Guía de procedementos e servizos

PR775A

Concurso de literatura infantil e xuvenil do día das letras galegas.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 09/04/2026 00:00 - 08/05/2026 23:59

Consellería de Facenda e Administración Pública

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Que é e para que serve

Convocar, baixo o réxime de concorrencia competitiva, o concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2026 orientado aos nenos e nenas que teñan a súa veciñanza administrativa en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia, e con idades comprendidas, segundo estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos 

Quen pode solicitalo

Dirixido a nenas e nenos que teñan a súa veciñanza administrativa en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia e teñan idades comprendidas, en función das dúas categorías previstas, de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.

Non poderán acceder a estes premios:

- As persoas participantes cuxos representantes legais se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- Os fillos e as fillas das persoas integrantes do xurado.

Requisitos

1. Os contos serán inéditos e deberán redactarse en lingua galega. Non serán valorados aqueles textos que non cumpran uns requisitos mínimos de corrección idiomática no emprego da lingua galega.

2. A temática será libre. Terán unha extensión mínima dunha páxina e máxima de cinco e deberán estar escritos por unha soa cara. En caso de presentar os textos en papel, deberá utilizarse o tamaño A4 e non unir as páxinas con clips, grampas ou outros elementos. As páxinas deberán estar numeradas.

3. A primeira páxina do conto deberá incluír unicamente o título e o pseudónimo. No conto non poderá figurar ningún dato que permita identificar a persoa participante.

4. Queda prohibido o uso de tecnoloxías de intelixencia artificial para a elaboración dos contos presentados.

5. Poderán presentarse traballos premiados noutros concursos, agás que xa fosen premiados anteriormente pola EGAP, sempre que non fosen publicados.

6. Cada persoa participante poderá presentar unha única obra ao concurso, con independencia do número de pseudónimos que utilice.

Se se detecta a presentación de máis dun conto por unha mesma persoa, requirirase a súa emenda, para que indique cal deles mantén no certame, e quedarán excluídos os restantes.

Cando se pode solicitar

Prazo de presentación: PECHADO

09/04/2026 00:00 - 08/05/2026 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

Como se tramita

Podes presentar esta solicitude de dous xeitos:

  • Por internet, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
  • Presencialmente, nunha oficina de rexistro ou noutros lugares autorizados.

Se pertences a algún destes grupos, tes que presentar a solicitude electronicamente:

  • Persoas xurídicas.
  • Entidades sen personalidade xurídica.
  • Profesionais que deban estar colexiados para exercer a súa actividade.
  • Empregados públicos, cando realicen un trámite por razón da súa condición de empregado público.
  • Traballadores e traballadoras autónomos.
  • Estudantes universitarios.
  • Persoas que representen a calquera dos grupos anteriores.

Tramitar en liña

A solicitude pódela presentar electronicamente a través do botón “Tramitar en liña” dispoñible nesta páxina. 

Para presentar a solicitude en liña:

  • Pulsa o botón «Tramitar en liña» desta páxina.
  • Identifícate electronicamente.
  • Firma a solicitude cun sistema de sinatura electrónica admitido.

Podes consultar os sistemas de identificación e firma admitidos na sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón.

Tramitar presencialmente

Se non estas obrigado a presentar a solicitude electronicamente podes facelo de forma presencial.

Podes presentar a solicitude en:

  • As oficinas de asistencia en materia de rexistro da Xunta de Galicia.
  • As oficinas de rexistro doutras administracións públicas, como os concellos.
  • As oficinas de Correos.
  • As embaixadas e os consulados de España no estranxeiro.
  • Outros lugares autorizados na normativa reguladora do procedemento.

As oficinas de asistencia en materia de rexistro da Xunta de Galicia pódelas consultar en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se prefires que te atendan a unha hora concreta, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Que documentación hai que presentar

A documentación que debes presentar depende do tipo de solicitude que realices.

A Administración poderá comprobar automaticamente algúns datos necesarios para a tramitación.

Se non pode comprobalos, indicarémosche que documentos debes achegar.

Nalgúns casos, terás que completar e presentar formularios adicionais, chamados anexos.

Podes descargalos desde a ligazón que aparece xunto ao nome de cada formulario.

Documentación

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais das persoas solicitantes.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas que opten pola presentación electrónica deberán utilizar o anexo I e achegar dous arquivos independentes en formato pdf do xeito seguinte:

a) Un arquivo, en formato pdf, que conteña o texto do conto coas características da base 3ª. Este arquivo nomearase do seguinte modo: CONTO_Título do conto.

b) Un arquivo, que conteña o certificado de nacemento. Este arquivo nomearase do seguinte modo: DATOS PERSOAIS_Título do conto.

2. No caso de que se opte pola presentación presencial, deberán presentar o anexo I de solicitude e achegar a seguinte documentación:

– Un sobre tamaño folio, pechado, coa seguinte inscrición na parte exterior: Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2026, título do conto e pseudónimo. Dentro do sobre debe incluírse unicamente o conto coas características da base 3ª.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas representantes legais da persoa menor incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante legal do/da menor participante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta dos datos de convivencia actual.

i) Consulta do certificado de nacemento.

2. No caso de que as persoas representantes legais se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores 

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Que vai pasar despois de que o presente

Canto tempo ten a Administración para resolver a solicitude?

Cinco meses

Que ocorre se non recibes resposta?

Se pasa o prazo establecido para resolver e non recibes unha resposta expresa, a túa solicitude considérase desestimada por silencio administrativo.

Isto significa que a solicitude non se considera aprobada.

A Administración segue estando obrigada a resolver a túa solicitude aínda que transcorra este prazo.

A resolución pode ser:

  • Estimatoria (cando aprobamos a túa solicitude).
  • Desestimatoria (cando non aprobamos a túa solicitude).

Se non aprobamos a túa solicitude, podes presentar un recurso para pedir que revisemos a decisión.

Como podes consultar ou realizar trámites despois de presentar a solicitude?

Unha vez que presentes a solicitude e se inicie o expediente (conxunto de documentos e actuacións relacionados coa túa solicitude), podes realizar trámites electrónicos a través da Carpeta cidadá (espazo privado onde podes consultar as túas xestións coa Administración) na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Desde a Carpeta cidadá podes:

  • Consultar o estado do teu expediente.
  • Acceder á documentación.
  • Realizar os trámites que estean dispoñibles.


Se non estás obrigado a relacionarte electronicamente coa Administración, tamén podes realizar estes trámites de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro (oficinas onde podes presentar documentos e recibir axuda para os teus trámites). 

Podes consultar a localización destas oficinas en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se desexas garantir a túa atención nunha hora determinada, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Onde obter máis información

Podes obter máis información chamando ao teléfono 012 ou ao 981 900 643, servizo de información da Xunta de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Facenda e Administración Pública

Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

R/ Madrid, 2-4 (Fontiñas)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546044/ 981546331

Fax: 981546337

Email: secretaria.egap@xunta.gal novas.egap@xunta.gal

Órgano responsable

Escola Galega de Administración Pública (EGAP)
Normativa
    Ámbito Autonómico
    • Resolución do 25 de marzo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2026 (DOG nº 64 do 08 de abril de 2026). Ligazón á normativa

    • Extracto da Resolución do 25 de marzo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2026 (DOG nº 64 do 08 de abril de 2026). Ligazón á normativa

    • Resolución do 27 de outubro de 2026 pola que se resolve a convocatoria do Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2026 (DOG nº 211 do 04 de novembro de 2026). Ligazón á normativa

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

CT100A

Inscrición, depósito documental e certificación da sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego do Protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 01/02/2023 00:00 - 03/03/2024 23:59

ED104H

Cursos preparatorios para os certificados en língua galega, Celga, que se realizarán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.

Prazo pechado: 20/08/2016 00:00 - 02/01/2017 23:59

ED109A

Bolsas de formación para proxectos de investigación no centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 06/06/2018 00:00 - 05/07/2018 23:59

PL500C

Probas para a obtención do Certificado de lingua galega: niveis CELGA 2, CELGA 3 e CELGA 4

Tramitar en liña

Prazo pechado: 17/09/2026 00:00 - 07/10/2026 23:59