos de declaración 008 e de autoliquidación 013 do Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM).
Aberto todo o ano
Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano