Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG408M
Axudas IA360 orientadas a potenciar a innovación empresarial a través do desenvolvemento experimental e a aplicación da intelixencia artificial no tecido industrial galego e a súa cadea de valor, vencellado aos sectores estratéxicos ou de especial relevancia para a Xunta de Galicia.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Concesión de axudas destinadas a PEMES e grandes empresas galegas ou cun centro de traballo permanente e legalmente constituído en Galicia, no que se desenvolvan as actividades do proxecto, co obxectivo de fomentar o desenvolvemento experimental e a capacidade innovadora das PEMES, mediante o uso da intelixencia artificial e a súa implantación no tecido produtivo ou industrial e nas súas cadeas de valor.
IA360 financiará actividades integradas en proxectos de desenvolvemento para pemes e grandes empresas e innovación en favor das pemes, segundo a súa finalidade, mediante as seguintes liñas de actuación:
1. Liña A. Desenvolvemento de produtos ou servizos baseados na IA para a mellora de procesos industriais e a comercialización de novos produtos con foco nos sectores incentivables, de cara a optimizar a produtividade e a competitividade empresarial.
2. Liña B. Adquisición e implantación de solucións baseadas na intelixencia artificial para a mellora da produtividade empresarial.
1. Para as liñas A e B, poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pemes galegas ou cun centro de traballo permanente e legalmente constituído en Galicia, no cal se deberán desenvolver as actividades do proxecto. No caso da liña A, tamén poderán ser beneficiarias as grandes empresas galegas ou cun centro de traballo permanente e legalmente constituído en Galicia, no cal se deberán desenvolver as actividades do proxecto.
2. As empresas beneficiarias deberán exercer a súa actividade no tecido industrial galego e a súa cadea de valor e vencellados aos sectores estratéxicos e de especial interese definidos pola Xunta de Galicia, así coma aqueles sectores emerxentes de especial relevancia ou vencellados aos plans directores da Xunta de Galicia.
3. Para os efectos destas bases, consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
4. As persoas beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para tramitar e executar a axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán na resolución de concesión correspondente, conforme o disposto no artigo 10.2 desta resolución.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
San Lázaro. Complexo Administrativo
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900 815 151
Email: informa@igape.es
Prazo de presentación: ABERTO
17/01/2026 09:00 - 16/03/2026 14:00
O prazo de presentación das solicitudes da axuda comezará a computar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será de dous meses contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo de dous meses.
1. Non poderán ter a condición de empresas beneficiarias:
a) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no número 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014.
d) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
e) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións.
2. As empresas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser persoas beneficiarias conforme este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 para considerar unha empresa en crise.
Solicitudes
1. Para presentar a solicitude, a empresa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da empresa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es. Deberá encher necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios.
2. No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á empresa solicitante:
a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como o deber de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise, conforme ao disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014.
d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.
e) No caso da liña B do programa, que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.
O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as cales se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.
f) Que non iniciou o proxecto e que non existe acordo irrevogable para realizalo.
g) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á empresa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables durante un prazo de 4 anos desde a súa presentación.
h) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores; enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
i) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 3 anos.
j) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación e mesmos custos, solicitadas ou concedidas.
k) Para as entidades suxeitas á inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obriga de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obriga de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (Real decreto 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido de Lei de sociedades de capital.
l) Que non está suxeita a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea que declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.
m) Que ten implantado un plan de igualdade, coa identificación do código do localizador no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos, de ser o caso.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificado dixital, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter mención explícita aos criterios de avaliación e selección dos proxectos aplicables (artigo 7). A extensión da memoria non poderá superar as 30 páxinas.
b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 6 destas bases reguladoras.
c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil. No caso de sociedades rexistradas no Rexistro Mercantil, poderá solicitarse, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.
d) Declaración do imposto de sociedades do último exercicio pechado.
e) As contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o cal se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou a acreditación do seu depósito, no caso de deber de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, anexará as contas anuais consolidadas. Anexaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da persoa solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.
f) En relación coa declaración doutras axudas para o mesmo proxecto ou mesmos custos, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das resolucións de concesión.
g) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:
1. As persoas físicas, mediante certificación subscrita pola persoa física en que afirme alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación do órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Todas elas poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.
2. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación do auditor a que se refire o número anterior, informe de procedementos acordados, elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitaráselle novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Consulta da documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 11.1.c) das bases.
f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) Consulta de concesións ampliado.
h) Consulta de axudas do Estado.
i) Imposto de actividades económicas (IAE).
j) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
k) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
l) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
m) Consulta sobre a titularidade real da entidade e identificación da titularidade real dos subcontratistas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo a través do enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión das axudas IA360 orientadas a potenciar a innovación empresarial a través do desenvolvemento experimental e a aplicación da intelixencia artificial no tecido industrial galego e a súa cadea de valor, vencellado aos sectores estratéxicos ou de especial relevancia para a Xunta de Galicia, e se convocan para os anos 2026 e 2027 en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 10 do 16 de xaneiro de 2026).
-
Extracto da Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión das axudas IA360 orientadas a potenciar a innovación empresarial a través do desenvolvemento experimental e a aplicación da intelixencia artificial no tecido industrial galego e a súa cadea de valor, vencellado aos sectores estratéxicos ou de especial relevancia para a Xunta de Galicia, e se convocan para os anos 2026 e 2027 en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 10 do 16 de xaneiro de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano