Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
EM926G
Reencontros con Galicia
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Para realizar este trámite presencialmente debes imprimir o seguinte modelo e presentalo nunha oficina.
Utiliza a opción "DESCARGAR PDF IMPRESIÓN" para imprimilo.
Podes cubrir o formulario en liña e imprimilo unha vez cuberto. Poderás gardar os avances e continuar noutro momento utilizando as opcions "Gardar" e "Recuperar".
A concesión de axudas correspondentes ao programa Reencontros con Galicia para o ano 2026, que ten por finalidade facilitar ás persoas maiores galegas residentes no exterior o contacto coa realidade galega actual e o encontro cos seus familiares mediante un período de estadía en Galicia, entre os días 7 e 17 de outubro, e o desenvolvemento dun programa de actividades socioculturais. Co fin de reforzar os lazos familiares, prevese a posibilidade de que os participantes poidan prorrogar a súa estadía, pola súa conta, durante un período aproximado de quince (15) días máis
Persoas emigrantes galegas de 65 anos ou máis, residentes en América e Europa.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais
Praza de Mazarelos, 15
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545882
Email: accion.social.emigracion@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
14/05/2026 00:00 - 15/06/2026 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Se é preciso, poderase prolongar uns días o prazo de permanencia deste procedemento na sede electrónica da Xunta de Galicia, exclusivamente para os efectos de que as delegacións e demais entidades autorizadas, en exercicio da autorización outorgada polas persoas solicitantes para facelo, poidan introducir os datos das solicitudes recibidas en prazo.
1. Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser unha persoa emigrante galega.
b) Posuír a nacionalidade española.
c) Residir no exterior de maneira continuada, como mínimo, durante os dez (10) últimos anos naturais (2016-2026).
d) Ter 65 anos o 7 de outubro de 2026.
e) Non ter participado nos últimos dez (10) anos naturais en programas de viaxes a Galicia organizados pola Secretaría Xeral da Emigración, isto é, desde 2017 en diante. Excepcionalmente, cando nalgún dos países ou áreas xeográficas indicadas no anexo I non haxa ningún solicitante que cumpra este requisito para cubrir as prazas ofertadas, o titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá reducir a cinco (5) o número de anos arriba indicado. Neste caso limitarase o número de prazas asignado ao 50 %.
f) Acreditar que se vale por si mesma para realizar as actividades básicas da vida diaria, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia, estar en boas condicións físicas para realizar unha viaxe de longa duración e para realizar actividades lúdicas e saídas culturais en autocar pola contorna.
g) Os solicitantes de América que opten a unha das prazas financiadas ao cen por cento pola Secretaría Xeral da Emigración terán que acreditar que carecen de ingresos suficientes.
Para os solicitantes de América, considéranse suficientes os que superen a contía resultante de multiplicar por dous (2) o importe da base de cálculo da prestación por razón de necesidade que o Goberno español determine para o ano 2026 para cada país ou, no caso de que convivan con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía determinada pola suma dese límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.
O resto das persoas solicitantes deben optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento consonte o especificado no anexo I desta convocatoria e aboar á empresa que resulte adxudicataria do servizo dos desprazamentos internacionais a cantidade de 600 € ou 250 €, segundo residan en América ou Europa, no prazo de dez días contados a partir da publicación da resolución de concesión das axudas.
h) No suposto de que decidisen prolongar a súa estadía en Galicia durante quince días, presentar unha declaración responsable asinada por algún familiar maior de idade ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade, segundo o modelo do anexo V (consentimento da familia en Galicia).
2. As persoas solicitantes que queiran vir acompañadas poderán facelo polo cónxuxe ou persoa a elas unida por unha relación de afectividade análoga coa que leve convivindo, polo menos, durante o último ano completo, ou por un/unha fillo/a ou irmán/á.
As persoas solicitantes con 85 anos feitos o 7 de outubro de 2026, salvo en supostos excepcionais que serán obxecto de valoración pola Secretaría Xeral da Emigración, deben vir acompañadas por outra persoa da súa familia que teña unha idade entre 30 e 70 anos o 7 de outubro de 2026. Neste caso, amplíase o grao de parentesco ata o cuarto grao de consanguinidade.
3. As persoas acompañantes que non formen parte da unidade familiar dos solicitantes deben asumir o compromiso de facerse cargo delas desde o inicio da viaxe ata o regreso ao seu país de residencia. A Secretaría Xeral da Emigración facilitaralles un modelo aos que resulten beneficiarios, para que formalicen ese compromiso por escrito.
Así mesmo, no suposto de que a persoa á que acompañan solicitase unha axuda segundo o financiamento do 100 %, deben presentar os documentos que acrediten que os seus ingresos persoais se atopan por debaixo do límite establecido na alínea g) deste artigo. Se non os presentan ou os seus ingresos superan ese importe, corresponderalles a modalidade de axuda de copagamento (é dicir, achegarán a cantidade de 600 € ou 250 €, segundo residan en América ou Europa para os gastos do voo), que tamén se aplicará aos acompañantes de persoas solicitantes que optasen por esa modalidade.
Solicitudes
1. Cada persoa participante só poderá presentar unha solicitude debidamente cuberta. A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
As persoas solicitantes residentes en América que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás oficinas das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e das entidades que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia.
• En Brasil:
– Peña Galega de la Casa de España de Río de Janeiro.
– Sociedad Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrucción de São Paulo.
– Sociedad de Socorros Mutuos y Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
– Asociación Cultural Hispano-Gallega Caballeros de Santiago en Salvador de Bahía.
• En Cuba:
– Federación de Sociedades Galegas na Habana.
• En Venezuela:
– Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.
– Hermandad Gallega de Valencia.
– Centro Gallego de Maracaibo.
– Centro Gallego de Puerto La Cruz.
– Asociación Hijos de Galicia de los Estados de Aragua y Lara.
A utilización desta vía requirirá que a persoa solicitante autorice a persoa encargada da correspondente entidade para que presente a súa documentación na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen prexuízo da súa obriga de cubrir e asinar a solicitude segundo o anexo II.
No caso de acudir a algunha das devanditas entidades, é recomendable que as solicitudes se presenten cunha antelación suficiente respecto ao último día do prazo de presentación das solicitudes.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude (anexo II) a seguinte documentación da persoa solicitante:
a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade, mediante o pasaporte español ou outro documento en que consten os seus datos persoais de identificación e a nacionalidade española.
b) Documentación acreditativa do lugar e data de nacemento, para o caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.
c) Unha fotografía recente tamaño carné.
d) Certificado do Rexistro de Matrícula Consular como residente no país de América ou Europa que corresponda en que conste a data de inscrición, ou outro documento acreditativo da súa residencia no exterior de maneira continuada, polo menos, durante os últimos dez (10) anos.
e) Informe médico conforme o modelo que figura como anexo III.
f) No caso dos que opten ás axudas do cen por cento, os xustificantes acreditativos de todo tipo de ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que percibisen a persoa solicitante e os demais membros da súa unidade económica familiar nos meses de xaneiro, febreiro e marzo do ano en curso, que resulten suficientes para acreditar que non superan o límite establecido no artigo 3.1.g) desta resolución.
Para eses efectos, considerarase unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o terceiro grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
g) Libro de familia, se procede. Na súa falta, presentarase a documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.
h) Documento en que conste se a persoa solicitante é beneficiaria da prestación por razón de necesidade do Estado español no ano 2026. De non presentalo, entenderase que desiste da aplicación do criterio de selección sinalado no artigo 11.1 desta resolución.
i) Declaración da persoa acompañante segundo o modelo do anexo IV, de ser o caso.
j) No caso de optar a regresar quince (15) días despois do remate da actividade, declaración ou consentimento informado, segundo o modelo do anexo V, asinado polo familiar de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade. Este anexo poderá ser presentado directamente pola persoa asinante en Galicia, para a súa incorporación ao expediente de solicitude do familiar solicitante.
2. Para o caso de que a persoa solicitante pretenda vir acompañada por outra persoa da súa familia, sexa convivente ou non, esta deberá presentar o anexo IV debidamente cuberto e a seguinte documentación:
a) Pasaporte ou documento de identidade en que consten os seus datos persoais e nacionalidade.
b) Informe médico, segundo o modelo incluído no anexo III.
c) Unha fotografía recente tamaño carné.
d) Documentación acreditativa da súa residencia, lugar e data de nacemento.
e) Documentación que probe a relación de parentesco coa persoa solicitante e, de ser o caso, a convivencia con ela desde un ano polo menos, mediante a inscrición no rexistro correspondente, manifestación expresa por acta de notoriedade ou calquera outro medio admisible en dereito.
f) Documentación acreditativa dos seus ingresos do primeiro trimestre de 2026, no suposto que a persoa solicitante opte polo financiamento do 100 %, conforme o disposto no artigo 3.3.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de maneira presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI da persoa solicitante, de ser o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, para o caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 29 de abril de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases para a concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia, dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 88 do 13 de Maio de 2026).
-
Extracto da Resolución do 29 de abril de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases para a concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia, dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 88 do 13 de Maio de 2026).
-