Guía de procedementos e servizos

IN421H

Adhesión ao programa de axudas para proxectos de enerxías renovables de uso térmico, no sector residencial.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 21/01/2026 00:00 - 23/02/2026 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

Convócase procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das axudas  para proxectos de de enerxía renovables térmicas no sector residencial, en ambitos non urbanos, para o ano 2026.

Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais, sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de eficacia e solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Dirección Inega

Xerencia do Inega

Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5 - San Lázaro

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541500

Email: inega.info@xunta.gal

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

21/01/2026 00:00 - 23/02/2026 23:59

 O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG desta resolución e rematará o 23 de febreiro de 2026 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).

a) Será necesario que as entidades colaboradoras estean dadas de alta na Consellería de Economía e Industria para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico como empresas de instalacións térmicas en edificios (procedemento IN609E).

b) As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta.

c) Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

1º. Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda, e do conxunto da actuación.

2º. Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.

3º. Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.

4º. Xustificación da axuda ante o Inega.

d) Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na paxina web do Inega (www.inega.gal).

e) Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten no prazo establecido no artigo 4 da resolución pola que se aproban estas bases reguladoras.

f) De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Inega, no cal se regularán as condicións e as obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo III destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións.

g) Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Adhesión de entidades colaboradoras.

Solicitudes

As solicitudes de adhesión presentaraas a entidade colaboradora interesada segundo o formulario normalizado do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

a) Adhesión simplificada.

1º. Esta forma de adhesión está unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao convenio de xestión das axudas para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico, no sector residencial, en ámbitos non urbanos, reguladas na Resolución do 29 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 29, do 9 de febreiro) e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico, no sector residencial, en ámbitos non urbanos, para a anualidade 2026.

2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerándose un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

Por defecto, a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria de adhesión de entidades colaboradoras que participasen no procedemento de xestión das axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico, no sector residencial, en ámbitos non urbanos, da anualidade 2024.

Para acceder á aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada, utilizará o usuario e o contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2024.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), deberá presentalos por vía electrónica de conformidade co establecido no artigo 4 da resolución.

3º. Se houbese cambio na representación da entidade colaboradora deberá volverse achegar a documentación solicitada con carácter xeral. Para todas as solicitudes simplificadas, o Inega poderá proceder á comprobación de datos recollida na Adhesión común que se regula a continuación. Se, como consecuencia destas comprobacións, procede solicitar a emenda de documentación, realizarase nos termos recollidos no citado procedemento de Adhesión común.

b) Adhesión común (alta novas entidades colaboradoras).

1º. A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignaránselle un usuario e un contrasinal. Este usuario e este contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.

2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido no artigo 4 da resolución. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG farase unicamente para os efectos informativos.

3º. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

i. Recibo do Imposto de actividades económicas (IAE) ou, se é o caso, declaración responsable de exención de pagamento incluída no anexo II.

ii. Convenio de colaboración (anexo III) debidamente asinado pola entidade colaboradora.

Unha vez asinado polo Inega, a entidade colaboradora poderá acceder ao citado convenio no taboleiro.

iii. Documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4º. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

5º. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superasen os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola aplicación do Inega, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na aplicación do Inega.

c) Comprobación de datos.

1º. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

i. NIF da entidade solicitante.

ii. DNI/NIE da persoa solicitante.

iii. DNI/NIE da persoa representante.

iv. Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.

v. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

vi. Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

vii. Certificado de estar ao día no pagamento coa Facenda autonómica.

viii. Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2º. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3º. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Tramites administrativos posteriores .

Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Despois de presentar

Prazo de resolución:

15 días hábiles desde a presentación da solicitude. 

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 16 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxías renovables de uso térmico no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (DOG nº 12 do 20 de xaneiro de 2026).

    • Extracto da Resolución do 16 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxías renovables de uso térmico no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia(DOG nº 12 do 20 de xaneiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG534D

Novacións de débedas co Igape

Prazo aberto: 26/01/2026 09:00 - 30/12/2026 14:00