Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN200A
Premios de Artesanía de Galicia.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais, Entidades locais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Para realizar este trámite presencialmente debes imprimir o seguinte modelo e presentalo nunha oficina.
Utiliza a opción "DESCARGAR PDF IMPRESIÓN" para imprimilo.
Podes cubrir o formulario en liña e imprimilo unha vez cuberto. Poderás gardar os avances e continuar noutro momento utilizando as opcions "Gardar" e "Recuperar".
Regular a concesión dos premios de Artesanía de Galicia, e proceder a súa convocatoria para o ano 2026, co obxectivo de recoñecer a mellora continua no labor dos/as profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.
Os Premios Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:
a) Premio Artesanía de Galicia 2026
b) Premio Traxectoria 2026
c) Premio Bolsas Eloy Gesto 2026
Profesionais do sector artesán galego.
Requisitos
Os premios de Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:
1. Premio Artesanía de Galicia 2026.
Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no desenvolvemento desta.
2. Premio Traxectoria 2026.
Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dunha persoa artesá galega. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia, entidades locais e outras entidades públicas ou privadas encargados de facer a presentación das candidaturas. Valorarase a traxectoria recoñecida da persoa candidata, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.
3. Premio Bolsas Eloy Gesto 2026.
Esta modalidade ten a finalidade de potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiaranse ata tres candidaturas que presenten unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais.
Prazo de presentación: PECHADO
21/09/2026 08:00 - 01/10/2026 14:30
O prazo de presentación para as tres candidaturas iniciarase a partir das 8.00 horas do 21 de setembro de 2026 e rematará ás 14.30 horas do 1 de outubro de 2026.
Podes presentar esta solicitude de dous xeitos:
- Por internet, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Presencialmente, nunha oficina de rexistro ou noutros lugares autorizados.
Se pertences a algún destes grupos, tes que presentar a solicitude electronicamente:
- Persoas xurídicas.
- Entidades sen personalidade xurídica.
- Profesionais que deban estar colexiados para exercer a súa actividade.
- Empregados públicos, cando realicen un trámite por razón da súa condición de empregado público.
- Traballadores e traballadoras autónomos.
- Estudantes universitarios.
- Persoas que representen a calquera dos grupos anteriores.
Tramitar en liña
A solicitude pódela presentar electronicamente a través do botón “Tramitar en liña” dispoñible nesta páxina.
Para presentar a solicitude en liña:
- Pulsa o botón «Tramitar en liña» desta páxina.
- Identifícate electronicamente.
- Firma a solicitude cun sistema de sinatura electrónica admitido.
Podes consultar os sistemas de identificación e firma admitidos na sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón.
Tramitar presencialmente
Se non estas obrigado a presentar a solicitude electronicamente podes facelo de forma presencial.
Podes presentar a solicitude en:
- As oficinas de asistencia en materia de rexistro da Xunta de Galicia.
- As oficinas de rexistro doutras administracións públicas, como os concellos.
- As oficinas de Correos.
- As embaixadas e os consulados de España no estranxeiro.
- Outros lugares autorizados na normativa reguladora do procedemento.
As oficinas de asistencia en materia de rexistro da Xunta de Galicia pódelas consultar en:
https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion
Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa.
Se prefires que te atendan a unha hora concreta, solicita cita previa en:
A documentación que debes presentar depende do tipo de solicitude que realices.
A Administración poderá comprobar automaticamente algúns datos necesarios para a tramitación.
Se non pode comprobalos, indicarémosche que documentos debes achegar.
Nalgúns casos, terás que completar e presentar formularios adicionais, chamados anexos.
Podes descargalos desde a ligazón que aparece xunto ao nome de cada formulario.
Documentación
Solicitudes
1. Para a modalidade Premio Artesanía de Galicia 2026, co fin de avaliar fielmente a calidade, o deseño e a presentación de todas as obras a concurso por parte do xurado que ditaminará a peza gañadora requírese, excepcionalmente, que a obra xunto coa súa documentación e a solicitude (anexo II) se presenten nas oficinas da Fundación Pública Artesanía de Galicia utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
As persoas interesadas deberán consultar previamente no correo electrónico centro.artesania@xunta.gal o enderezo e o horario de apertura das oficinas. Cando a candidatura se remita por correo, a persoa solicitante deberá xustificar a data de imposición do envío na oficina de Correos (será requisito indispensable que se trate dunha oficina de Correos prestadora do Servizo Postal Universal) e anunciarlle á Fundación Pública Artesanía de Galicia a remisión da candidatura mediante correo electrónico no mesmo día. Sen a concorrencia de ambos os requisitos non será admitida a proposta se é recibida pola Fundación con posterioridade á data en que remata o prazo sinalado nestas bases. Transcorridos, porén, os dez días naturais seguintes á data indicada sen recibir a proposta de candidatura, esta non será admitida en ningún caso. Dada a incompatibilidade funcional e loxística derivada do volume das pezas presentadas, non se admitirá a presentación nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. Para as modalidades Premio Traxectoria 2026 e Premio Bolsas Eloy Gesto 2026, as solicitudes (anexo II) e a restante documentación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou documentación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no caso de que a solicitude ou a restante documentación non reúna os requisitos exixidos nestas bases, requiriráselle á persoa solicitante que a complete no prazo de 10 días coa advertencia de que, transcorridos eses días sen que se achegue a documentación requirida, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Documentación complementaria
As persoas interesadas deberán achegar co anexo II de solicitude a seguinte documentación:
1. Premio Artesanía de Galicia 2026.
A) Presentación da peza orixinal e no caso de que non poida ser presentada por cuestións de volume, peso ou localización, exixirase unha maqueta cuxo volume non exceda o metro cúbico e os 40 quilogramos de peso, xunto con material fotográfico da orixinal.
B) Sobre pechado A, en que figurará o título da proposta e que conterá en papel a seguinte documentación:
a) Anexo II. Solicitude. É obrigatorio que, de ser o caso, leve a sinatura e o selo da empresa.
b) Currículo do obradoiro artesán.
c) Declaración asinada de que a peza presentada é autoría e propiedade da persoa solicitante e non foi presentada a outros concursos nin publicada con anterioridade en ningún tipo de soporte (redes sociais, web, publicacións e outros).
No caso de que a peza presentada sexa resultado dunha colaboración de varios obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, o sobre deberá conter a documentación sinalada anteriormente cuberta por cada un dos participantes na elaboración da peza.
C) Sobre pechado B, en que figurará o título da proposta e conterá en soporte dixital a seguinte documentación:
a) Ficha técnica do proxecto que inclúa nome ou título da obra, peso, medidas, técnica utilizada, materiais empregados, ano de elaboración e valoración económica.
b) Mínimo de 5 imaxes da obra presentada en formato .jpg en alta calidade.
c) Memoria descritiva do proceso produtivo e memoria conceptual en que se indique a intencionalidade da peza, as fontes de inspiración e calquera outro dato que axude á comprensión e ao bo entendemento da obra.
Esta documentación non poderá estar asinada nin conter distintivos que a identifiquen cunha marca ou cunha autoría determinada.
O número máximo de obras por participante será de dúas. Así mesmo, os autores que desexen participar con máis dunha obra deberán cubrir toda a documentación por obra presentada.
Tanto a peza como a memoria que se propón como candidata ao premio non poderán estar asinadas nin conter distintivos que as identifiquen cunha marca ou cunha autoría determinada.
2. Premio Traxectoria 2026.
a) Memoria de presentación en que se sinalen as razóns pola/s se propón ao premio.
b) Currículo da persoa candidata.
c) Un mínimo de 15 imaxes en formato .jpg, das cales un mínimo de 5 serán pezas rematadas e un mínimo de 5 da persoa candidata ao premio.
3. Premio Bolsas Eloy Gesto 2026.
a) Currículo da persoa artesá ou do obradoiro artesán.
b) Memoria descritiva que inclúa o traballo principal da persoa candidata no eido da artesanía, programa ou principais contidos da formación que desexa adquirir a través da bolsa de formación, información principal do centro de formación ou obradoiro de artesanía para o cal solicita a bolsa e unha proposta razoada pola que considera que a súa candidatura debe de ser elixida como gañadora nesta categoría.
c) Será preciso achegar un mínimo de 10 imaxes de produto en formato .jpg.
No caso de presentación electrónica obrigatoria, se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Fundación Pública Artesanía de Galicia poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algúns dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.
b) NIF da entidade solicitante ou representante.
c) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa AEAT.
d) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.
3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores
Para as modalidades Premio Traxectoria 2026 e o Premio Bolsas Eloy Gesto 2026, todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Respecto á modalidade Premio Artesanía de Galicia 2026, os trámites con posterioridade ao inicio do expediente débense realizar presencialmente na sede da Fundación Pública Artesanía de Galicia con fin de avaliar fielmente, por parte do xurado que ditaminará a peza gañadora, a calidade, o deseño e a presentación de todas as obras a concurso e a documentación que a acompaña. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites, que poderán ser empregados por elas.
Canto tempo ten a Administración para resolver a solicitude?
Tres meses
Que ocorre se non recibes resposta?
Se pasa o prazo establecido para resolver e non recibes unha resposta expresa, a túa solicitude considérase desestimada por silencio administrativo.
Isto significa que a solicitude non se considera aprobada.
A Administración segue estando obrigada a resolver a túa solicitude aínda que transcorra este prazo.
A resolución pode ser:
- Estimatoria (cando aprobamos a túa solicitude).
- Desestimatoria (cando non aprobamos a túa solicitude).
Se non aprobamos a túa solicitude, podes presentar un recurso para pedir que revisemos a decisión.
Como podes consultar ou realizar trámites despois de presentar a solicitude?
Unha vez que presentes a solicitude e se inicie o expediente (conxunto de documentos e actuacións relacionados coa túa solicitude), podes realizar trámites electrónicos a través da Carpeta cidadá (espazo privado onde podes consultar as túas xestións coa Administración) na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Desde a Carpeta cidadá podes:
- Consultar o estado do teu expediente.
- Acceder á documentación.
- Realizar os trámites que estean dispoñibles.
Se non estás obrigado a relacionarte electronicamente coa Administración, tamén podes realizar estes trámites de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro (oficinas onde podes presentar documentos e recibir axuda para os teus trámites).
Podes consultar a localización destas oficinas en:
https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion
Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa.
Se desexas garantir a túa atención nunha hora determinada, solicita cita previa en:
Podes obter máis información chamando ao teléfono 012 ou ao 981 900 643, servizo de información da Xunta de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Fundación Pública Artesanía de Galicia
Área Central, 1º-Local L34 FGHI (Fontiñas)
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881999171/ 881999174
Email: centro.artesania@xunta.gal
https://artesaniadegalicia.xunta.gal/ e https://conselleriaemprego.xunta.gal/
Desde o resto do Estado: 902120012
Órgano responsable
-
Orde do 7 de xullo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia, se convocan para o ano 2026 e se autoriza a Fundación Pública Artesanía de Galicia para a súa concesión (DOG nº 136 do 22 de xullo de 2026). Ligazón á normativa
-
Extracto da Orde do 7 de xullo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia, se convocan para o ano 2026 e se autoriza a Fundación Pública Artesanía de Galicia para a súa concesión (DOG nº 136 do 22 de xullo de 2026). Ligazón á normativa
Outros procedementos relacionados
Bonos Activa comercio.
Prazo aberto: 28/10/2026 09:00 - 15/12/2026 23:59
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano