Guía de procedementos e servizos

IN421S

Proxectos de enerxía solar fotovoltaica.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 28/01/2026 09:00 - 02/03/2026 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

Apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos.

1. Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias das presentes subvencións:

1. Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias destas subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.

b) As entidades sen ánimo de lucro.

c) Empresas legalmente constituídas e autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

Para os efectos destas bases, terase en conta a definición de empresa recollida no anexo I do Regulamento 651/2014, segundo a cal se considerará empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, pública ou privada, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

En canto ás empresas de servizos enerxéticos, os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, ás actividades recollidas nesta epígrafe e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

Para poder ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha empresa das incluídas no ámbito de actuación destas bases e deberán contar, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídas na Listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.

Para os efectos destas bases, entenderase por empresas de servizos enerxéticos aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no parágrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grao de risco económico ao facelo. Todo isto, sempre que o pagamento dos servizos prestados se basee, xa sexa en parte ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións, incluíndo a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible o estimable.

As entidades que resulten beneficiarias da subvención e, con posterioridade, contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser entidade beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, podendo dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

2. As empresas deben contar cun centro de traballo en Galicia ou realizar algunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Dirección Inega

Xerencia do Inega

Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5 - San Lázaro

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541534

Email: inega.info@xunta.gal

www.inega.gal

Presencialmente, previa cita no teléfono 981541500

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

28/01/2026 09:00 - 02/03/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o sexto (6º) día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas. Cando o último día do prazo sexa inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

1. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

– As persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

– As persoas particulares e comunidades de propietarios sen actividade económica.

– As empresas que non cumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 18 de novembro, xeral de subvencións. As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento UE 651/2014, do 17 de xuño.

– As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

– As empresas do sector da pesca e acuicultura, por aplicación do artigo 1.3.a) do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, sen prexuízo de que as empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura si estarán incluídas nestas axudas por estaren sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023.

– As empresas que operan no sector de produción agrícola primaria coas actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases desde a 1.11 á 02.40 do CNAE-2025, ambas incluídas na exclusión.

– Os sectores a que se refire o número 3 do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño.

– A industria extractiva enerxética, a de refino de petróleo e biocombustibles, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

– Investimentos destinados a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas das actividades enumeradas no anexo I da Directiva 2003/87/CE.

– Empresas dedicadas á fabricación, transformación e comercialización de tabaco e produtos do tabaco.

2. Os/as solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarias conforme este artigo.

Presentación das solicitudes.

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Para facilitar a acreditación da representación achégase un modelo no anexo II destas bases. Unha vez presentada a solicitude non se poderá modificar o proxecto ata que se dite resolución de concesión.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para os efectos informativos.

3.Para formular a solicitude e que esta sexa válida, ademais de encher o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I de solicitude), deberase achegar a través da aplicación a seguinte documentación mínima:

– Nomeamento de representante (anexo II), cando sexa necesario.

– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

4. As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación obrigatoria:

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación obrigatoria:

a. Nomeamento de representante (anexo II) cando proceda.

b. Para acreditar a titularidade ou dispoñibilidade dos terreos, admitiranse os seguintes documentos:

1. No caso de dispoñibilidade dos terreos: contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

2. No caso de titularidade: unicamente no caso de oposición á consulta dos datos catastrais deberá achegarse o título de propiedade. Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI complementado, en ambos os dous casos, da declaración responsable (incluída no anexo I) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.

c. As tres ofertas que debe ter solicitado o solicitante da axuda, salvo cando se trate dunha entidade local, cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

Cando o investimento sen IVE da actuación sexa inferior a 15.000 euros, a persoa beneficiaria deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, salvo cando a actuación sexa inferior a 15.000 euros, deberán solicitarse como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación e presentalas coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño.

2º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe; no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, o modelo, así como as características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes. A oferta deberá conter unha data de emisión.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

4º. No caso de licitacións públicas, poderase presentar un certificado do interventor ou persoa responsable do control do cumprimento da normativa de contratación neste sentido e trasladar a presentación das ofertas á fase de xustificación da actuación.

d. Memoria técnica da actuación, asinada por un técnico competente, que incluirá como mínimo:

1º. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) e unha memoria técnica en que se describirán, de forma detallada, os sistemas do equipamento xerador e do resto dos compoñentes principais da instalación, especificando o sistema de conexión. Tamén incluirá unha xustificación da enerxía xerada, autoconsumida e excedentes e tamén das emisións evitadas de gases de efecto invernadoiro.

2º. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro). Esbozo ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación, especificando o sistema de integración dos paneis.

3º. Folla de características dos equipamentos xeradores.

4º. Orzamento desagregado.

5º. Facturas de consumo eléctrico.

6º. Solicitude de punto de conexión se é necesaria pola normativa vixente, no caso de non obtelo por causa non imputable ao beneficiario permitirase a modificación da modalidade de vertedura xuntando documento xustificativo.

e. As administracións locais, ademais da documentación sinalada nos puntos anteriores, deberán achegar:

1º. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2º. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

3º. Certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

f. As empresas, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista nas alíneas a, b e c deste artigo e, cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

g. Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:

1º. Copia do borrador do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. O contrato asinado deberá achegarse no prazo de 10 días hábiles posteriores á data de presentación da solicitude de axuda desta convocatoria, co obxecto de respectar o seu carácter incentivador.

2º. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

h. Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa ou grande empresa, deberase achegar, ademais:

– Contas anuais da empresa solicitante e das empresas asociadas e vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente.

– Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

i. Documentación adicional obrigatoria para entidades sen ánimo de lucro: xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista nas alíneas a, b e c deste artigo e, ademais, deberán achegar a documentación que acredite a representación correspondente.

j. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. DNI/NIE da persoa solicitante.

2. NIF da entidade solicitante

3. DNI/NIE da persoa representante.

4. NIF da entidade representante

5. Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

6. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

7. Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

8. Datos catastrais.

9. Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, cando se trate de profesionais autónomos.

10. Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

11. Consulta de concesións ampliado.

12. Consulta de axudas de Estado.

13. Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esa consulta deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Tramites administrativos posteriores .

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 23 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027(DOG nº 12 do 20 de xaneiro de 2026).

    • Extracto da Resolución do 23 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (DOG nº 12 do 20 de xaneiro de 2026).

    • Corrección de erros. Resolución do 23 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027(DOG nº 21 do 02 de febreiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG534D

Novacións de débedas co Igape

Prazo aberto: 26/01/2026 09:00 - 30/12/2026 14:00