Guía de procedementos e servizos

IG408L

Axudas para a mellora da capacidade da innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño e innovación (programa Igape Innova)

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria anos 2026 e 2027 - Prazo pechado: 17/01/2026 09:00 - 17/02/2026 14:00

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

A concesión de axudas destinadas a pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas con centro de traballo en Galicia, co obxectivo de incrementar a capacidade innovadora das mesmas, mediante a introdución de innovacións significativas que incrementen a súa competitividade, a través da aplicación do deseño, da xeración e incorporación de coñecementos, tecnoloxías e innovacións destinadas á mellora de procesos e á creación de produtos e servizos tecnoloxicamente avanzados e de maior valor engadido.

Igape Innova financiará actividades integradas en plans de deseño e innovación, segundo a súa finalidade, mediante as seguintes liñas de actuación:

Liña 1. Plans de innovación en procesos e organización.

Liña 2. Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade.

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas galegas (en diante, pemes) ou cun centro de traballo en Galicia para as liñas 1 e 2 e as grandes empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia para a liña 2.

2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que, á data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.

3. As persoas beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán na resolución de concesión correspondente, conforme o disposto no artigo 10.2 da presente resolución.

4. Non poderán ter a condición de empresas beneficiarias:

a) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014.

d) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

e) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.

f) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

g) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

5. As empresas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser persoas beneficiarias conforme este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 para considerar unha empresa en crise.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Xerencia - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900 815 151

Email: informa@igape.es

www.igape.gal

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

17/01/2026 09:00 - 17/02/2026 14:00

O prazo de presentación das solicitudes da axuda comezará a computar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo dun mes.

Solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a empresa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da empresa solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es. Deberá cubrir, necesariamente, todos os campos establecidos como obrigatorios.

2. No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á empresa solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como o deber de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

e) No caso da liña 1 do programa relativa a plans de innovación en procesos e organización, que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as que se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

f) Que non iniciou o plan e que non existe acordo irrevogable para realizalo.

g) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á empresa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape lle efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria.

h) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

i) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 3 anos.

j) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.

k) Para as entidades suxeitas á inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obrigación de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obrigación de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (RD 1784/1996 do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido de lei de sociedades de capital.

l) Que non está suxeita a unha orde de recuperación de axudas a consecuencia dunha decisión da Comisión Europea que declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.

m) Que ten implantado un plan de igualdade, identificando o código do localizador no rexistro de convenios e acordos colectivos, de ser o caso.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As solicitudes subscribiranse directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificado dixital, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios de avaliación e selección de plans aplicables (artigo 7). A extensión da memoria non poderá superar as 30 páxinas.

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 6 destas bases reguladoras.

c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

d) Declaración do imposto de sociedades do último exercicio pechado. Achegaranse, igualmente, as contas anuais e imposto de sociedades de todas as entidades vinculadas e/ou asociadas que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración de peme.

No caso de persoas físicas que posúan máis do 50 % na participación da empresa solicitante, deberá achegar unha declaración responsable de non dispor de máis do 50 % en capital ou dereitos de voto noutra sociedade que opere no mesmo mercado ou mercado contiguo. No caso de dispor de máis dese 50 % noutra sociedade deberá achegar o imposto de sociedades (modelo 200) das empresas vinculadas a ter en conta.

e) As contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de deber de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, anexará as contas anuais consolidadas. Anexaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da persoa solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.

f) En relación coa declaración doutras axudas para o mesmo plan, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das resolucións de concesión.

g) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán, tamén, acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.

2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado nesta epígrafe, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación do auditor a que se refire o número anterior, «Informe de procedementos acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, en base á revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido na epígrafe segunda da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se podan obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Consulta da documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 11.1.c) das bases.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

h) Imposto de actividades económicas (IAE).

i) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

j) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

k) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo a través do enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade da innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño e innovación (programa Igape Innova), e se convocan para os anos 2026-2027 en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 10 do 16 de xaneiro de 2026).

    • Extracto da Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade da innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño e innovación (programa Igape Innova), e se convocan para os anos 2026-2027 en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 10 do 16 de xaneiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano