Guía de procedementos e servizos

IN421O

Axudas para proxectos de enerxía solar fotovoltaica no sector residencial

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 31/10/2025 09:00 - 01/12/2025 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

Apoiar proxectos  promovidos polos particulares, as sociedades patrimoniais de tenza de valores inmobiliarios ou de arrendamento de inmobles, titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos para subministración en vivendas ou inmobles de carácter residencial.

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas e as sociedades patrimoniais de tenza de valores inmobiliarios ou de arrendamento de inmobles, titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Dirección Inega

Xerencia do Inega

Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5 - San Lázaro

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541500

Email: inega.info@xunta.gal

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

31/10/2025 09:00 - 01/12/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 31 de outubro de 2025 ás 9.00 horas (inicio do período subvencionable) e rematará o 1 de decembro de 2025 ás 23.59 horas. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Que o solicitante non fose sancionado pola Consellería de Economía e Industria pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo de un ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave, ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes.

3. Os requisitos para obter a condición de beneficiaria deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Solicitudes.

1. As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e a documentación complementaria). O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 31 de outubro ás 9.00 horas (inicio do período subvencionable) e rematará o 1 de decembro de 2025 ás 23.59 horas.

Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado (anexo IV do procedemento con código IN421O) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude da persoa beneficiaria.

3. A entidade colaboradora presentará electronicamente, desde a aplicación, a solicitude de axuda unha vez asinada polo representante, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo IV. Unha vez presentada a solicitude, non se poderá modificar o proxecto ata que recaia resolución de concesión.

Previamente a presentar a solicitude, a aplicación permitirá imprimir o documento de representación conforme ao anexo V, que deberá ser asinado polo solicitante e pola persoa autorizada para a representación, dixitalizado, e xuntarse á solicitude de axuda.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo IV) a seguinte documentación obrigatoria:

a) Documentación administrativa:

i. Autorización para a representación segundo o anexo V.

ii. Para acreditar a titularidade ou dispoñibilidade dos terreos admitiranse os seguintes documentos: titulo de propiedade ou contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI acompañado, en ambos os dous casos, de declaración responsable (asinada polo solicitante da axuda) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.

iii. No suposto de que o solicitante sexa unha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, o representante deberá asinar a solicitude, e a entidade colaboradora achegará a seguinte documentación:

1º. Documentación que acredite a súa constitución.

2º. Documentación que acredite a representación con que se actúa.

3º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán, igualmente, a condición de persoas beneficiarias, mediante a presentación do anexo VI, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá formalizarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

iv. No caso de que unha comunidade de veciños sexa a solicitante, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o presidente desempeñará a representación da comunidade neste procedemento e será a persoa asinante da documentación, e deberá presentarse:

1º. Acta de constitución da comunidade de propietarios coa relación dos propietarios e a determinación da cota de participación respectiva.

2º. Certificación do acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios aceptando as bases da convocatoria, comprometéndose á execución das respectivas obras e facultando o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.

3º. Acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este aspecto, ou certificación do administrador de predios que xestione a comunidade.

4º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán, igualmente, a condición de persoas beneficiarias mediante a presentación do anexo VI, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá formalizarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

v. No caso de que unha sociedade ou entidade patrimonial, segundo se define no artigo 5.2 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades, sexa a solicitante, deberase presentar:

1º. Escritura de constitución da sociedade e documentación xustificativa do seu carácter de entidade patrimonial, para os efectos do artigo 5.2 da citada lei, coa relación dos socios e a determinación da cota de participación respectiva e escritura en que se outorguen os poderes de representación da sociedade, no caso de que non o faga a escritura de constitución ou que a representación orixinal sufrise algunha variación.

2º. Certificación do acordo adoptado polos socios, segundo establezan os estatutos da sociedade, aceptando as bases da convocatoria, comprometéndose á execución das respectivas obras e facultando o representante da sociedade para formular a solicitude de subvención.

3º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que lle vai a aplicar cada un deles, que terá, igualmente, a condición de persoa beneficiaria mediante a presentación do anexo VI, que se xunta a título informativo. Este anexo deberase formalizar a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

vi. Presentación das tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo. A entidade adherida, a que corresponde a oferta seleccionada, presentará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o DNI/NIF/NIE, nome ou razón social (no caso de sociedades patrimoniais) e enderezo do solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada, deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe; no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, modelo, así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

b) Memoria técnica da actuación, asinada por un técnico competente, que incluirá, como mínimo:

i. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía xeorreferenciada do lugar onde se vai executar o proxecto. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc.). Esbozos ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación, especificando o sistema de integración dos paneis.

ii. Folla de características dos paneis solares.

iii. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) e unha memoria técnica en que se describirán, de forma detallada, os sistemas do equipamento xerador e do resto dos compoñentes principais da instalación, especificando o sistema de conexión.

iv. Última factura do consumo eléctrico e xustificación da enerxía eléctrica anual consumida na vivenda.

c) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código (IN421O) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola aplicación do Inega, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na aplicación do Inega.

5. As persoas interesadas poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificacións de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

d) DNI/NIE da persoa solicitante.

e) NIF da entidade solicitante

f) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Concesión de subvencións e axudas e concesión de axudas de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar, tras a presentación da solicitude, deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 30 de setembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (DOG nº 198 do 14 de outubro de 2025).

    • Extracto da Resolución do 30 de setembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (DOG nº 198 do 14 de outubro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG534D

Novacións de débedas

Prazo aberto: 07/02/2025 09:00 - 30/12/2025 14:00