Guía de procedementos e servizos

DE400A

Bolsas para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 30/06/2026 00:00 - 29/07/2026 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Bolsas destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior que colaborarán na residencia do CGTD, para completar a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar

Estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Secretaría Xeral para O Deporte

Subdirección Xeral de Plans e Programas

CGTD, R/ Pai Fernando Olmedo 1

36071  Pontevedra  (Pontevedra)

Teléfono: 886159672

Email: cgtd@xunta.gal

deporte.xunta.gal

Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

30/06/2026 00:00 - 29/07/2026 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo e inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

1. Poderán ser persoas beneficiarias aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter entre 18 e 30 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

b) Estar empadroadas en Galicia no momento de presentar a solicitude.

c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade, escola universitaria ou nun ciclo formativo de grao superior.

d) Non ser persoas beneficiarias dunha bolsa como deportista no CGTD no momento da solicitude.

e) Estar en disposición de cumprir co establecido na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e a adolescencia, que modificou a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.

f) No caso de estudantes que tivesen bolsa como deportistas na residencia do CGTD, será necesario que a súa estadía no CGTD fose valorada como positiva polo equipo directivo do centro.

g) Supletoriamente, no caso de non se cubriren as prazas cos requisitos anteriores, poderanse ter en conta solicitudes de persoas que fosen bolseiras no CGTD con anterioridade e que estean cursando estudos non oficiais.

2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases as persoas en que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes

1. O estudantado universitario, segundo o disposto na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, presentará a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, que se inclúe no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. O estudantado non universitario presentará a solicitude preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, que se inclúe no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, no caso do estudantado non universitario, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requerirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude para participar nesta convocatoria implica o coñecemento e a aceptación das bases que a regulan.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Copia da matrícula universitaria ou do ciclo formativo de grao superior correspondente ao curso académico 2026/27. No suposto de non dispor da citada documentación no remate do prazo de presentación de solicitudes por estar aínda aberto o prazo de matrícula, deberase achegar a solicitude de admisión e, de ser o caso, a documentación resultante do proceso de admisión, e achegar a documentación xustificativa da matrícula no momento en que esta se formalice. A asignación da praza quedará condicionada ao cumprimento deste requisito.

b) Certificado da federación correspondente que o/a acredita como deportista de alto rendemento, en caso de posuílo.

c) Proxecto de actividades que pretenda desenvolver na residencia, de acordo co artigo 15 da presente orde.

d) Titulación federativa, en caso de posuíla.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no artigo 2. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Datos de residencia con data da última variación no padrón da persoa solicitante.

d) Consulta de inexistencia de antecedentes penais por delitos sexuais.

e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas

g) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social.

i) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Conselleria de Facenda e Administración Pública.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

j) Verificación de títulos oficiais universitarios (no caso de posuíla).

k) Verificación de títulos oficiais non universitarios (no caso de posuíla).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores 

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 17 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2026/27, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 119 do 29 de xuño de 2026).

    • Extracto da Orde de 17 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2026/27, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 119 do 29 de xuño de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

DE200A

Voto por correspondencia a membro da asemblea xeral. Procesos electorais das Federacións Deportivas Galegas.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 01/04/2026 00:00 - 31/12/2026 23:59

PE405A

Concesión de licenza de pesca marítima de recreo.

PE405B

Autorización para inmersión e concursos ou campionatos de pesca marítima de recreo.

PE616A

Tarxeta de Identidade Marítima Náutica de Lecer

Tramitar en liña

Aberto todo o ano