Guía de procedementos e servizos

IG622A

Axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 20/02/2024 08:00 - 19/03/2024 14:00

Consellería de Economía e Industria

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Incentivar a realización de accións de promoción exterior xeradores de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais.

Empresas.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Fax: 981558844

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

04/01/2024 08:00 - 05/02/2024 14:00

20/02/2024 08:00 - 19/03/2024 14:00

1. De conformidade coa Resolución do 13 de febreiro de 2024 pola que se modifica a Resolución do 19 de decembro de 2023 (DOG nº 35 do 19 de febreiro de 2024), procédese á apertura dun novo prazo de presentación das solicitudes que será dun mes desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. As empresas que teñan presentada unha solicitude e desexen incluír nos seus proxectos gastos de reserva previos ao 1 de xaneiro de 2024, deberán presentar unha nova solicitude. De acordo ao disposto no artigo 6.4 das bases reguladoras da axuda, no caso de presentar máis dunha solicitude, entenderase implícita a desistencia ou renuncia da anterior.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas, incluídos os autónomos, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran coa definición de peme segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que conten no devandito centro con polo menos un traballador por conta allea, na data de publicación no DOG destas bases de axudas. Este último requisito non é aplicable ás empresas constituídas con menos de 42 meses de antigüidade na data de publicación das bases de axudas.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do final do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

e) Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

c) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos), que carezan de personalidade xurídica propia, aínda que realicen actividade empresarial.

d) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Esta circunstancia acreditarana as sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración responsable.

Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e das accións para as cales solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No formulario electrónico o solicitante deberá cubrir unha memoria xustificativa das accións para as cales solicita subvención, que incluirá: os mercados obxecto das accións e, para cada acción, detalle de: tipo, título, descrición, datas estimadas de inicio e fin, orzamento e lugar de celebración (se procede).

No devandito formulario a entidade solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como o deber de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

c) Que cumpre os criterios da definición de peme establecidos pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a esta declaración de peme, ou na documentación que fose requirida para acreditala, dará lugar á perda do dereito á cobranza e, de ser o caso, ao reintegro da subvención percibida, e constituirá unha infracción moi grave, tal e como establece o artigo 56.a) da Lei 9/2007, podéndose impoñer as seguintes sancións:

1º. Multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

2º. Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción exceda os 30.000 euros, concorrendo algunha das circunstancias previstas nas letras b) e c) do número 1 do artigo 58 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os infractores poderán ser sancionados, ademais:

i) Á perda, durante un prazo de ata cinco anos, da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da Administración ou outros entes públicos.

ii) Á prohibición, durante un prazo de ata cinco anos, de celebrar contratos coa Administración ou outros entes públicos.

iii) Á perda, durante un prazo de ata cinco anos, da posibilidade de actuar como entidade colaboradora.

O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as que se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

d) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria.

f) Se é o caso, declaración responsable da persoa representante legal de que a empresa ten implantado un plan de igualdade, identificando o código do localizador no Rexistro de convenios e acordos colectivos.

g) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil (persoas xurídicas): que cumpriu coa obrigación de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obrigación de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (RD 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido da Lei de sociedades de capital.

h) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.

i) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

j) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

k) Que o proxecto financiado non inclúe actividades que ocasionen un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables mediante a implantación dun sistema de clasificación (ou taxonomía) das actividades económicas ambientais sustentables.

l) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non o xerou a aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda; transcorrido este, considerarase que desistiron da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.

3. Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa sinatura sexa suficiente para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) Memoria descritiva do proxecto, que se deberá cubrir no propio formulario electrónico de solicitude, co formato e contido mínimo proposto pola aplicación.

c) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 6.8 destas bases reguladoras.

d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, segundo o establecido no artigo 5.2.d) das bases reguladoras, a persoa beneficiaria debe cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará do seguinte xeito, de acordo co anexo V das bases reguladoras:

i. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración responsable.

ii. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

e) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio do no significant harm-DNSH), segundo o anexo VI das bases reguladoras.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, excepto que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición da documentación ou da información orixinal.

Comprobación dos datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, excepto que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Imposto de actividades económicas (IAE).

f) Consulta de información do imposto de actividades económicas ampliado.

g) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

h) Certificado de estar ao día nos pagamentos coa Seguridade Social.

i) Certificado de estar ao día nos pagamentos coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

k) Informe de Galicia Calidade, S.A.U., en relación coa letra f) do artigo 7.2 destas bases.

l) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 9.1 destas bases.

m) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

n) Consulta de concesións pola regra de minimis.

ñ) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

o) Certificado da renda (IRPF).

p) Contas anuais depositadas no Rexistro Mercantil do último exercicio económico pechado para o que se cumpriu o prazo de depósito legalmente establecido, incluíndo informe de auditoría, de ser o caso.

q) Informes de vida laboral da empresa.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trasa presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo a través do enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 2 do 3 de xaneiro de 2024).

    • Extracto da Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 2 do 3 de xaneiro de 2024).

    • Resolución do 13 de febreiro de 2024 pola que se modifica a Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 35 do 19 de febreiro de 2024).

    • Resolución do 7 de novembro de 2024 pola que se dá publicidade á resolución de concesión das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2024), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (DOG nº 219 do 13 de novembro de 2024).

    • Resolución do 4 de xuño de 2025 pola que se dá publicidade das persoas beneficiarias das axudas concedidas durante o terceiro e cuarto trimestre de 2024 (DOG nº 113 do 16 de xuño de 2025).

    • Resolución do 12 de xuño de 2025 pola que se dá publicidade das persoas beneficiarias das axudas concedidas durante o primeiro trimestre de 2025 (DOG nº 117 do 20 de xuño de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano