Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
FA700A
Convocatoria pública, en réxime de concurrencia competitiva, para a ocupación temporal, para usos sociais e sanitarios, dos locais destinados a tal fin no edificio da rúa Gregorio Hernández, esquina Avenida Peruleiro do Concello da Coruña, denominado espazo Amizar.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Facenda e Administración Pública
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria pública, en réxime de concorrencia, para a ocupación temporal, para usos sociais e sanitarios, dos locais que se van destinar para tal fin no Edificio Administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma na rúa Gregorio Hernández da Coruña, tamén denominado espazo Amizar (código de procedemento FA700A).
A finalidade da orde é poder autorizar a ocupación temporal dos ditos locais, por entidades sen ánimo de lucro, para usos sociais e sanitarios. Esta autorización terá carácter gratuíto, consonte o disposto no artigo 39.5 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, cos dereitos e obrigas regulados ao longo da presente orde.
Procedemento de adxudicación de locais e modalidade da autorización do uso.
O procedemento para a adxudicación dos locais tramitarase mediante o réxime de concorrencia, de acordo co establecido na Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio de Galicia, aplicándose de forma supletoria a Lei 9/2007, do 13 de xuño, xa que é necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento da superficie dispoñible.
O prazo inicial de duración das autorizacións de uso será de dous anos, prorrogables anualmente ata un máximo, incluídas as prórrogas, de catro anos. Transcorrido o prazo inicial sen que se producise a súa prórroga, ou transcorrido o prazo anual da primeira prórroga sen unha nova prórroga ou, en todo caso, transcorrido o prazo máximo, as autorizacións quedarán extinguidas e iniciarase, se é o caso, un novo procedemento de adxudicación dos locais que se recollen nesta orde.
As asociacións e entidades sen ánimo de lucro poderán presentar solicitudes de xeito individual ou de maneira conxunta mediante a súa agrupación. Tanto nun caso como noutro requirirase que todas as entidades que se presentan cumpran cos requisitos que se citan no parágrafo seguinte.
Poderán ser beneficiarios aquelas asociacións e entidades sen ánimo de lucro que cumpran cos seguintes requisitos:
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña
Secretaría Territorial da Coruña
R/ Vicente Ferrer, 2
15071 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 981185991/ 981185977
Prazo de presentación: PECHADO
03/03/2022 00:00 - 04/04/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
a) Que, consonte os seus estatutos, na data da publicación desta orde, o seu domicilio se atope no concello da Coruña, nos seus concellos limítrofes ou na súa bisbarra; tamén se admitirán aquelas que, fóra destes casos, acrediten realizar a meirande parte da súa actividade no municipio da Coruña, nos seus concellos limítrofes ou na súa bisbarra.
b) Que non teñan ánimo de lucro e que os seus fins sexan de interese social ou sanitario.
c) Que se atopen legalmente constituídas e inscritas no rexistro público correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que se atopen ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.
e) No caso de estar obrigadas, ter depositadas as contas no rexistro público correspondente. Este requisito deberá ser cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
Solicitudes.
1. As asociacións e entidades que cumpran co recollido no artigo 4, que desexen dispoñer dun local, presentarán solicitude dirixida á Secretaría Territorial da Delegación da Xunta de Galicia na Coruña, segundo o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se establece no artigo 6 desta orde.
No caso de solicitudes conxuntas, as asociacións e entidades sen ánimo de lucro integrantes nomearán un/unha representante dunha delas como representante único, que actuará como coordinador/a e interlocutor/a único/a perante a Secretaría Territorial da Delegación da Xunta de Galicia na Coruña. Non obstante, a autorización de uso será conxunta para todas as entidades solicitantes.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. A entidade que presente unha solicitude conxuntamente con outra ou outras non poderá presentar unha nova solicitude nin conxunta nin individualmente. Cando o órgano tramitador observe que unha asociación ou entidade sen ánimo de lucro participa en máis dunha solicitude, porallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes que sexan necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo. De non se ter recibido comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes en que participe.
Documentación complementaria.
Para solicitar a ocupación temporal dos locais que se van destinar para tal fin, a entidade peticionaria achegará coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Certificación emitida polo/a secretario/a da asociación ou entidade, na cal se faga constar o acordo do órgano competente da asociación ou entidade para tramitar, ante a Secretaría Territorial da Delegación da Xunta de Galicia na Coruña, a solicitude de autorización de uso de locais que se pretenden tramitar ao abeiro desta orde (anexo II). No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións establecidas na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O acordo estará referido a todas as actuacións que se recollen na memoria xustificativa que se menciona na alínea c). O incumprimento deste requisito constituirá causa de non admisión da solicitude.
b) Memoria xustificativa da necesidade do local que se solicita, asinada electronicamente polo/a representante da asociación ou entidade. Nesta memoria recolleranse os seguintes datos:
– Adecuación do uso ao que se vai destinar o local e previsión de actividades da asociación ou entidade, durante todo o tempo de duración da autorización. Deberá definirse claramente a necesidade do local que se solicita, os obxectivos durante todo o tempo de duración da autorización, a descrición das actividades que se van realizar e o orzamento desagregado para o devandito período e un cronograma.
– Relevancia social: deberá indicarse o carácter do/dos proxecto/s que se desenvolverá/n no local solicitado: de igualdade de mulleres e homes; risco de exclusión ou marxinación e a súa integración social; saúde; para proxectos dirixidos a persoas con discapacidade ou dependentes; iniciativas sociais; outros.
– Número de beneficiarios e incidencia na participación: indicarase o número previsto de persoas ao ano que serán beneficiarias da atención no local asignado. Deberase indicar o número aproximado de persoas que se prevé atender ao ano, non un dato xeneralista ou poboacional.
Para determinar o número de beneficiarios deberán achegar a memoria de actividades, ou plan de actuación ou unha declaración responsable do representante da asociación ou entidade solicitante.
– Atención da asociación ou entidade no desenvolvemento das actividades previstas. Indicarase o horario de atención ás persoas beneficiarias.
– Opcionalmente, compromiso expreso da entidade solicitante para a utilización da lingua galega na documentación presentada e na realización das actividades para as cales se solicita/n o/os local/ais.
– Opcionalmente, epígrafe na cal se recollan as actuacións previstas pola entidade solicitante, que incentiven a igualdade de mulleres e homes no desenvolvemento diario das súas actividades.
– A asociación ou entidade sen ánimo de lucro deberá xustificar que desenvolve, maioritariamente, a súa actividade no ámbito territorial do concello da Coruña. No caso daquelas que, tendo a súa sede social fóra do concello da Coruña, dispoñan dunha delegación ou establecemento neste, deberán desagregar, por anos, a atención prestada nesa delegación.
No caso de solicitudes conxuntas, presentarase esta documentación por cada unha das entidades participantes.
Todos os documentos anexados serán arquivos de formato PDF.
c) No caso de solicitudes conxuntas, achegarase o acordo asinado polos/as representantes das asociacións ou entidades sen ánimo de lucro solicitantes que recolla, de xeito expreso, a súa conformidade coa tramitación da solicitude conxunta, así como o nomeamento do/da representante único/a e a porcentaxe prevista de utilización, por parte de cada unha das asociacións ou entidades sen ánimo de lucro, do espazo solicitado e a aceptación das condicións establecidas nesta orde (anexo III).
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIF da persoa representante.
c) Certificacións de estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Seguridade Social e Facenda da Comunidade Autónoma.
d) Certificado de inscrición emitido polo rexistro correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Certificado do rexistro público correspondente de ter depositadas as últimas contas que teñan a obriga de presentar.
No caso de solicitudes conxuntas, a consulta realizarase por cada unha das entidades solicitantes.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade ou persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Un mes
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 18 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, para a ocupación temporal, para usos sociais e sanitarios, dos locais destinados para tal fin no edificio da rúa Gregorio Hernández esquina avenida Peruleiro do concello da Coruña, denominado espazo Amizar (DOG nº 42 do 2 de marzo de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Presentación directa de reclamacións en materia de centros, servizos e programas de servizos sociais
Aberto todo o ano
Remisión polas entidades prestadoras de servizos sociais de reclamacións presentadas no seu libro de reclamacións
Aberto todo o ano
Expedición de títulos de ensinanzas impartidas nas escolas de tempo libre.
Aberto todo o ano
Recoñecemento oficial dos servizos de información xuvenil.
Aberto todo o ano