Guía de procedementos e servizos

IG300F

Axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios Ambientais, Sociais e de Gobernanza (ASG) nas empresas galegas.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 05/08/2025 09:00 - 30/09/2025 14:00

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos individuais nos que unha empresa aborda medidas de impacto nos factores ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza), especificamente deseñadas ou desenvolvidas para o seu ámbito de actividade, cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desfeitos, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso en outros procesos produtivos; e tamén aquelas actuacións dirixidas desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo os empresarios autónomos, que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipos para os que solicitan a axuda.

b) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos) que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

d) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

e) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

As persoas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non encontrarse en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarias conforme este artigo.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Fax: 981558844

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

05/08/2025 09:00 - 30/09/2025 14:00

Prazo de presentación de solicitudes: comezará a computarse transcorridos cinco (5) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas, e rematará o 30 de setembro de 2025, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito. En ningún caso o prazo de presentación de solicitudes poderá ser inferior a un mes.

Solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.

2. As empresas poderán presentar un único proxecto en cada convocatoria; no caso de que unha única entidade presente máis dun proxecto, só se tería en conta o primeiro que teña entrada no Rexistro electrónico.

3. No caso de que o proxecto conteña unha mestura de varias tipoloxías (global, ambiental, social, gobernanza) en que se agrupan os obxectivos descritos no artigo 1, os solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha das tipoloxías definidas en función da que consideren principal ou máis salientable.

4. No dito formulario electrónico, a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

d) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un prazo de catro anos desde a súa presentación.

f) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá os investimentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de tres (3) anos, segundo o establecido no artigo 6.8 destas bases reguladoras.

g) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas cando se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; así mesmo, tomarase en consideración a definición de única empresa definida no artigo 2.2 do Regulamento UE 2023/2831.

h) Declaración das axudas concorrentes para os mesmos gastos subvencionables, solicitadas ou concedidas.

i) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada nos tres anos previos á concesión da axuda.

5. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

6. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificado dixital, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación, o Rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Documentación descritiva do proxecto e dos seus custos:

a) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter mención explícita aos obxectivos a que se dirixe o proxecto (artigo 1).

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 6.5 destas bases reguladoras, salvo as excepcións previstas nestas bases reguladoras.

Documentación do expediente administrativo:

c) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de non estaren inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).

d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1º. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen que acadan o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.

2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se acada o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor a que se refire o número anterior «Informe de procedementos acordados», elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou, no caso de que se detecten, estas non impidan acadar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados, polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Imposto de actividades económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante.

f) Consulta de información do imposto de actividades económicas ampliado da persoa ou entidade solicitante.

g) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT da persoa ou entidade solicitante. 

h) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social da persoa ou entidade solicitante. 

i) Certificado de estar ao día no pagamento á Consellería de Facenda e Administración Pública da persoa ou entidade solicitante. 

j) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante. 

k) Consulta de concesións polo réxime de minimis da persoa ou entidade solicitante. 

l) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante. 

m) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 9.1 das bases, da persoa ou entidade solicitante. 

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 14 de xullo de 2025 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas empresas galegas para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 142 do 28 de xullo de 2025).

    • Extracto da Resolución do 14 de xullo de 2025 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas empresas galegas para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 142 do 28 de xullo de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano