Guía de procedementos e servizos

BS700A

Subvencións a entidades locais para a prestación de servizos de atención temperá, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2016 - Prazo pechado: 06/07/2016 00:00 - 05/08/2016 23:59

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e proceder á convocatoria das subvencións ás entidades locais de Galicia, para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, de forma individual ou de forma conxunta mediante o sistema de xestión compartida, coa finalidade da súa implantación e/ou da consolidación dos existentes.

Estes servizos de atención temperá estarán constituídos exclusivamente polo conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

2. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os concellos de Galicia, as agrupacións ou asociacións deles, mancomunidades de concellos e consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, ben de xeito individual, ou ben mediante xestión compartida. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade

Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546736 / 981547398

Fax: 981545691

Email: autonomiapersoal.sxps@xunta.es

Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade

Prazo de presentación: PECHADO

06/07/2016 00:00 - 05/08/2016 23:59

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

- Para os efectos de solicitude individual, a entidade solicitante que a formule deberá contar cun censo, como mínimo, de 20.000 habitantes, segundo a cifra oficial de poboación a data 1 de xaneiro de 2015 fonte Instituto Galego de Estatística.

- Ningún concello poderá figurar nunha solicitude de xestión compartida e subscribir outra individual. O incumprimento disto dará lugar á inadmisión da solicitude individual do concello de que se trate, dándolle validez á de xestión compartida.

- Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións, ou derivados, se é o caso, da presentación dunha solicitude para a xestión compartida do servizo. Así mesmo, as entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

- Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data na que finalice o prazo de presentación de solicitudes, agás o sinalado no punto 1 do presente artigo relativo aos datos de poboación no caso das solicitudes individuais, en tanto que para ese requisito a data de referencia é a do 1 de xaneiro de 2015.

Solicitudes de xestión compartida: requisitos e condicións.

1. Para estes efectos terán a consideración de solicitudes de xestión compartida as presentadas por agrupacións, asociacións ou entidades locais que integren a varios concellos.

2. Os concellos que se agrupen ou asocien deberán:

a) Presentar, xunto coa solicitude, un convenio de colaboración relativo á agrupación ou asociación, que poderá ser un novo convenio ou un anterior en vigor. A Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, a través do seu portal, publicará un ou varios modelos de convenio relativos á xestión compartida, de forma conxunta, agrupada ou asociada, que terán carácter orientativo.

Se non se achegase o convenio xunto coa solicitude ou no prazo concedido para a súa achega logo do requirimento efectuado para o efecto, considerarase desistido da súa solicitude.

b) Nomear a persoa titular dunha das alcaldías para a representación única, tanto na coordinación como na interlocución, ante a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, que será a que reciba e xustifique a subvención.

c) Reflectir os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades que forman parte da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que se aplicará a cada unha delas.

d) Cumprir as agrupacións e asociacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais, entidade resultante de fusión de concellos, os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude.

3. As mancomunidades de concellos e os consorcios locais deberán presentar, xunto coa solicitude, unha certificación expedida pola súa secretaría onde se faga constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio e os que participan no proxecto ou servizo para o que se solicita subvención.

4. Sen prexuízo doutros supostos en que proceda a inadmisión da solicitude, para as solicitudes formuladas por agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades e consorcios locais, establécese expresamente a inadmisión daquelas solicitudes nas que non se acredite a realización conxunta do servizo para a cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Nos supostos de mancomunidades e consorcios deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

  • A documentación que se debe presentar para solicitar as axudas previstas nestas convocatorias é a seguinte:

    • a) Copia do DNI da persoa representante no caso de non autorizar a súa consulta.

    • b) Anexo I: solicitude debidamente cuberta e asinada pola persoa que ostenta a representación da entidade solicitante.

    • c) Anexo II: certificación do órgano competente da entidade no que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención e do compromiso do financiamento do importe dos custos necesarios para completar o orzamento previsto para a realización da actuación ou medida para a que se solicita a subvención. No caso de mancomunidades ou consorcios deberán cubrir o último punto do anexo para facer constar a relación de concellos que a integran e os que participan na actuación ou medida para a que se solicita a subvención.

    • d) Anexo II bis, só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos: certificación do órgano competente do concello representante, na que se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados, os puntos que se recollen no dito anexo en relación cos requisitos e condicións previstas no artigo 6 desta orde.

    • e) Copia do convenio de colaboración, só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos.

    • f) Memoria de aforro de custos respecto da prestación do servizo de atención temperá de forma individualizada, só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades ou consorcios.

    • g) Anexo III: memoria descritiva do funcionamento do servizo de atención temperá; do persoal adscrito ao dito servizo, orzamento dos custos directos do dito persoal segundo a estimación de horas de traballo efectivo dedicadas ao dito servizo; número de nenos/as usuarios/as previstos con atención individualizada durante o período subvencionable.

    • h) Anexo IV: fichas individualizadas do persoal que presta ou que vai prestar servizos no servizo de atención temperá, que se numerarán correlativamente.

  • A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

  • A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

    Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

    No caso de que algún dos documentos que se van a presentar por parte da entidade solicitante de forma electrónica, superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

  • No prazo de presentación de solicitudes, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017 (DOG nº 126 do 5 de xullo de 2016).

    • Corrección de erros. Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017 (DOG nº 135 do 18 de xullo de 2016).

Outros procedementos relacionados

IN229A

Declaración de concello emprendedor.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT200A

Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT811A

Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59

PR402A

Declaración urxente de ocupación de bens de expropiación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano