Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED306A
Adxudicación de prazas de residencia nos centros residenciais docentes.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
1. Regular o procedemento para adxudicar as prazas de residencia existentes nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, ao alumnado que no curso académico 2024/25 inicie ou continúe estudos postobrigatorios non universitarios en centros docentes públicos ou privados concertados situados nos termos municipais da Coruña, Culleredo, Ourense e Vigo.
2. No caso de centros docentes privados concertados, deberá tratarse de ensinanzas e niveis incluídos no ámbito do concerto educativo.
Alumnado que no curso académico 2024/25 inicie ou continúe estudos postobrigatorios non universitarios en centros docentes públicos ou privados concertados situados nos termos municipais da Coruña, Culleredo, Ourense e Vigo.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
Subdirección Xeral de Centros
Servizo de Apoio Económico e Axudas ao Estudo
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981436523
Email: xecocentros@edu.xunta.gal
Aberto unicamente para os CRD da Coruña e Ourense
Prazo de presentación: PECHADO
21/06/2024 00:00 - 02/08/2024 23:59
02/09/2024 00:00 - 06/09/2024 23:59
O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será:
1. Para o alumnado matriculado en bacharelato, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 19 de xullo de 2024 (este incluído).
2. Para o alumnado matriculado en ciclos formativos, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 2 de agosto de 2024 (este incluído).
Presentación de solicitudes en período extraordinario:
Cando, feita a adxudicación de prazas en período ordinario, sigan existindo prazas vacantes, o centro residencial abrirá un prazo de presentación de solicitudes en período extraordinario entre o 2 e o 6 de setembro de 2024, ambos incluídos.
A persoa solicitante deberá reunir os seguintes requisitos:
1. Estar matriculada en estudos postobrigatorios non universitarios nalgún dos centros docentes indicados no artigo 1 desta orde no curso 2024/25.
2. Non repetir curso nin ter abandonado o curso iniciado. Non obstante, o alumnado que non progresou ao curso seguinte ou abandonou o curso iniciado poderá presentar solicitude de praza de residencia unha única vez máis para cursar un estudo distinto.
Excepcionalmente, por causas debidamente xustificadas, a Comisión de Valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento destes requisitos, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e do informe da inspección educativa, para que poida continuar no centro residencial malia repetir o mesmo curso ou retomar o abandonado.
3. Non ter sido expulsada no curso anterior dun centro residencial nin estar sometida a un procedemento disciplinario en trámite, por algunha das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia descritas no artigo 15 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, e no capítulo II do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, que a desenvolve.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentarse as solicitudes presencialmente no centro residencial docente e en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na norma reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O formulario normalizado de solicitude (anexo I) e o de comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar (anexo II), ademais estarán dispoñibles:
a) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.gal
b) Nas dependencias dos centros residenciais docentes.
3. A solicitude deberá estar asinada pola persoa solicitante ou polo seu representante legal, e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria, que cumpre os requisitos exixidos nela e que todos os datos contidos na solicitude e na documentación achegada son certos; así mesmo, que reúne os requisitos necesarios para obter o título académico que indica.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar, coa solicitude, a seguinte documentación:
Alumnado que solicita praza por primeira vez ou alumnado residente sen reserva de praza:
a) O anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar), de ser o caso.
b) Xustificante da matrícula para o curso académico 2024/25.
c) Copia do libro de familia ou documento equivalente onde figuren todos os membros computables. Se non ten libro de familia ou este non reflicte a situación, poderá acreditar o número de membros da familia utilizando, entre outros, algún dos seguintes medios:
1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou convenio regulador onde conste a custodia do alumnado.
2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
d) Certificado de convivencia da persoa solicitante e os demais membros computables da familia no mesmo domicilio.
e) Certificado oficial das notas do curso escolar 2023/24, e se non cursou estudos neste, o do último curso que realizase.
f) Certificado de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da familia non expedido pola Administración autonómica.
g) Documentación xustificativa da exención do requisito de non repetir curso nin ter abandonado o curso iniciado.
h) Documentación acreditativa da concorrencia de circunstancias persoais ou familiares moi graves para eximir do requisito de accesibilidade aos estudos desde o lugar de residencia.
i) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero. Poderá acreditarse en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
j) Resolución xudicial xustificativa do acollemento familiar.
k) Para acreditar vida independente respecto da unidade familiar: escritura de compra, contrato de alugamento ou título que lexitima a ocupación da vivenda, e recibos acreditativos do pagamento de subministracións (auga, luz...).
l) Documentación xustificativa de que é solicitante de programa Erasmus ou outro programa de intercambio.
m) Calquera outro documento que consideren conveniente.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente no centro residencial ou en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Os documentos achegados deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación e reflectir a situación persoal e familiar na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, agás a renda da unidade familiar, que será a correspondente ao exercicio fiscal 2022. No caso de violencia de xénero, observarase ao disposto na lexislación específica.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante o do seu representante, cando fose menor de idade e do resto dos membros computables da unidade familiar.
b) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na súa falta, certificado tributario de imputacións do exercicio 2022, da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
c) Certificado de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da familia expedido pola Administración autonómica.
d) Percepción de pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez ou de pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade (equivalente a unha discapacidade igual ao 33 %), por parte da persoa solicitante ou o resto dos membros computables da unidade familiar.
e) Consulta dos datos de defunción da persoa proxenitora do alumnado solicitante.
f) Estar inscrita a persoa proxenitora do alumnado solicitante como demandante de emprego e ter esgotado a prestación e/ou o subsidio por desemprego.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarse o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente no centro residencial ou en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 23 de maio de 2024 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2024/25 (DOG nº 119 do 20 de xuño de 2024).
-
Extracto da Orde do 23 de maio de 2024 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2024/25 (DOG nº 119 do 20 de xuño de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.
Aberto todo o ano
Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.
Aberto todo o ano