Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT207A
Subvencións á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para as producións e coproducións de proxectos audiovisuais galegos para o ano 2026
Persoas físicas (autónomas) ou xurídicas
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura - Monte Gaiás, s/n
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996077/ 881996078
Fax: 881996080
Email: agadic@xunta.es
Prazo de presentación: ABERTO
29/01/2026 00:00 - 02/03/2026 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será dun (1) mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. As persoas beneficiarias deberán:
a) Posuír os dereitos de propiedade intelectual do guión, obra literaria ou calquera obra previa que requira da obtención ou opción de compra sobre el para a realización da obra audiovisual.
b) Ser titulares dos dereitos de propiedade da obra audiovisual na medida que sexan necesarios para a súa explotación e comercialización. Entenderase cumprido este requisito no suposto de que a titularidade dos dereitos sobre a obra se encontre distribuída entre as empresas coprodutoras desta.
3. Só poderán participar nesta convocatoria aquelas produtoras que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual. Esta porcentaxe poderase reducir ata un mínimo do 10 % no caso das coproducións internacionais cando na produción da obra participen catro ou máis países.
4. Non poderán ser destinatarias das subvencións previstas nesta convocatoria as empresas produtoras que só teñan unha participación económica no proxecto.
5. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, así como ás empresas en crise, tal e como establecen os artigos 1 e 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
6. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas beneficiarias declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Achegaranse as seguintes declaracións responsables que se recollen no anexo II:
2.1. Que a obra audiovisual terá carácter cultural e poderá obter o certificado cultural por parte do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) de acordo coa Orde CUD/582/2020, do 26 de xuño, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas estatais para a produción de longametraxes e curtametraxes.
2.2. Que a persoa solicitante asume o compromiso de incluír na obra obxecto da axuda o subtitulado especial e a audiodescrición como medidas de accesibilidade universal.
2.3. Que a entidade solicitante é titular dos dereitos suficientes de propiedade da obra, de acordo co establecido no artigo 24.2 da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, e coa presente convocatoria.
2.4. Que a entidade solicitante, ou, de ser o caso, as empresas que integran a entidade xurídica solicitante cumpren cos requisitos de produtor independente tal e como establece o artigo 4.n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema.
2.5. Que o proxecto se adapta aos regulamentos específicos ou a algún dos convenios subscritos por España en materia de coprodución internacional cinematográfica, no caso dos proxectos da categoría C.
2.6. Que a entidade solicitante posúe un contrato ou carta de compromiso por parte dunha canle de televisión ou dunha plataforma de vídeo baixo demanda relativa á participación no proxecto ou á compra de dereitos de emisión da serie. De tratarse dunha carta de compromiso, esta deberá reflectir, cando menos, a contía económica mínima que a parte asinante ten previsto investir no proxecto. Só para o caso dos proxectos da categoría E.
2.7. Declaración responsable de que a persoa beneficiaria adquire, coa obtención da subvención os seguintes compromisos:
2.7.1. Poñer en coñecemento, e coordinar coa Agadic, cun mes de antelación mínima a data da estrea da obra en Galicia, ben sexa en festivais galegos do audiovisual, en salas de cine ou en canles de TV ou plataformas VOD, segundo a categoría do proxecto subvencionado.
2.7.2. Estrear a obra na súa versión orixinal nun mínimo de cinco salas de exhibición localizadas en Galicia, salvo cando se trate de obras de tipo documental que se deberán estrear nun mínimo de dúas salas de exhibición galegas. As estreas non se terán que realizar de forma simultánea. Só para o caso dos proxectos das categorías A e B.
2.7.3. Informar a Agadic de todas as participacións da obra audiovisual nos certames e festivais que se relacionan no anexo IV cun mínimo de 15 días de antelación á súa celebración.
2.7.4. Manter a porcentaxe mínima de titularidade dos dereitos de propiedade da obra audiovisual que establece a convocatoria durante un período mínimo de tres anos contados desde a cualificación oficial desta, cando se trate dunha obra cinematográfica.
2.7.5. Recuperar os dereitos de emisión da obra audiovisual cedidos a entes emisores, cando se trate de producións destinadas a canles de televisión e/ou plataformas de vídeo baixo demanda dentro dos seguintes prazos: 7 anos se a participación do ente emisor se formaliza como prevenda e 10 anos cando a participación do ente emisor se formaliza como coprodución.
2.8. Declaración das características e condicións do proxecto segundo a ficha de produción recollida no anexo III destas bases relativas a: lingua orixinal de rodaxe e porcentaxe da lingua galega na versión orixinal, porcentaxe de días de rodaxe en Galicia sobre o total da gravación ou de utilización de estudos principais de animación radicados en Galicia, utilización de servizos audiovisuais galegos, vinculación laboral con Galicia dos profesionais que interveñen no proxecto a nivel creativo, técnico e artístico, condición novel do director ou da directora da obra, dirección da obra a cargo dunha muller, porcentaxe de presenza feminina a nivel creativo, técnico e artístico, historial en canto a obras previas producidas da empresa solicitante ou da persoa proposta para a produción executiva, historial en canto a obras anteriores realizadas pola persoa proposta para a dirección do proxecto, subvencións previas da Agadic á escrita de guión ou a desenvolvemento do proxecto, participación en obradoiros de creación, desenvolvemento ou produción de proxectos audiovisuais, historial das obras anteriores producidas pola empresa coa participación maioritaria naqueles proxectos presentados á categoría C, porcentaxe de financiamento en firme acadado polo proxecto no momento da solicitude.
2.9. Declaración de participación en AIE e empresas vinculadas, de ser o caso.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
Documentación xeral
1.1. Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
1.4. Documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.
1.5. Especificamente, para os proxectos presentados á categoría C de coprodución internacional minoritaria:
1.5.1. Certificado da aprobación oficial da coprodución internacional por parte do país maioritario e contrato de coprodución entre as produtoras independentes participantes.
1.5.2. Resolución aprobatoria da coprodución, de conformidade co previsto no artigo 9 do Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 55/20017, do 28 de decembro do cinema, ou nos acordos internacionais subscritos por España. Na súa falta, acreditación de ter cursada a solicitude de aprobación da coprodución.
1.6. Contrato ou carta de compromiso dunha empresa prestadora do servizo de comunicación audiovisual, segundo a Directiva europea 2010/13/UE1 de Servizos de Comunicación Audiovisual, no caso dos proxectos presentados á categoría E. Para o caso de presentación dunha carta de compromiso, esta deberá reflectir, cando menos, a contía económica mínima que a parte asinante ten previsto investir no proxecto.
2. As persoas beneficiarias deberán presentar, seguindo a mesma orde de numeración e nomenclatura, a seguinte documentación específica:
2.1. Datos identificativos do proxecto: título, xénero, versión lingüística orixinal da obra, formato de rodaxe ou gravación, orzamento total, empresa ou empresas produtoras, nacionalidades e porcentaxes de participación, responsables da produción executiva, guión e dirección, localizacións de rodaxe, utilización de estudos principais de animación, localizacións de posprodución.
2.2 Anexo III: ficha do proxecto.
2.3 Documentación que acredite os datos achegados na ficha do proxecto.
2.3.1. Contratos en firme ou cartas de compromiso asinadas polos profesionais que se relacionan na ficha. No caso das persoas responsables da dirección, guión e produción executiva, deberán figurar as cantidades económicas acordadas.
2.3.2. Contratos ou cartas de compromiso asinadas polos estudos de produción e posprodución galegos e polas empresas auxiliares de produción que desenvolven a súa actividade habitual en Galicia propostos para participar no proxecto.
2.3.3 Historial da empresa produtora ou do/da profesional que exercerá a produción executiva. Cando se acredite o historial profesional da persoa que exercerá a produción executiva, terá que figurar especificamente o nome na dita función nas obras anteriores realizadas. A mesma persoa non poderá figurar proposta para acreditar o historial como produtor/a executivo/a en máis de dous proxectos presentados a esta convocatoria. No caso de figurar en máis de dous proxectos, non se considerará acreditado o historial para efectos de puntuación en ningún deles. A acreditación do historial realizarase segundo se detalla a continuación:
– No relativo a longametraxes e curtametraxes producidas con anterioridade só se admitirán as fichas das películas que figuran no catálogo de películas cualificadas do ICAA (https://sede.mcu.gob.es/CatalogoICAA). A mesma ficha será válida para acreditar os resultados de billeteira e a coprodución internacional no caso das longametraxes cinematográficas. Se as obras anteriores están cualificadas no estranxeiro, admitirase documentación equivalente. No caso das series presentarase documentación de valor probatorio que certifique a participación da empresa ou do profesional na obra. Non se admitirán imaxes dos títulos de crédito se non se acompañan dunha ligazón que permita o acceso á obra.
– No relativo á presenza de obra en festivais, condición de finalista en certames de premios e obtención de premios en festivais e certames, segundo o anexo IV das bases reguladoras, priorizarase a ficha da película indicada no parágrafo anterior cando se trate de obras cinematográficas. De non figurar estes datos na ficha da película e para o caso das series, achegarase a comunicación emitida polo certame ou a ligazón á páxina web oficial deste onde figure a selección ou premio xunto coa respectiva captura de pantalla.
– A coprodución internacional de series acreditarase mediante extracto do contrato entre compañías produtoras ou certificación emitida polas canles de televisión e/ou plataformas de vídeo baixo demanda correspondentes.
2.3.4. No caso dos proxectos presentados á categoría C de coproducións internacionais en réxime de participación minoritaria española, haberá que presentar a seguinte documentación relativa á compañía coprodutora maioritaria:
– Acreditación da presenza de obras anteriores en que participase en festivais, segundo a relación de seccións oficiais e certames recollidos no anexo IV das presentes bases, mediante convite emitido pola dirección ou organización do evento.
– Acreditación da obtención de premios á mellor película en calquera categoría dalgún certame ou festival dos recollidos no anexo IV mediante ligazón á páxina web do evento na edición correspondente.
2.3.5. Documentación relativa aos/ás profesionais propostos/as no momento de presentar a solicitude:
– A acreditación da vinculación con Galicia realizarase mediante DNI ou certificado de empadroamento. Tamén se poderá acreditar a dita vinculación cando o/a profesional recibise formación regrada en Galicia ou desempeñase un posto dos que se relacionan no anexo IV nun mínimo de dous proxectos de produción galega nos últimos dez anos. Nestes casos, a vinculación acreditarase presentando a correspondente titulación ou mediante fichas de películas cualificadas do ICAA en que participase ou achegando as ligazóns cos títulos de crédito xunto coa captura de pantalla onde figure o/a profesional.
– A presenza e obtención de premios en certames e/ou festivais de obras anteriores da persoa responsable da dirección única do proxecto acreditarase preferentemente mediante fichas de películas cualificadas do ICAA ou mediante a ligazón ás páxinas web oficiais dos certames onde figure o dato xunto coas respectivas capturas de pantalla.
2.3.6. Acreditación, en firme, do financiamento declarado no momento da presentación da solicitude. Para efectos das presentes bases, para acreditar esta circunstancia só se considerará válida a seguinte documentación.
– Dereitos a recibir outras axudas ou subvencións a través de resolucións definitivas do organismo convocante.
– Contratos con canles de televisión e/ou plataformas de VOD. No caso das canles públicas de TV poderá achegarse a resolución de participación ou compra de dereitos, sempre que se indique o importe económico derivado da devandita participación.
– Contratos con compañías distribuidoras ou axencias de vendas, ou precontratos onde se definan as cantidades.
– Contratos de investimento privado cando se acompañen da correspondente orde de transferencia bancaria.
– Certificados de entidades xestoras de incentivos fiscais onde se detallen as bases sobre as que se aplica a desgravación fiscal.
Os contratos para acreditar a viabilidade económica deberán ser posteriores ao 31 de decembro de 2023. Se son anteriores, deberán estar acompañados dunha actualización ou addenda.
En todos os contratos deberá figurar a empresa produtora solicitante ou a empresa ou empresas coprodutoras con que exista acordo oficial asinado, ou a empresa ou empresas con que teña constituída a agrupación de interese económico no momento de presentar a solicitude, de ser o caso.
Non se admitirán contratos formalizados con empresas ou persoas vinculadas á entidade solicitante para efectos de acreditación de financiamento.
2.4. Dossier do proxecto, nun único documento segundo a orde que se detalla, que deberá conter:
2.4.1. Memoria dos/das autores/as que recolla as intencións e os aspectos creativos do proxecto.
2.4.2. Memoria da produción e da dirección onde se prioricen os aspectos que se avalían na epígrafe de criterios artísticos da modalidade correspondente, segundo se detalla no artigo 17.1 das bases reguladoras. No caso das coproducións internacionais en réxime de participación minoritaria, achegarase tamén información relativa á produtora maioritaria do proxecto.
2.4.3. Deseño de produción e plan de traballo en que se considere unha previsión do tempo de rodaxe e as localizacións.
2.4.4. Sinopse argumental cunha extensión máxima de 500 palabras e guión do proxecto. No caso das series, deberá achegarse o guión do primeiro capítulo e a biblia completa do proxecto. No caso de proxectos documentais, o guión poderá ser substituído por un tratamento ou escaleta.
Con relación a este punto 2.4 o órgano instrutor comprobará a presentación do dossier pero non realizará a comprobación cualitativa do seu contido. Este dossier non poderá ser obxecto de modificación ou mellora ao longo da fase de instrución do procedemento previa á reunión da Comisión de Valoración.
2.5. Plan de financiamento.
2.6. Orzamento segundo os modelos publicados na páxina web da Agadic.
2.7. Voluntariamente poderase achegar:
2.7.1. Un plan de promoción e márketing elaborado por unha empresa ou profesional especializado/a.
2.7.2. Unha ligazón a un audiovisual de venda do proxecto (teaser) de non máis de tres minutos de duración.
2.7.3. Unha ligazón a unha presentación do proxecto a cargo da persoa responsable da dirección ou da produción executiva.
2.8. Calquera outra documentación que a entidade solicitante considere pertinente para unha mellor defensa do proxecto.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5 No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. As persoas solicitantes poderán indicar na súa solicitude aquela documentación ou información que consideran ten carácter confidencial, non sendo admisible unha declaración xenérica nin unha declaración que indique que toda a documentación ou información ten carácter confidencial. De facelo así, o órgano instrutor reservará para si o dereito de determinar que documentación debe considerarse confidencial, exonerándoo de toda responsabilidade por calquera erro de apreciación en canto ao carácter confidencial ou non da documentación e información do expediente de solicitude.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– NIF da entidade solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesión de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 16 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 18 do 28 de xaneiro de 2026).
-
Extracto da Resolución do 16 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 18 do 28 de xaneiro de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Depósito en réxime de comodato de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
Aberto todo o ano
Doazón de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
Aberto todo o ano
Autorización de reprodución de fondos de arquivos para publicación e/ou difusión.
Aberto todo o ano