Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS700A
Subvencións a entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá. FSE 2014-2020.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Política Social e Igualdade
1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2018, de subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá ao abeiro do disposto no Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá.
2. Serán subvencionables os servizos desta natureza constituídos polas actuacións sinaladas no artigo 9, que se desenvolvan no período que abrangue desde o 1 de novembro de 2017 e ata o 31 de outubro de 2018, segundo o que nel se indica.
3. A prestación poderá realizarse mediante xestión individual ou compartida segundo o previsto no artigo 6 e ser directa ou indirecta mediante a concertación con terceiros da execución total ou parcial da actividade subvencionada, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normativa de aplicación.
4. A finalidade será:
a) Programa I, destinado á consolidación dos servizos de atención temperá actualmente subvencionados pola Xunta de Galicia a través da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017 (DOG nº 126, do 5 de xullo de 2016).
Serán obxecto del as seguintes solicitudes:
– As de entidades e agrupacións que acheguen solicitude na mesma forma que na convocatoria precedente, así como aquelas ás cales se lles adhiran novos integrantes.
– As de mancomunidades parte de cuxos integrantes concorresen na convocatoria anterior en forma de agrupación.
– As de concellos e mancomunidades que respecto da anterior convocatoria formasen parte dunha agrupación de concellos ou mancomunidades actualmente subvencionada e concorran individualmente na presente, sempre que se trate daqueles que xustificasen e a nome dos cales se ingresasen os fondos.
b) Programa II, destinado a servizos de atención temperá existentes e actualmente non subvencionados, así como á implantación de novos servizos.
Serán obxecto del as seguintes solicitudes:
– As de entidades e agrupacións non subvencionadas ao abeiro da orde precedente.
– As de concellos que respecto da anterior convocatoria formasen parte dunha mancomunidade e na presente concorran de xeito individual.
– As de concellos e mancomunidades que respecto da anterior convocatoria formasen parte, respectivamente, dunha agrupación de concellos ou mancomunidades actualmente subvencionada e concorran individualmente na presente, sempre que non se trate daqueles que xustificasen e a nome dos cales se ingresasen os fondos.
5. O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia ou agrupacións delas que se relacionan a continuación:
a) Para a xestión individual: concellos, incluídos os que resulten dunha fusión municipal, que conten cun censo mínimo de 10.000 habitantes, segundo a cifra de poboación en data 1 de xaneiro de 2017, fonte Instituto Galego de Estatística.
b) Para a xestión compartida:
1º. Agrupacións de concellos e/ou de mancomunidades de concellos.
2º. Mancomunidades de concellos.
3º. Consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos.
Quedan excluídas as deputacións provinciais.
2. Ningún concello poderá figurar simultaneamente en solicitude de xestión individual e compartida. O incumprimento disto dará lugar á inadmisión da solicitude individual; considerarase como efectiva a de xestión compartida.
3. Non poderá obterse a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade
Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981540142 / 981546736 / 981547398
Fax: 981545691
Email: autonomiapersoal.sxps@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
14/04/2018 00:00 - 14/05/2018 23:59
O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.
1. Para ser admitida a solicitude ao abeiro desta orde, sen prexuízo da totalidade da normativa aplicable deberán cumprirse os seguintes requisitos específicos, que se acreditarán na forma establecida nos artigos 12 e 13 desta orde:
a) Requisitos aplicables a todos os solicitantes:
1º. Estar a/as entidade/s, ou a totalidade dos concellos integrantes, inscritos no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración.
2º. Ter adoptado o órgano competente acordo de solicitude de subvención respecto do servizo de atención temperá de que se trate e nas condicións en que este se preste, aceptación das condicións e demais requisitos establecidos nesta orde e demais normativa aplicable, así como o compromiso de cofinanciamento para a execución no período que se sinale, que deberá estar incluído no intervalo sinalado no artigo 8.1.b).
No caso de agrupacións, o acordo pode figurar no texto do convenio sinalado no punto c).2º ou de xeito independente sempre que neste caso sexa subscrito por todos os asinantes daquel.
3º. Ter cumprido a entidade ou a totalidade de concellos integrantes, no caso de xestión compartida, a obriga establecida nos artigos 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais: ter remitido a conta xeral do exercicio orzamentario que corresponda ao Consello de Contas.
4º. Cumprir as condicións establecidas no artigo 8 respecto da prestación do servizo para que a actuación sexa susceptible de subvención.
b) No caso de solicitude para xestión individual: contar co censo mínimo sinalado no artigo 6.1.a).
c) No suposto de solicitude para xestión compartida:
1º. A agrupación deberá xestionar o servizo de forma conxunta ou, se é o caso, de forma mancomunada ou consorciada e implicar aforro de custos respecto dos que suporía a prestación individual polos/las concellos e/ou mancomunidades integrantes. En ningún caso poderá consistir en actuacións independentes daqueles.
2º. No caso de agrupacións de concellos e/ou mancomunidades: ter subscrito un convenio de colaboración entre todos os integrantes cuxo obxecto sexa a prestación do servizo nos termos especificados nos artigos 1 e 8 e con vixencia durante todo o período respecto do cal se solicita subvención e ata que transcorra o prazo establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Ademais, deberá reflectir os seguintes datos:
2º.1. Determinación do concello ou mancomunidade encargado de xustificar a subvención, que será a nome do que, se é o caso, se ingresen os fondos.
2º.2. Nomeamento como representante da persoa titular da alcaldía do concello ou da presidencia da mancomunidade citados no punto anterior que, así mesmo, levará a cabo as funcións de coordinación e interlocución coa consellería.
2º.3. Determinación dos compromisos de execución asumidos por cada un dos concellos ou mancomunidades, así como a porcentaxe de subvención que lles corresponderá a cada un deles.
De ter subscrito un convenio anterior á publicación desta orde con tal obxecto e vixencia, admitirase documento anexo a el en que se reflictan os datos sinalados nos puntos 2º.1, 2 e 3, debidamente asinado polos correspondentes representantes.
Na páxina web da consellería (http://politicasocial.xunta.gal), na epígrafe relativa á información da presente orde, figurará un modelo de convenio.
3º. E no suposto de mancomunidades de concellos ou agrupación delas e consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos: deberán determinar os concellos membros daqueles que participan na prestación do servizo.
2. Os citados requisitos deberán terse cumprido en función das seguintes datas de referencia:
a) Para o caso de xestión individual, o reflectido no punto 1.b) en data 1 de xaneiro de 2017.
b) Os establecidos no punto 1.a), ordinais 1º e 4º, agás a excepción prevista no artigo 8.2 e punto 1.c), ordinais 1º, 2º e 3º, con carácter previo ao inicio do prazo de execución respecto do que se solicite a subvención. Sen prexuízo da necesidade de existencia de convenio á dita data nas condicións especificadas, os datos reflectidos no punto 1.c), ordinais 2º.1, 2 e 3 poderán ser determinados polos integrantes tendo como data límite a de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
c) Os especificados no punto 1.a), ordinais 2º e 3º teñan como data límite a de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Á solicitude xuntarase a documentación acreditativa da representación e dos requisitos establecidos no artigo 7.1 desta Resolución, dos datos de execución concretos e dos susceptibles de valoración e, se é o caso, da personalidade e cumprimento de obrigas:
a) Unicamente para o caso previsto no artigo 14.2, os documentos sinalados no seu punto 1.
b) Documentación acreditativa da representación.
c) Anexo II. Certificación sobre acordo e datos. Deberá estar expedida polo/a secretario/a da entidade ou o representante da agrupación, segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º, e nela constará o seguinte, en función dos termos da solicitude, a acreditación dos requisitos e datos susceptibles de valoración:
1º. Datos relativos ao acordo sobre solicitude de subvención ou, se é o caso, ao convenio, en que se reflicta a aceptación das condicións e requisitos establecidos nesta orde e demais normativa aplicable, así como os compromisos de cofinanciamento da actuación. Especificaranse: órgano/s competente/s, data de adopción daquel ou, se é o caso, do convenio en que se inclúa o acordo, tipo de xestión, individual ou compartida, directa ou indirecta, prazo de execución incluído dentro do período susceptible de subvención, número de integrantes do equipo, número de horas totais de traballo segundo grupos profesionais, calculadas de acordo co previsto no artigo 10.2 e importes dos custos en función do seu número e as contías establecidas no artigo 10.1, así como cifras totais.
No caso de inicio do prazo de execución con anterioridade á presentación da solicitude a declaración de prestación nos termos do artigo 8 debe abranguer desde esa data, sen prexuízo da excepción reflectida no seu punto 2.
No prazo de execución deberán figurar meses completos, non se admitirán fraccións destes.
2º. Exclusivamente para a xestión compartida: declaración sobre a xestión conxunta, mancomunada ou consorciada.
3º. Unicamente para mancomunidades e consorcios: determinación dos concellos membros que participan na prestación.
4º. Declaración sobre a data de posta en marcha do servizo configurado como tal polas entidades que presentan a solicitude.
5º. Declaración relativa á remisión de contas ao Consello de Contas de Galicia. Abrangue a obriga de todos e cada un dos concellos que formulan a solicitude ou que integran a/as entidade/s que a subscribe/n.
6º. Indicación da porcentaxe de persoas con discapacidade no/nos respectivo/s cadro/s de persoal do/dos concello/s sobre os cales se prestará o servizo. No caso de seren varios, figurará a media das citadas porcentaxes.
7º. Declaración sobre cumprimento da normativa respecto da contratación do persoal ou da aplicable en materia de contratación administrativa, de ser o caso.
8º. Unicamente para agrupacións: indicación da data de subscrición do convenio.
d) Anexo III. Certificación sobre o equipo de atención temperá. Deberá estar expedida polo/a secretario/a da entidade ou polo representante da agrupación, segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º, e nela constará o seguinte en función da acreditación dos requisitos e datos valorables referidos ao prazo de execución obxecto de solicitude: indicación do número de integrantes do equipo, datos persoais, tipo de vinculación coa entidade, dedicación total ou parcial, grupo e perfil profesionais, períodos de desempeño e número de horas dedicadas.
No caso de contratacións ou xestión indirecta futuras cubrirase a totalidade dos datos e na epígrafe dos persoais indicarase esta circunstancia.
e) Anexo IV. Memoria descritiva do funcionamento do servizo de atención temperá referida ao prazo de execución obxecto de solicitude asinada polo/a representante da entidade ou da agrupación, segundo o reflectido no artigo 7.1.c).2º, en que se reflictan os datos relativos ás instalacións, así como os seguintes datos acreditativos do cumprimento de requisitos e/ou valorables: réxime de prestación en función do horario semanal que se levará a cabo, en todo caso, desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, a periodicidade das actuacións de coordinación con outros ámbitos e, se é o caso, a realización de actuacións consideradas de prevención primaria.
f) Exclusivamente para xestión compartida: memoria referida ao prazo de execución obxecto de solicitude asinada polo/a representante da entidade ou da agrupación, segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º, en que figure explicación sobre a forma de realizar a xestión conxunta ou mancomunada ou consorciada e o aforro de custos que implica en comparación cos que suporía a xestión individual das entidades.
g) Unicamente para agrupación: copia do correspondente convenio de colaboración, que deberá ter o contido sinalado no artigo 7.1.c).2º e, se é o caso, documento complementario a aquel en que se reflictan os datos especificados nos puntos 2º.1, 2 e 3.
Sen prexuízo de todo o anterior, poderanse sinalar datos complementarios ou achegar calquera outra documentación que o solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración. Así mesmo, a unidade tramitadora destas subvencións poderá solicitar a documentación complementaria aclaratoria que considere pertinente.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI/NIE da persoa física que compareza como representante.
b) NIF da/das entidade/s.
c) Certificacións sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
d) Certificacións sobre cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social.
e) Certificacións sobre cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
No caso de agrupación consultaranse os documentos sinalados nas letras b), c), d) e e) de cada un dos concellos e/ou mancomunidades integrantes.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Na solicitude, anexo I, asinada polo/a representante da entidade ou no caso de agrupacións pola persoa designada segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º, deberán figurar datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nos artigos 5, 6 e 7 desta orde e demais normativa aplicable:
a) Identificación do solicitante, do/da representante, enderezo para notificacións, datos bancarios e identificación da persoa para as funcións de coordinación e comunicación.
b) Declaracións sobre outras subvencións, veracidade dos datos, inexistencia de causa que implique prohibición para ser beneficiario, coñecemento do cofinanciamento do FSE e obrigas e acordo coas actuacións de control.
c) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o que se presentou, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición á consulta dos documentos sinalados no artigo 14.1.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de Xustificación
- Datos xerais da prestación do servizo de atención temperá e relación de usuarios/as atendidos/as durante o período reflectido na resolucion de concesión (Anexo VIII)
- Solicitude de pagamento e declaración (Anexo V)
- Certificación sobre condicións da execución referida ao período de execución reflectido na resolución de concesión (Anexo VI)
- Folla mensual de horas traballadas no servizo de atención temperá (Anexo VII)
- Ficha individualizada de seguimento de cada usuario/a con atención continuada (Anexo X)
- Ficha individualizada de atención de cada usuario/a do servizo de atención temperá (Anexo IX)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 27 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 72 do 13 de abril de 2018).
-
Extracto da Orde do 27 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 72 do 13 de abril de 2018).
-
Resolución do 11 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, pola que se procede á publicación das subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 27 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 116 do 20 de xuño de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración de concello emprendedor.
Aberto todo o ano
Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.
Aberto todo o ano
Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.
Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59
Declaración urxente de ocupación de bens de expropiación.
Aberto todo o ano