Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED303A
Axudas de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
A concesión de axudas para financiar os gastos orixinados pola asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario, non organizadas pola consellería e que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español ou no estranxeiro.
1. Poderá ser beneficiario das axudas o persoal docente en servizo activo con destino en Galicia, destinado en centros docentes públicos desta comunidade e que exerza docencia directa co alumnado, equipos de orientación específicos, postos de asesoría dentro da estrutura administrativa da consellería e na Inspección educativa, liberados sindicais e persoal docente en prazas sometidas a convenio.
2. O persoal docente funcionario en prácticas poderá solicitar unha axuda das reguladas nesta convocatoria para a realización de actividades formativas.
3. Así mesmo, poderá a cursar a solicitude o persoal docente funcionario interino. Estas persoas farán unha indicación expresa desta circunstancia no anexo I desta convocatoria.
4. O profesorado substituto poderá cursar a solicitude sempre que, polo menos, o 85 % da actividade subvencionable se desenvolva durante o período do seu nomeamento.
5. As persoas solicitantes deberán estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
6. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei.
7. As axudas concedidas ao abeiro desta convocatoria non son compatibles con ningunha outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. En calquera caso, o importe da axuda en ningún caso poderá superar o custo da acción que levase a cabo a persoa beneficiaria.
Persoas excluídas:
a) Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aquelas persoas solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Aquelas persoas que se encontren sancionadas administrativa ou penalmente coa perda da posibilidade de obtención de subvencións públicas, ou incorran en algunha prohibición legal que as inhabilite para iso, con inclusión das que se produzan por discriminación de sexo, de conformidade co establecido na disposición derradeira sexta da Lei 4/2005, do 18 de febreiro, para a igualdade de mulleres e homes.
Así mesmo, as persoas beneficiarias deberán cumprir os restantes requisitos establecidos pola Lei de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
Servizo de Programas de Formación
Edificio Administrativo San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: +3488199654
Email: reintegros.fprofe@edu.xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
08/09/2026 00:00 - 07/10/2026 23:59
1. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. En ningún caso se admitirán solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecida nesta orde.
Solicitudes
1. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. A presentación da solicitude supón a aceptación dos deberes regulados nesta orde para ser persoa beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.
4. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
A. Se a actividade xa se realizou o último día do prazo de presentación de solicitudes:
a) Copia da certificación de asistencia e/ou aproveitamento expedida polo centro ou a institución onde se realizou a actividade de formación. No caso de actividades realizadas no estranxeiro, deberá presentarse a tradución oficial desta certificación.
b) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos establecidos na Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regulan a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia:
– No caso de actividades realizadas no territorio español non organizadas por unha universidade, documentación acreditativa de que a actividade conta co recoñecemento da correspondente Administración educativa.
– No caso de actividades organizadas por unha universidade e realizadas no territorio español, documentación acreditativa de que a actividade conta coa aprobación da xunta de goberno.
– No caso de actividades realizadas no estranxeiro, documentación acreditativa de que a actividade foi organizada por un organismo oficial, por unha universidade ou por unha institución de formación do profesorado oficialmente recoñecida e que conta con prestixio acreditado polas autoridades educativas do respectivo país.
c) Memoria da actividade desenvolvida. Esta memoria debe versar integramente sobre a actividade realizada e a repercusión desta actividade no desenvolvemento profesional da persoa solicitante, a relación coa disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparta, a súa aplicación á práctica docente e o seu interese para as necesidades do centro educativo. Como tal, deberá ser unha elaboración persoal e individual sobre a totalidade da actividade formativa realizada en calidade de asistente, e terá unha extensión mínima de 10 folios e máxima de 15 folios, a dobre espazo, tamaño de letra 12.
No caso de que varias persoas soliciten a axuda para a mesma actividade formativa, cada unha delas deberá presentar a súa memoria persoal e individual.
d) Relación numerada da documentación xustificativa dos gastos de matrícula ou inscrición na actividade, dos gastos de desprazamento, aloxamento e manutención en que conste o concepto detallado de cada un dos gastos, o importe en euros correspondente e a cantidade total xustificada.
e) Documentos que xustifiquen o pagamento realizado pola persoa solicitante que especifique o importe en euros do gasto realizado correspondente a cada concepto, en particular:
– Xustificación dos gastos de matrícula e inscrición.
– Xustificación dos gastos de desprazamentos, segundo corresponda:
1) Documentación xustificativa do pagamento do billete de avión e tamén as tarxetas de embarque.
2) Billetes de tren, metro ou autobús.
3) Factura de axencia de viaxes.
4) Facturas de taxi.
5) Declaración responsable de ter realizado os desprazamentos en vehículo particular, indicando:
• Nome e apelidos.
• DNI.
• Matrícula do vehículo en que se realizaron os desprazamentos.
• Localidade de saída.
• Localidade de destino.
• Quilómetros percorridos.
• Recibos de autoestrada, de ser o caso.
Esta declaración debe vir obrigatoriamente asinada pola persoa solicitante da axuda.
A contía correspondente aos desprazamentos en vehículo particular será de 0,26 euros por quilómetro percorrido, de acordo co disposto no artigo 2 da Resolución do 24 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de novembro de 2023, polo que se actualizan os importes das axudas de custo por razón do servizo en territorio nacional para gastos por aloxamento e manutención e da indemnización por uso de vehículo particular para o persoal empregado público da Xunta de Galicia (DOG do 1 de decembro de 2023).
A documentación xustificativa dos gastos dos desprazamentos ten que estar a nome da persoa que solicita a axuda, de xeito que quede acreditado documentalmente que o pagamento destes gastos foi efectuado pola persoa solicitante.
– Xustificación dos gastos de aloxamento e manutención.
A xustificación dos gastos por estes dous conceptos realizarase con documentos que acrediten o seu pagamento, que deberán estar en todo caso a nome das persoas beneficiarias da subvención.
As contías correspondentes aos gastos de aloxamento e manutención faranse segundo o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, revisadas mediante os acordos do Consello da Xunta de Galicia do 29 de decembro de 2005 (DOG núm. 250, do 30 de decembro), do 19 de xuño de 2008 (DOG núm. 138, do 17 de xullo), do 10 de xuño de 2021 (DOG núm. 114, do 17 de xuño) e do 23 de novembro de 2023 (DOG núm. 229, do 1 de decembro).
B. Se a actividade non se realizou no último día do prazo de presentación de solicitudes presentarase a seguinte documentación:
a) Convocatoria da actividade de formación para a que se solicita a axuda, onde consten a denominación, as datas de inicio e finalización, o lugar de realización, a entidade organizadora, o programa e o número total de horas.
b) Orzamento da axuda, referido a gastos de matrícula ou inscrición, desprazamentos, aloxamento e manutención.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. De non presentar a documentación referida neste artigo no prazo establecido, entenderase como non xustificada a axuda, ou a parte dela que corresponda, o que comportará a perda do dereito ao seu cobramento, polo que a persoa titular da dirección xeral ditará a resolución para o efecto, que será notificada á persoa interesada.
6. No caso de que a documentación achegada relativa aos gastos de matrícula ou inscrición, desprazamentos, aloxamento e manutención non xustifique o total do importe concedido, o pagamento farase efectivo unicamente pola cantidade xustificada.
Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Declaración de axudas e documentación para a tramitación do pagamento (Anexo II)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.(DOG nº 121 do 25 de xuño de 2007).
-
Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2009).
-
Orde do 2 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para financiar os gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 169 do 07 de Setembro de 2026).
-
Extracto da Orde do 2 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para financiar os gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 169 do 07 de Setembro de 2026).
-
-
Ámbito Estatal
-
Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións (BOE nº 276 de 18 de novembro de 2003).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.
Aberto todo o ano
Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.
Aberto todo o ano