Guía de procedementos e servizos

IG408E

Axudas de xuros en préstamos concedidos con fondos públicos.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 14/03/2025 09:00 - 01/12/2025 14:00

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

Regular as condicións e o procedemento de tramitación da subvención de xuros de préstamos subscritos coas entidades e para as modalidades de financiamento subvencionable especificadas no anexo I destas bases.

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as persoas físicas ou xurídicas titulares de préstamos concedidos e formalizados a partir do ano 2020, para o desenvolvemento de proxectos empresariais con impacto directo en Galicia, coas entidades e modalidades relacionadas no anexo I, que se atopen ao día nos pagamentos nos ditos préstamos, que desenvolvan unha actividade económica empresarial en Galicia e que teñan os seus centros de traballo localizados maioritariamente nesta comunidade autónoma.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación se están declaradas en concurso, salvo que neste adquirise eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 do Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores, ao abeiro do libro segundo do Real decreto lexislativo 1/2020, salvo que adquirise eficacia un plan de reestruturación.

c) As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Fax: 981558844

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

14/03/2025 09:00 - 01/12/2025 14:00

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse transcorridos 5 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será publicado no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

b) O 1 de decembro de 2025, ás 14.00 horas.

Solicitudes.

1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizase a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude exerza a representación legal da persoa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todas as persoas asinantes autorizan unha delas para presentar a solicitude. Este documento deberá ser asinado electronicamente por cada unha das persoas autorizantes.

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital da persoa presentadora, e transferido este ao Igape, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o Rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape (https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1º. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.

2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

i. Certificación emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecido na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación do auditor a que se refire o número anterior, Informe de procedementos acordados elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen detectar excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

b) Pólizas ou contratos de financiamento das operacións das cales se solicita subvencionar os xuros.

c) Certificación emitida pola entidade prestamista, en que se identifiquen a titular, a operación financeira, a modalidade de operación, o capital vivo nas datas 31.12.2024 e de emisión, e que indique expresamente que non ten cantidades vencidas pendentes de pagamento. Para o caso de préstamos a tipo de xuro variable, deberá incluír o tipo de xuro nominal anual aplicable en 1.1.2025 e as modificacións producidas ata a data de emisión do certificado.

d) Memoria explicativa do proxecto empresarial que se financia co préstamo para o que se solicita a subvención, que detalle os investimentos e gastos financiados e o impacto para as actividades da empresa en Galicia.

e) Cadro de amortización que detalle claramente o capital vivo previsto nos períodos de liquidación de xuros comprendidos entre o 1.1.2025 e o 31.10.2026.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder do Igape ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Certificado de renda (IRPF).

j) Informes da vida laboral necesarios para a comprobación da localización dos centros de traballo.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Consulta de concesións pola regra de minimis.

m) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados telematicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 25 de febreiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas de xuros en préstamos concedidos con fondos públicos para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 45 do 6 de marzo de 2025).

    • Extracto da Resolución do 25 de febreiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas de xuros en préstamos concedidos con fondos públicos para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 45 do 6 de marzo de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano