Guía de procedementos e servizos

CT510A

Programa Galicia Moza con alma, de mobilidade transnacional xuvenil.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 29/01/2026 00:00 - 02/03/2026 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Sobre o procedemento

A concesión de subvencións para o programa de inclusión social xuvenil, Galicia Moza con Alma, co obxectivo de empoderar ás persoas mozas vulnerables á hora de integrarse no mercado laboral, o sistema educativo ou na sociedade, mediante a realización de prácticas formativas non laborais nun Estado membro da Unión Europea.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde :

- As entidades privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia no eido da mocidade e/ou do emprego, e cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para os efectos de lograr unha mellor e máis ampla distribución do importe da convocatoria, unha mesma entidade non poderá presentar máis dunha solicitude.

3. Serán excluídas as entidades solicitantes que se encontren nalgunha das situacións de prohibición recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións:

- Aquelas entidades que non se atopen ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Xuventude

Subdirección Xeral de Programas e Asesoramento para a Xuventude

Servizo de Programas e Mobilidade Xuvenil

San Lázaro s/n 15781 Santiago de Compostela

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544645

Email: programas,xuventude@xunta.gal

http://xuventude.xunta.es

Dirección Xeral de Xuventude
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

29/01/2026 00:00 - 02/03/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As persoas mozas participantes que formen parte do programa Galicia Moza con Alma deberán cumprir os seguintes requisitos á data en que se realice a súa selección pola entidade beneficiaria da subvención:

a) Ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do SNGX, de conformidade co disposto no artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.

c) Estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Atoparse nalgunha das situacións de vulnerabilidade descritas a continuación, podendo acreditar a pertenza como mínimo a un dos seguintes colectivos:

d.1) Persoas mozas con baixo nivel formativo, que teñan a ESO ou o equivalente como máximo.

d.2) Persoas mozas desempregadas de longa duración, ao menos durante 12 meses.

d.3) Estar empadroada nun concello rural. Entendese por concello rural aquel que non conte con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística. Para estes efectos, considerase concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

d.4) Persoas mozas que estean en situación ou risco de exclusión social conforme o establecido no artigo 3.1 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para resolver as dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou no caso de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación por vía electrónica, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no correo electrónico programas.xuventude@xunta.gal

Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación.

b) Documentación acreditativa da personalidade xurídica da entidade solicitante mediante copia da escritura de constitución e dos estatutos da entidade solicitante, onde conste que dispón de personalidade xurídica e carece de fins lucrativos.

c) Documentación que acredite que están domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo e que desenvolvan a súa actividade en Galicia no eido da mocidade e/ou do emprego.

d) Certificación da persoa representante da entidade na cal conste a relación de proxectos específicos xestionados cuxas persoas participantes fosen persoas mozas en situación ou risco de exclusión social conforme o establecido no artigo 3.1 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, se procede. A certificación debe indicar o nome do proxecto, o ano ou anos de execución e a entidade/organismo convocante.

2. Documentación complementaria. Ademais, é preciso presentar a documentación que se enumera a seguir:

a) A entidade solicitante debe presentar unha memoria técnica do proxecto que presenta que inclúa, como mínimo, o seguinte:

• Análise e descrición do colectivo a que se dirixe o proxecto e das barreiras/dificultades para acceder ao traballo ou formación.

• Os medios de que dispón para a execución do proxecto.

• As actividades que se van desenvolver en cada unha das tres fases.

• Cronograma de cada unha das tres fases.

• Lugar de realización das actuacións de cada unha das tres fases.

• Obxectivos e resultados previstos.

• Presentación e contextualización da entidade e do equipo multidisciplinar involucrado no proxecto.

• Metodoloxía e ferramentas para elaborar os itinerarios personalizados, orientados á adquisición de competencias profesionais e persoais como a autoconfianza e a autoestima, que permita as persoas mozas participantes mellorar a súa empregabilidade.

• Información detallada cualitativa que permita valorar o proxecto e que poida ser unha evidencia comprobable a posteriori dos centros ou lugares onde se prevé realizar calquera acción, dos aloxamentos, das empresas de prácticas ou outros (ligazóns, páxinas webs, pre reservas, acordos, compromisos, etc.).

b) A entidade beneficiaria tamén deberá presentar unha memoria económica co orzamento completo e detallado do proxecto de actuación, no cal figuren o detalle do cálculo da contía solicitada, a relación das persoas mozas participantes en cada unha das tres fases; o número de días de participación en cada unha das fases do proxecto por cada persoa moza participante e o Estado membro da UE onde cada persoa moza participante realizará a mobilidade.

O indicador que dá lugar á subvención é o número de días de participación en calquera das tres fases, por persoa participante, desde que se inicia a súa participación no proxecto ata a súa finalización. Para os efectos de cómputo dos días de participación é preciso recoller toda a actividade que se realice coas persoas destinatarias e ter evidencias desa actividade.

c) Documentación acreditativa da experiencia previa en deseño e xestión de programas de mobilidade transnacional mínima de 2 anos, xa sexa con proxectos outorgados á entidade solicitante ou ben, coa experiencia transnacional do persoal xestor do proxecto.

d) Proxecto de mobilidade segundo o modelo que se publicará como anexo II.

e) Acordo ou compromiso de colaboración asinado coas empresas, entidades ou institucións de acollida onde as persoas mozas participantes realizarán as prácticas formativas non laborais durante a fase de mobilidade, segundo modelo que se publicará como anexo III.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da entidade solicitante.

f) DNI/NIE da persoa moza participante.

g) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa moza participante.

h) Comprobación de estar inscrito/a e ser beneficiario/a no SNGX da persoa moza participante.

i) Situación actual de desemprego da persoa moza participante.

j) Consulta de títulos universitarios oficiais e non oficiais, así como os non universitarios da persoa moza participante.

2. No caso de que as persoas mozas participantes se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas mozas participantes a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil, dirixido ás persoas mozas máis desfavorecidas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (programa Galicia Moza con Alma)(DOG nº 18 do 28 de xaneiro de 2026).

    • Extracto da Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil, dirixido ás persoas mozas máis desfavorecidas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (programa Galicia Moza con Alma) (DOG nº 18 do 28 de xaneiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS324D

Programa Fórmate na Empresa

Tramitar en liña

Prazo aberto: 16/01/2026 00:00 - 16/02/2026 23:59

IN501A

Axudas para a organización de actividades formativas non regradas e actividades de divulgación que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 14/02/2026 00:00 - 13/03/2026 23:59

SI449B

Axudas económicas ás anpa destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención e loita contra a violencia cara as mulleres

Tramitar en liña

Prazo aberto: 10/02/2026 00:00 - 09/03/2026 23:59

BS420C

Axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 12/07/2025 00:00 - 28/11/2025 23:59