Guía de procedementos e servizos

IG408K

Programa Ticket Innova

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 26/01/2026 09:00 - 30/09/2026 14:00

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

Incentivar o uso de servizos para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación polas pequenas e medianas empresas (pemes), en especial, polas pertencentes a sectores tradicionais non intensivos en innovación.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas galegas (en diante, pemes) ou cun centro de traballo en Galicia.

2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900 815 151

Email: informa@igape.es

www.igape.gal

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

26/01/2026 09:00 - 30/09/2026 14:00

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o sexto día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e rematará o 30 de setembro de 2026 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos para os que solicitan a axuda.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou que incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Solicitudes

1. Unha mesma entidade só poderá presentar unha solicitude en toda a convocatoria e para iso deberá escoller un servizo entre os seis correspondentes aos seis tickets para a innovación descritos nesta convocatoria.

De presentarse máis dunha, arquivaranse automaticamente as rexistradas despois da primeira, salvo que a persoa solicitante desista expresamente das outras.

2. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.

No devandito formulario a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á persoa solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

d) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) núm. 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as que se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, durante un período de catro anos desde a súa presentación.

f) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

g) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.

h) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada nos tres anos previos á concesión da axuda.

i) Declaración de non atoparse nas circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei de subvencións de Galicia.

j) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obriga de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (Real decreto 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido da Lei de sociedades de capital.

3. No formulario incluirase a xustificación dos gastos realizados (facturados e pagados) mediante a modalidade de conta xustificativa simplificada, regulada no artigo 51.1 do Decreto 11/2009, que incluirá:

1º. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

2º. Unha relación clasificada dos gastos, con identificación do acredor e do documento, o seu importe con e sen IVE, a data de emisión e a data de pagamento.

De acordo co establecido no artigo 31 da Lei 30/2008, xeral de subvencións, os gastos para os que se solicite axuda deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

3º. O detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen os custos subvencionados, con indicación do seu importe e procedencia.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación, ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

4º. Os xustificantes de pagamento dos gastos subvencionables que serán admisibles deben axustarse ao establecido ao respecto no artigo 42 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/afirma-anexo-PSC).

Unha vez asinado o formulario de solicitude mediante o certificado dixital, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

As solicitudes presentadas non poderán modificarse.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

No caso de sociedades rexistradas no Rexistro Mercantil, poderá solicitarse, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.

b) Declaración do imposto de sociedades do último exercicio pechado.

c) As contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de obriga de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría.

Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, anexará as contas anuais consolidadas. Anexaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da persoa solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.

d) Declaración da condición de peme, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude, con datos das contas anuais do último exercicio pechado na data da solicitude.

e) Con relación á declaración doutras axudas para o mesmo proxecto e doutras axudas de minimis recibidas durante os tres anos previos, cando teña axudas concedidas, deberá achegar unha copia das resolucións de concesión.

f) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Consulta da documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo a letra a) do artigo 8.1 das bases.

e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado.

g) Consulta de concesións ampliado.

h) Consulta de axudas do Estado.

i) Imposto de actividades económicas (IAE).

j) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

k) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

l) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo a través do enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia, a través da aplicación de servizos de innovación, programa Tícket Innova para o ano 2026, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 10 do 16 de xaneiro de 2026).

    • Extracto da Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia, a través da aplicación de servizos de innovación, programa Tícket Innova para o ano 2026, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 10 do 16 de xaneiro de 2026).

    • Resolución do 9 de xullo de 2026 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito destinado á concesión das axudas para a mellora da capacidade da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia, a través da aplicación de servizos de innovación, programa Tícket Innova para o ano 2026, convocadas pola Resolución do 30 de decembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 10, do 16 de xaneiro de 2026) (DOG nº 131 do 15 de xullo de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano