Guía de procedementos e servizos

IN200A

Premios de Artesanía de Galicia.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 15/09/2025 08:00 - 26/09/2025 14:30

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Regular a concesión dos premios de Artesanía de Galicia, e proceder a súa convocatoria para o ano 2025, co obxectivo de recoñecer a mellora continua no labor dos/das profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.

Os Premios Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:

a) Premio Artesanía de Galicia 2025

b) Premio Traxectoria 2025

c) Premio Bolsas Eloy Gesto 2025

Profesionais do sector artesán galego.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Fundación Pública Artesanía de Galicia

Área Central, 1º-Local L34FGHI (Fontiñas)

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881999171/ 881999174

Email: centro.artesania@xunta.gal

https://artesaniadegalicia.xunta.gal/ e https://conselleriaemprego.xunta.gal/

Desde o resto do Estado: 902120012

Fundación Pública Artesanía de Galicia
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

15/09/2025 08:00 - 26/09/2025 14:30

O prazo de presentación para as tres candidaturas iniciarase a partir das 8.00 horas do 15 de setembro de 2025 e rematará ás 14.30 horas do 26 de setembro de 2025.

Os premios de Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:

1. Premio Artesanía de Galicia 2025.

Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no desenvolvemento desta.

2. Premio Traxectoria 2025.

Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dunha persoa artesá galega. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia, entidades locais e outras entidades públicas ou privadas encargadas de facer a presentación das candidaturas. Valorarase a traxectoria recoñecida da persoa candidata, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.

3. Premio Bolsas Eloy Gesto 2025.

Esta modalidade ten a finalidade de potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiaranse ata tres candidaturas que presenten unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre as distintas actividades artesanais.

Solicitudes

1. Para a modalidade do Premio Artesanía de Galicia 2025, co fin de avaliar fielmente a calidade, o deseño e a presentación de todas as obras a concurso por parte do xurado que ditaminará a peza gañadora, requírese, excepcionalmente, que a obra xunto coa súa documentación e a solicitude (anexo II) se presenten nas oficinas da Fundación Pública Artesanía de Galicia utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

As persoas interesadas deberán consultar previamente no correo electrónico centro.artesania@xunta.gal o enderezo e o horario de apertura das oficinas. Cando a candidatura se remita por correo, a persoa solicitante deberá xustificar a data de imposición do envío na oficina de Correos (será requisito indispensable que se trate dunha oficina de Correos prestadora do Servizo Postal Universal) e anunciarlle á Fundación Pública Artesanía de Galicia a remisión da candidatura mediante un correo electrónico no mesmo día. Sen a concorrencia de ambos os dous requisitos non será admitida a proposta se é recibida pola fundación con posterioridade á data en que remata o prazo sinalado nestas bases. Transcorridos, porén, os dez días naturais seguintes á data indicada sen recibir a proposta de candidatura, esta non será admitida en ningún caso. Dada a incompatibilidade funcional e loxística derivada do volume das pezas presentadas, non se admitirá a presentación nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Para as modalidades do Premio Traxectoria 2025 e do Premio Bolsas Eloy Gesto 2025, as solicitudes (anexo II) e a restante documentación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou documentación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no caso de que a solicitude ou a restante documentación non reúna os requisitos exixidos nestas bases, requiriráselle á persoa solicitante que a complete no prazo de 10 días coa advertencia de que, transcorridos eses días sen que se achegue a documentación requirida, se dará por desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar co anexo II de solicitude a seguinte documentación:

1. Premio Artesanía de Galicia 2025.

A) Presentación da peza orixinal e, no caso de que non poida ser presentada por cuestións de volume, peso ou localización, exixirase unha maqueta cuxo volume non exceda o metro cúbico e os 40 quilogramos de peso, xunto con material fotográfico do orixinal.

B) Sobre pechado A en que figurará o título da proposta e que conterá en papel a seguinte documentación:

a) Anexo II. Solicitude. É obrigatorio que, de ser o caso, leve a sinatura e o selo da empresa.

b) Currículo do obradoiro artesán.

c) Declaración asinada de que a peza presentada é autoría e propiedade da persoa solicitante e non foi presentada a outros concursos nin publicada con anterioridade en ningún tipo de soporte (redes sociais, web, publicacións e outros).

No caso de que a peza presentada sexa resultado dunha colaboración de varios obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, o sobre deberá conter a documentación sinalada anteriormente cuberta por cada un dos participantes na elaboración da peza.

C) Sobre pechado B en que figurará o título da proposta e conterá en soporte dixital a seguinte documentación:

a) Ficha técnica do proxecto que inclúa o nome ou título da obra, peso, medidas, técnica utilizada, materiais empregados, ano de elaboración e valoración económica.

b) Un mínimo de cinco imaxes da obra presentada en formato.jpg en alta calidade.

c) Memoria descritiva do proceso produtivo e memoria conceptual en que se indique a intencionalidade da peza, as fontes de inspiración e calquera outro dato que axude á comprensión e ao bo entendemento da obra.

Esta documentación non poderá estar asinada nin conter distintivos que a identifique cunha marca ou cunha autoría determinada.

O número máximo de obras por participante será de dous. Asemade, os autores que desexen participar con máis dunha obra deberán cubrir toda a documentación por obra presentada.

Tanto a peza como a memoria que se propón como candidata ao premio non poderán estar asinadas nin conter distintivos que as identifiquen cunha marca ou cunha autoría determinada.

2. Premio Traxectoria 2025.

a) Memoria de presentación na que se sinalen as razóns pola se propón ao premio.

b) Currículo da persoa candidata.

c) Un mínimo de 15 imaxes en formato .jpg, das que un mínimo 5 serán de pezas rematadas e un mínimo de 5 da persoa candidata ao premio.

3. Premio Bolsas Eloy Gesto 2025.

a) Currículo da persoa artesá ou do obradoiro artesán.

b) Memoria descritiva que inclúa o traballo principal da persoa candidata no eido da artesanía, programa ou principais contidos da formación que desexa adquirir a través da bolsa de formación, información principal do centro de formación ou obradoiro de artesanía para o que solicita a bolsa e unha proposta razoada pola que considera que a súa candidatura debe de ser elixida como gañadora nesta categoría.

c) Será preciso aportar un mínimo de 10 imaxes de produto en formato .jpg.

No caso de presentación electrónica obrigatoria, se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Fundación Pública Artesanía de Galicia poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante ou representante.

c) Certificado de estar ao día no cumprimente dos seus deberes coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no cumprimento dos seus deberes coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselle solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Para as modalidades do Premio Traxectoria 2025 e o Premio Bolsas Eloy Gesto 2025, todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Respecto á modalidade do Premio Artesanía de Galicia 2025, os trámites con posterioridade ao inicio do expediente débense realizar presencialmente na sede da Fundación Pública Artesanía de Galicia co fin de avaliar fielmente, por parte do xurado que ditaminará a peza ganadora, a calidade, o deseño e a presentación de todas as obras a concurso e a documentación que se xunta. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites que poderán ser empregados por elas.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 17 de xuño de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia, se convocan para o ano 2025 e se autoriza a Fundación Pública Artesanía de Galicia para a súa concesión (DOG nº 119 do 24 de xuño de 2025).

    • Extracto da Orde do 17 de xuño de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia, se convocan para o ano 2025 e se autoriza a Fundación Pública Artesanía de Galicia para a súa concesión (DOG nº 119 do 24 de xuño de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

CO301B

Bonos Activa comercio.

Prazo aberto: 20/05/2025 00:00 - 31/12/2025 23:59

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano