Guía de procedementos e servizos

IG408D

Axudas ao investimento para infraestruturas locais, promovidas por grandes empresas galegas

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 01/09/2025 09:00 - 01/10/2025 14:00

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

1. Apoiar proxectos de creación de infraestruturas en Galicia que contribúan a nivel local a mellorar o contorno das empresas e os consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial, e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estarán á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo uso ou venda das infraestruturas será o prezo de mercado.

b) Deberán permitir a utilización por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice. Non serán subvencionables os proxectos en que o solicitante ou un terceiro utilice de xeito exclusivo ou maioritario a infraestrutura para si ou para a execución de proxectos para terceiros. Para os efectos destas bases, considerarase utilización maioritaria por parte dun terceiro a que supere o 75 % da facturación da infraestrutura.

c) A concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar as infraestruturas realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.

d) Deberán prestar servizos que non estean dispoñibles localmente no momento da solicitude, ou servizos cuxa oferta local non se axuste ás necesidades das empresas.

2. Non serán subvencionables os proxectos de desenvolvemento de infraestruturas de investigación, de agrupacións empresariais innovadoras, sistemas urbanos de calefacción e refrixeración enerxeticamente eficientes, infraestruturas de enerxía, reciclado e reutilización de residuos, infraestruturas de banda ancha, cultura e conservación do patrimonio, infraestruturas deportivas e recreativas multifuncionais, aeroportos e portos.

3. O investimento global para a creación da infraestrutura deberá ser inferior a 20.000.000 €.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as sociedades mercantís con domicilio social ou centro de actividade en Galicia, coa forma xurídica de sociedade limitada ou sociedade anónima que excedan a definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Fax: 981558844

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

01/09/2025 09:00 - 01/10/2025 14:00

Prazo de presentación de solicitudes: comezará a contar o sexto día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes.

Deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura subvencionable en territorio galego.

b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 40 % dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

c) Que teñan sede social ou algún centro de actividade en Galicia.

Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas pertencentes ao sector da pesca e a acuicultura, así como as pertencentes ao sector da produción agrícola primaria, de conformidade co artigo 1.3, letras a) e b), do Regulamento (UE) nº 651/2014.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014. As empresas solicitantes deberán cubrir no formulario electrónico de solicitude unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

d) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

e) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Forma e lugar de presentación das solicitudes

Para presentar a solicitude, a persoa representante da sociedade deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es . Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios.

2. No devandito formulario, a persoa representante da sociedade mercantil deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

e) Que non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

f) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados.

g) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de catro anos a partir do remate do prazo de execución.

h) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de mantemento dos investimentos definido no artigo 16.a) destas bases.

i) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.

j) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de única empresa definida no artigo 2.2 do Regulamento UE 2023/2831.

k) Non estar suxeita a unha orde de recuperación de axuda pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

l) No caso de activos intanxibles subvencionables, que están directamente relacionados co proceso produtivo, e foron adquiridos a terceiros, non relacionados co comprador e en condicións de mercado.

3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://spiga-sede.igape.es

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As solicitudes subscribiranse directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificado dixital, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Documentación complementaria

1. As empresas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto e do investimento proxectado, que se cubrirá no propio formulario electrónico de solicitude, no formato proposto pola aplicación.

b) Se é o caso, memoria dos activos que achega a sociedade para o funcionamento da infraestrutura valorados por experto independente, indicando para cada elemento a data de adquisición ou incorporación, valor ou custo de adquisición e importe da amortización acumulada á data de incorporación á sociedade.

c) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, debe solicitar a persoa interesada, de acordo co establecido no artigo 5.7 destas bases, para os investimentos do proxecto de infraestrutura.

d) No caso de investimento en obra civil, deberán achegar os seguintes planos:

1º) Esbozo de localización dentro do termo municipal.

2º) Plano xeral acoutado das instalacións, en que se diferencie a situación inicial da posterior ao investimento.

3º) Planos de distribución en planta, en que se aprecien os espazos da nova construción e a instalación dos novos bens de equipamento.

e) No caso de reforma en inmobles arrendados, ademais da documentación da letra d), o solicitante deberá presentar o contrato de arrendamento do inmoble, cunha duración mínima de 5 anos contados desde a data prevista de posta en marcha da infraestrutura.

f) As empresas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1º. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.

2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor a que se refire o número anterior, «Informe de procedementos acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Imposto de actividades económicas (IAE).

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

h) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Tramites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 6 de agosto de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa Infraestruturas Estratéxicas Abertas), promovidas por grandes empresas galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 160 do 22 de agosto de 2025).

    • Extracto da Resolución do 6 de agosto de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa Infraestruturas Estratéxicas Abertas), promovidas por grandes empresas galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 160 do 22 de agosto de 2025).

    • Resolución do 15 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade á resolución de concesión das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa Infraestruturas estratéxicas abertas), promovidas por grandes empresas galegas para o ano 2025 (DOG nº 247 do 23 de decembro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano