Guía de procedementos e servizos

BS212A

Axudas para a posta en marcha de casas do maior.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria anos 2026 e 2027 - Prazo aberto: 28/07/2026 00:00 - 27/08/2026 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Sobre o procedemento

Axudas destinadas a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado, para a posta en marcha de casas do maior nos anos 2026 e 2027.

Poderán ser beneficiarias das axudas desta convocatoria as persoas físicas que se establezan como empresarios autónomos ou que constitúan cooperativas de traballo asociado, como promotoras da posta en marcha dunha casa do maior.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria

Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e Atención Diúrna de Maiores

Edifi. Administrativo San Caetano, 8B

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996332

Email: subxmaiores.politicasocial@xunta.gal

Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

28/07/2026 00:00 - 27/08/2026 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fóra inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.


a) Estaren en posesión ou contaren, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:

1º. Licenciatura ou grao en Medicina.

2º. Licenciatura ou grao en Psicoloxía.

3º. Máster, experto ou especialista en Psicoxerontoloxía.

4º. Diplomatura ou grao en Enfermaría.

5º. Título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, polo que se establece o título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría e as correspondentes ensinanzas mínimas, ou os títulos equivalentes de técnico Auxiliar Clínica, técnico Auxiliar Psiquiatría e técnico Auxiliar de Enfermaría que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, ou se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

6º. Título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, polo que se establece o título de técnico de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e se fixan as súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente de técnico de Atención Sociosanitaria, ou se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

7º. Título de técnico superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, polo que se establece o título de técnico superior en Integración Social e se fixan a súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente para aqueles profesionais que, á data de publicación desta convocatoria, se atopen traballando na categoría profesional de asistente persoal ou auxiliar de axuda a domicilio.

8º. O Certificado de Profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos Socioculturais e á Comunidade que se engaden no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

9º. O Certificado de Profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente Certificado de Profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio, ou se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

10º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.

b) Residir en concellos con menos de 5.600 habitantes que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, en que se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha do proxecto.

c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da casa do maior.

O inmoble deberá contar coas condicións arquitectónicas, de deseño e de construción, que garantan o cumprimento das normas en vigor, especialmente o Código técnico da edificación e as súas exixencias básicas. Así mesmo, estará dotado do seguintes recursos:

1º. Instalación de auga corrente. Os centros disporán de auga corrente procedente da rede de abastecemento público ou de calquera outra fonte que cumpra a normativa técnico-sanitaria vixente.

2º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da actividade subvencionada e conte coa protección de elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto ou outros riscos para a integridade das persoas maiores.

3º. Estancias que deberán dispoñer de ventilación e iluminación natural.

Exceptúanse destes requisitos os cuartos de baño, nos cales a ventilación pode ser natural ou forzada.

4º. Unha zona para a preparación, o almacenamento e a conservación de alimentos dotada cos elementos necesarios para prestar o servizo de manutención.

5º. Unha zona de comedor habilitada para o efecto.

6º. Unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene, que deberá contar:

6º.1. Cunha sala de estar para a realización de actividades individuais ou grupais, que posibilite a convivencia e a participación social. A súa superficie nunca será inferior a 12,5 metros cadrados e deberá dispoñer de iluminación e ventilación natural.

6º.2. Como mínimo con dous servizos hixiénicos diferenciados, un para cada sexo e contarán cunha dotación mínima de lavabo e inodoro. Un dos servizos hixiénicos deberá contar cunha ducha. Deberán estar dotados de axudas técnicas en paredes e sanitarios, así como timbre de chamada con conexión ás zonas comúns. O chan será antiescorregadizo e de doada limpeza e as portas terán un dispositivo fácil de peche e apertura.

Ambas as zonas deberán estar situadas preferiblemente en planta baixa ou planta primeira con fácil acceso ao exterior e seren accesibles.

7º. Barras, axudas e timbre, que faciliten a accesibilidade ás persoas usuarias da casa do maior.

8º. Zonas de acceso axeitadas ás persoas usuarias de andador e cadeiras de rodas, así como axeitadas ao servizo de transporte adaptado.

9º. Un mobiliario e equipamento que permita a cobertura das necesidades e das características específicas das persoas maiores usuarias.

10º. Dispoñer dun plan de actuación coas persoas maiores para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa do maior.

d) Acreditar unha revisión médica anual da persoa promotora ou á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto, no caso de cooperativa de traballo asociado.

e) Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos. No caso de cooperativas de traballo asociado, este certificado deberá estar referido á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

2. No caso de posta en marcha de dúas casas do maior nun mesmo inmoble, poderán compartir acceso de entrada, a zona de preparación de alimentos e os servizos hixiénicos diferenciados.

3. En relación ás persoas promotoras da casa do maior ou á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto, no caso de cooperativa de traballo asociado, os requisitos establecidos na letra a) do número 1, a excepción do ordinal 10º, así como o certificado médico acreditativo do estado de saúde establecido na letra d) do número 1, deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En canto ao requisito establecido na letra a) do número 1, ordinal 10º, a persoa promotora da casa do maior ou a/as persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto, no caso de cooperativa de traballo asociado deberá comprometerse, mediante a emisión dunha declaración responsable nos termos previstos no artigo 10, á súa realización nun prazo máximo de 4 meses desde a entrada en vigor desta orde.

O resto dos requisitos previstos no número 1 deberán acreditarse no prazo de dous meses desde a recepción da resolución de concesión da subvención.

Todos os requisitos previstos no número 1 deberán manterse durante o período de permanencia da actividade.

Respecto das cooperativas de traballo asociado, de non estaren constituídas no momento de presentación da solicitude, deberán ter iniciados os trámites para a súa constitución con anterioridade á súa presentación. Neste caso, deberán achegar coa solicitude a documentación acreditativa correspondente aos estatutos, a solicitude de cualificación previa destes ou a solicitude de inscrición no Rexistro de Sociedades Cooperativas. No caso de cambio de persoa socia que desenvolva o proxecto con posterioridade á adxudicación da axuda, a nova persoa socia que desenvolva o proxecto debe reunir os mesmos requisitos que a persoa incluída na solicitude de axuda como promotora do proxecto e que foi obxecto de valoración segundo os criterios establecidos no artigo 14.

Así mesmo, as persoas promotoras da casa do maior deberán acreditar, mediante declaración responsable, que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obteren a condición de beneficiarias das subvencións reguladas ao abeiro desta orde.

Solicitudes

1. As solicitudes de subvencións reguladas nesta orde presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e de sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas nas axudas para a posta en marcha de casas do maior deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) De ser o caso, unha copia da documentación acreditativa de estar en posesión de calquera das titulacións ou das formacións recollidas no artigo 4.1.a) ordinais 8º e 9º. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

En relación co curso de formación a que fai referencia o artigo 4.1.a) ordinal 10º, a persoa interesada non estará obrigada a achegar documento acreditativo da súa realización, e a Administración poderá comprobalo en calquera momento.

No caso de que aínda non se realizase o curso de formación integral e/ ou complementaria, a persoa interesada deberá cubrir a declaración responsable en que se compromete á súa realización que figura no anexo I.

b) Certificado ou informe médico oficial acreditativo das condicións de saúde. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

c) Documentación acreditativa da constitución da cooperativa de traballo asociado ou, no caso de ter iniciados os trámites para a súa constitución que comprenderá os estatutos, unha solicitude de cualificación previa destes ou solicitude de inscrición no Rexistro de Sociedades Cooperativas.

d) Memoria descritiva en que se recolla a localización xeográfica do proxecto e o número potencial de persoas maiores usuarias e se xustifique a súa necesidade e oportunidade, apoiada na análise da contorna e nos datos oficiais de poboación publicados polo Instituto Galego de Estatística nos últimos tres anos.

e) Proposta metodolóxica básica, asinada pola persoa promotora ou a persoa socia que desenvolva o proxecto, no caso de cooperativas de traballo asociado, que permita coñecer os aspectos xerais de funcionamento e de organización da casa do maior así como os elementos esenciais do desenvolvemento da actividade e que, en todo caso, deberá comprender como contido, o ingreso, a acollida e o período de adaptación, a participación das familias, as relacións coa comunidade, a alimentación, a hixiene, os hábitos de autonomía persoal e a programación xeral dunha xornada. A proposta metodolóxica recollerá protocolos básicos de actuación con persoas maiores, que incluirá o protocolo de caídas, de hixiene persoal, da atención e dos coidados, das suxestións e das reclamacións.

f) Descrición do equipamento e das materiais que se empregarán no desenvolvemento do proxecto, que comprenderá as características e a composición de todos os elementos recollidos na letra c) do artigo 4.1. Incluirase o mobiliario, os electrodomésticos e os materiais didácticos ou de estimulación cognitiva que se vaian empregar no desenvolvemento do proxecto e indicarse se son, ou non, de nova adquisición.

g) Memoria descritiva do inmoble cos planos a escala e acoutados do estado actual deste, acompañados de fotografías de todas as estancias coa proposta das adaptacións e/ou obras de reforma, que se realizarán, de ser o caso, en cada unha delas. De realizárense obras, deberanse achegar os planos a escala representativos do estado reformado.

No caso de que nun mesmo inmoble se pretenda a instalación de dúas casas do maior, de conformidade co artigo 4.1, deberán quedar claramente diferenciados os espazos destinados a cada unha das casas, delimitando os espazos propios dos espazos compartidos.

h) Orzamento desagregado dos gastos de investimento segundo o establecido no anexo II.

i) Documentación acreditativa referida á persoa solicitante promotora da casa do maior, de ser vítima de violencia de xénero e/ou certificado de discapacidade, no caso de que sexa emitido por outras administracións distintas da Xunta de Galicia, de ser o caso, para efectos da valoración dos criterios establecidos no artigo 14.

No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

j) Anexo III, comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, cuberto cos datos da persoa socia que vaia desenvolver o proxecto, no suposto de tratarse de cooperativas de traballo asociado.

k) Documentación acreditativa da dispoñibilidade do inmoble durante o período subvencionado, como a escritura de propiedade, o contrato de arrendamento ou o documento de cesión.

l) Certificado de manipulador de alimentos. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

m) Informe dos servizos técnicos municipais de que o inmoble proposto conta coas condicións de habitabilidade necesarias para o seu uso como vivenda. No suposto de inmobles non destinados a vivenda, o informe anterior substituirase pola documentación técnica elaborada por un profesional con titulación habilitante, que, co alcance e coa definición requiridos polo código técnico da edificación (CTE), acredite o cumprimento da normativa que sexa de aplicación. No caso de ter que realizar obras de adaptación ou reforma, o informe terá que acreditar as condicións referidas con posterioridade á súa realización.

n) Fotografías das adaptacións realizadas no inmoble para o desenvolvemento do proxecto de casa do maior.

ñ) Datos de identificación da persoa que se encargará de substituír a persoa promotora autónoma ou a persoa socia da cooperativa de traballo asociado que desenvolva o proxecto, de ser o caso, nos supostos de enfermidade ou ausencia temporal, así como copia da documentación recollida no artigo 4.1.a).

o) Alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda, de ser o caso.

p) Plan de actuación en caso de emerxencia.

q) Xustificante de contratar unha póliza de seguro por un importe mínimo de 15.000 euros, que garanta a cobertura das continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes que puidesen xerarse por feitos ou circunstancias ocorridos como consecuencia da súa estadía na casa do maior ou das actividades propias do servizo prestado que se realicen no exterior.

r) Alta na Seguridade Social no réxime especial de autónomos da persoa solicitante e da persoa que vaia desenvolver a actividade no caso de cooperativas de traballo asociado.

2. A documentación prevista nas letras k) a r) do número 1 poderá presentarse, ben no momento da solicitude co anexo I, ben no prazo de dous meses desde a publicación da resolución de concesión, xunto co anexo IV.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta nas plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa solicitante, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante, persoa representante e da persoa socia que desenvolverá a actividade no caso de cooperativas de traballo asociado.

b) Número de identificación fiscal (NIF) da cooperativa de traballo asociado promotora da casa do maior.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento de obrigacións tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), certificado de fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, da persoa ou da entidade solicitante e da persoa que desenvolverá a actividade.

d) Inhabilitacións vixentes para obter subvencións da persoa ou da entidade solicitante e da persoa que desenvolverá a actividade rexistradas na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) no período solicitado.

e) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis da persoa solicitante e da persoa socia que desenvolverá a actividade no suposto de cooperativas de traballo asociado.

f) Alta no imposto de actividades económicas, respecto da persoa ou entidade solicitante.

g) Títulos oficiais universitarios e títulos oficiais non universitarios mencionados no artigo 4.1.a) da persoa solicitante ou da persoa socia da cooperativa de traballo asociado que desenvolva o proxecto, no suposto de cooperativas de traballo asociado.

h) Consulta de datos de residencia, con data de última variación padroal, da persoa solicitante ou da persoa socia da cooperativa de traballo asociado que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

i) Estar inscrita como demandante de emprego na data concreta da persoa solicitante ou da persoa socia da cooperativa de traballo asociado que vai desenvolver o proxecto.

j) Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia, con respecto á persoa solicitante ou á persoa socia da cooperativa de traballo asociado que vai desenvolver o proxecto.

k) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas á persoa solicitante e á persoa socia da cooperativa de traballo que vai desenvolver o proxecto.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 10 de xullo de 2026 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2026 e 2027, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 139 do 27 de xullo de 2026).

    • Extracto da Orde do 10 de xullo de 2026 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2026 e 2027, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 139 do 27 de xullo de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS105A

Presentación directa de reclamacións en materia de centros, servizos e programas de servizos sociais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS105B

Remisión polas entidades prestadoras de servizos sociais de reclamacións presentadas no seu libro de reclamacións

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS210A

Recoñecemento da situación de dependencia e da discapacidade

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS215A

Axudas dirixidas a persoas con esclerose lateral amiotrófica ou dos seus fenotipos

Tramitar en liña

Prazo aberto: 07/08/2026 00:00 - 03/11/2026 23:59