Guía de procedementos e servizos

ED601A

Axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 09/09/2026 09:00 - 09/10/2026 20:00

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

O cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor dos centros escolares públicos correspondentes.

Entenderase que xestiona o comedor escolar a entidade que teña ao seu cargo a organización deste, entre outras, por algunha destas formas que a seguir se enumeran:

a) Mediante a contratación laboral de persoal, de forma que se xestione directamente a prestación do servizo.

b) Mediante a contratación de entidades ou empresas especializadas para a prestación do servizo, segundo as condicións establecidas de común acordo entre as empresas e as asociacións respectivas.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias das axudas aquelas asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que, por careceren de instalacións axeitadas nos centros escolares, xestionen o servizo de comedor escolar noutros locais públicos ou hostaleiros próximos aos centros escolares, sempre e cando cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que existan as condicións adecuadas de seguridade viaria no desprazamento do alumnado cara aos ditos locais.

b) Que o local onde se prestou o servizo de comedor escolar fose o mesmo durante todo o curso académico 2025/26.

3. De conformidade co previsto no artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, todo o persoal que con motivo da actividade subvencionada teña contacto habitual cos nenos e nenas usuarios do servizo de comedor, tanto se é contratado directamente pola entidade como se é de empresas externas, deberá acreditar non ter sido condenado por sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexual mediante a achega dunha certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Vicesecretaría Xeral

Servizo de Xestión dos Comedores Escolares

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881 995 188/ 981 545 473

Email: comedores.santiago@edu.xunta.gal

Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

09/09/2026 09:00 - 09/10/2026 20:00

O prazo para a presentación de solicitudes iniciarase transcorridos 8 días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o día hábil seguinte ao da publicación. A hora de inicio será ás 9.00 horas e a hora de fin do prazo será ás 20.00 horas.



Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.


Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa solicitante.

b) O modelo que figura como anexo II, relativo á memoria da actuación, persoas usuarias, menús servidos e orzamento/conta xustificativa do servizo de comedor. No caso das federacións ou confederacións de pais/nais de alumnado, deberán presentar un anexo II por cada unha das ANPA federadas ou confederadas.

Na epígrafe A. Memoria comedor escolar, indicaranse o carácter continuado do servizo, os datos do alumnado por niveis educativos e a modalidade de prestación do servizo.

Na epígrafe B. Declaración usuarios do servizo e menús servidos, figurará o número de menús servidos (mensual) indicando en cada columna o número de menús detallado por meses (total mensual) e a suma total dos menús servidos no curso escolar.

Non poderán figurar os menús dos usuarios bolseiros gratuítos financiados polos concellos ou por outra Administración.

A epígrafe C. Orzamento/Conta xustificativa, cubrirase coa información dos seguintes puntos:

Punto C.1. Cubriranse os datos para cada unha das actuacións subvencionables previstas no artigo 1.2. Os gastos relacionados nesta conta xustificativa acreditaranse mediante facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na conta xustificativa.

Ademais, entregaranse os xustificantes dos pagamentos efectivos destas facturas que aseguren, en todo caso, a realización das actividades subvencionadas. En particular:

– Se os gastos derivan dunha relación laboral, deberanse xuntar a nómina e o xustificante do seu pagamento, así como acreditar o pagamento das retencións efectuadas en cumprimento da normativa aplicable do IRPF e do aboamento das cotizacións da Seguridade Social.

– Se os gastos derivan da relación contractual cunha entidade ou autónomo/a, deberanse xuntar as facturas e os xustificantes de pagamento.

– No caso de computar gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguros, deberán achegar un informe ou declaración da empresa aseguradora en que se especifique a porcentaxe da póliza directamente vinculada á prestación do devandito servizo de comedor escolar.

Os xustificantes de pagamento poderán consistir na acreditación mediante un extracto bancario da transferencia bancaria realizada ou do cheque nominativo emitido ou, no caso de pagamentos en metálico, que en todo caso deberán ter un importe inferior a 1.000 euros, deberá achegarse un xustificante do prestador do servizo aboado ou unha certificación deste de que recibiu o importe relacionado neste anexo.

Punto C.2. A conta xustificativa, na súa epígrafe de ingresos, inclúe unha declaración do conxunto de todas as axudas concedidas, así como os ingresos e recursos obtidos para a mesma finalidade procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. A esta declaración débese xuntar a resolución ou a comunicación da súa concesión ou un certificado do órgano que concedeu a axuda.

Declaración do/da presidente/a de que esa entidade xestionou o comedor escolar do centro que lle corresponde durante o período a que se refire a xustificación, e que os datos relativos ao número de usuarios son certos e coinciden cos rexistros contables que permanecen en poder da ANPA/Federación/Confederación á disposición da Consellería de Facenda e Administración Pública e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, ou de calquera órgano de control que proceda.

No caso de que as persoas usuarias aboen directamente o prezo total ou parcial do servizo á entidade ou empresa prestameira, a ANPA deberá remitir:

– Copia do contrato/encomenda que subscribise co subcontratista.

– Documentos que acrediten os gastos da entidade ou empresa prestadora: copia das facturas e xustificantes de pagamento.

– Copia do certificado expedido pola entidade ou empresa provedora a que se lle encomendaron os servizos, especificando para cada centro educativo incluído na solicitude da axuda o número total de usuarios/as e menús servidos no curso escolar desagregado por meses e importes mensuais recibidos (sen que nel figuren os usuarios bolseiros gratuítos).

A documentación sinalada neste artigo é documentación separada para presentar co anexo II, polo que as persoas interesadas deberán achegar unha copia da citada documentación, de conformidade co establecido no artigo 28 da Lei 39/2015.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria en persoa, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

f) Resolución da autorización de apertura e funcionamento do comedor escolar ou certificación expedida polo departamento territorial correspondente, só no caso de ser a primeira vez que presentan esta solicitude.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 11 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes desta consellería, para o curso académico 2025/26 (DOG nº 164 do 31 de agosto de 2026).

    • Extracto da Orde do 11 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes desta consellería, para o curso académico 2025/26 (DOG nº 164 do 31 de agosto de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS420C

Axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 28/07/2026 00:00 - 30/10/2026 23:59

BS324D

Programa Fórmate na Empresa

Tramitar en liña

Prazo pechado: 16/01/2026 00:00 - 16/02/2026 23:59

CT510A

Programa Galicia Moza con alma, de mobilidade transnacional xuvenil.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 29/01/2026 00:00 - 02/03/2026 23:59

ED314D

Subvencións a escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro

Tramitar en liña

Prazo pechado: 26/05/2026 00:00 - 31/07/2026 23:59