Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN200A
Premios de Artesanía de Galicia.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Establecer as bases que rexen os Premios Artesanía de Galicia, que se aproban no Anexo I e proceder á súa convocatoria para o ano 2024 co obxectivo de recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.
Os Premios Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:
a) Premio Artesanía de Galicia 2024
b) Premio Traxectoria 2024
c) Premio Bolsas Eloy Gesto 2024
Profesionais do sector artesán galego.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Fundación Pública Artesanía de Galicia
Área Central, 1º andar - Local 34 FGHI. Fontiñas
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881999171/ 881999174
Email: centro.artesania@xunta.gal
http://artesaniadegalicia.xunta.gal/
Desde o resto do Estado: 902120012
Prazo de presentación: PECHADO
16/09/2024 08:00 - 27/09/2024 14:30
O prazo de presentación para as tres candidaturas iníciase a partir das 8.00 horas do 16 de setembro de 2024 e remata ás 14.30 horas do 27 de setembro de 2024.
Os premios de Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:
1. Premio Artesanía de Galicia 2024.
Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no desenvolvemento desta.
2. Premio Traxectoria 2024.
Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dunha persoa artesá galega. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia e outras entidades públicas ou privadas encargadas de facer a presentación das candidaturas. Valorarase a traxectoria recoñecida da persoa candidata, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.
3. Premio Bolsas Eloy Gesto 2024.
Esta modalidade ten a finalidade de potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiaranse ata tres candidaturas que presenten unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e o deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, a calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais.
Solicitudes.
1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión dos premios presentaranse no prazo que se indica no artigo 3.3 da convocatoria.
a) Para a modalidade Premio Artesanía de Galicia 2024, co fin avaliar fielmente a calidade, o deseño e a presentación de todas as obras a concurso por parte do xurado que ditaminará a peza gañadora requírese que a obra xunto coa súa documentación e solicitude se presenten nas oficinas da Fundación Pública Artesanía de Galicia utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. As persoas interesadas deberán consultar previamente no correo electrónico centro.artesania@xunta.gal o enderezo e o horario de apertura das oficinas. Cando a candidatura se remita por correo o solicitante deberá xustificar a data de imposición do envío na oficina de Correos (será requisito indispensable que se trate dunha oficina de Correos prestadora do servizo postal universal) e anunciarlle á Fundación Pública Artesanía de Galicia a remisión da candidatura mediante correo electrónico no mesmo día. Sen a concorrencia de ambos os dous requisitos non será admitida a proposta se é recibida pola Fundación con posterioridade á data en que remata o prazo sinalado nestas bases. Transcorridos, porén, os dez días naturais seguintes á data indicada sen recibir a proposta de candidatura, esta non será admitida en ningún caso. Dada a incompatibilidade funcional e loxística derivada do volume das pezas presentadas non se admitirá a presentación nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
b) Para as modalidades Premio Traxectoria 2024 e Premio Bolsas Eloy Gesto 2024, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
c) De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso de que a solicitude non reúna os requisitos exixidos nestas bases, requiriráselle á persoa solicitante que a complete no prazo de 10 días coa advertencia de que, transcorridos eses días sen que se achegue a documentación, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa.
Documentación complementaria.
As persoas interesadas deberán achegar co anexo II de solicitude a seguinte documentación:
1. Premio Artesanía de Galicia 2024.
A) Presentación da peza orixinal e, no caso de que non poida ser presentada por cuestións de volume, peso ou localización, exixirase unha maqueta cuxo volume non exceda o metro cúbico e os 40 quilogramos de peso, xunto con material fotográfico do orixinal.
B) Sobre pechado A, en que figurará o título da proposta e que conterá en papel a seguinte documentación:
a) Anexo II. Solicitude. É obrigatorio que, de ser o caso, leve a sinatura e o selo da empresa.
b) Currículo do obradoiro artesanal.
c) Declaración asinada de que a peza presentada é autoría e propiedade da persoa solicitante e non foi presentada a outros concursos nin publicada con anterioridade en ningún tipo de soporte (redes sociais, web, publicacións e outros).
No caso de que a peza presentada sexa resultado dunha colaboración de varios obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, o sobre deberá conter a documentación sinalada anteriormente cuberta por cada un dos participantes na elaboración da peza.
C) Sobre pechado B, en que figurará o título da proposta e conterá en soporte dixital a seguinte documentación:
a) Ficha técnica do proxecto que inclúa nome ou título da obra, peso, medidas, técnica utilizada, materiais empregados e ano de elaboración.
b) Mínimo de 5 imaxes da obra presentada en formato jpg en alta calidade.
c) Memoria descritiva do proceso produtivo e memoria conceptual en que se indique a intencionalidade da peza, as fontes de inspiración e calquera outro dato que axude á comprensión e ao bo entendemento da obra.
Esta documentación non poderá estar asinada nin conter distintivos que a identifiquen cunha marca ou cunha autoría determinada.
O número máximo de obras por participante será de dúas. Así mesmo, os autores que desexen participar con máis dunha obra deberán cubrir toda a documentación por obra presentada.
Tanto a peza como a memoria que se propón como candidata ao premio non poderán estar asinadas nin conter distintivos que as identifiquen cunha marca ou cunha autoría determinada.
Co fin de que o xurado que ditaminará a peza gañadora avalíe fielmente a calidade, o deseño e a presentación de todas as obras a concurso, requírese que a obra xunto coa súa documentación se presenten nas oficinas da Fundación Pública Artesanía de Galicia.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Fundación Pública Artesanía de Galicia poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
2. Premio Traxectoria 2024.
a) Anexo II. Solicitude. É obrigatorio que leve a sinatura da persoa representante e o selo do obradoiro, asociación profesional ou entidade pública ou privada que realiza a proposta.
b) Memoria de presentación en que se sinalen as razóns polas cales se propón ao premio.
c) Currículo da persoa candidata.
d) Un mínimo de 15 imaxes en formato jpg, das cales un mínimo 5 serán de pezas rematadas e un mínimo de 5 da persoa candidata ao premio.
3. Premio Bolsas Eloy Gesto 2024.
a) Anexo II. Solicitude. É obrigatorio que leve a sinatura e o selo da empresa, de ser o caso.
b) Currículo da persoa artesá ou do obradoiro artesanal.
c) Memoria descritiva que inclúa o traballo principal da persoa candidata no eido da artesanía, programa ou principais contidos da formación que desexa adquirir a través da bolsa de formación, información principal do centro de formación ou obradoiro de artesanía para o cal solicita a bolsa e unha proposta razoada pola que considera que a súa candidatura debe ser elixida como gañadora nesta categoría.
d) Será preciso achegar un mínimo de 10 imaxes de produto en formato jpg.
Para as categorías Premio Traxectoria 2024 e Premio Bolsas Eloy Gesto 2024, a documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Fundación Pública Artesanía de Galicia poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso de que a documentación complementaria non reúnan os requisitos exixidos nestas bases, requiriráselle á persoa solicitante que a complete no prazo de 10 días coa advertencia de que, transcorridos eses días sen que se achegue a documentación, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.
b) NIF da entidade solicitante ou representante.
c) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa AEAT.
d) Certificado de estar ao día no cumprimentodas súas obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos correspondentes.
3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes.
Para as modalidades Premio Traxectoria 2024 e o Premio Bolsas Eloy Gesto 2024 todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Respecto á modalidade Premio Artesanía de Galicia 2024, os trámites con posterioridade ao inicio do expediente débense realizar presencialmente na sede da Fundación Pública Artesanía de Galicia con fin de que o xurado que ditaminará a peza gañadora avalíe fielmente a calidade, o deseño e a presentación de todas as obras a concurso e a documentación que as acompaña. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites, que poderán ser empregados por elas.
- Fase de Solicitude
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 19 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se acorda publicar as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia e a súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 126 do 1 de xullo de 2024).
-
Extracto da Resolución do 19 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se acorda publicar as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia e a súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 126 do 1 de xullo de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano