Guía de procedementos e servizos

MR440D

Axuda para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 28/12/2022 00:00 - 13/01/2023 23:59

Consellería do Medio Rural

Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de actividades de promoción e comunicación levadas a cabo en terceiros países e realizar a convocatoria para o ano 2023. 

 Tipos de accións

A intervención mencionada no artigo 58.1, parágrafo primeiro, letra k) do Regulamento (UE) 2021/2115, do Parlamento Europeo e do Consello, levarase a cabo a través de programas.

Para estes efectos terá a consideración de programa o conxunto de accións de promoción coherentes que se desenvolvan nun ou varios terceiros países, cuxo alcance sexa suficiente para contribuír a aumentar a información sobre os produtos en cuestión, así como a súa comercialización.

Os programas poderán consistir nunha ou varias das accións e sub-accións relacionadas no anexo III desta orde, encamiñadas á mellora da competitividade do sector vitivinícola e á apertura, diversificación e consolidación dos mercados.

Duración dos programas

1. Os programas levaranse a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de cada ano. Non obstante, para os programas de promoción levados a cabo en terceiros países correspondentes ao ano 2023, o período de execución levarase a cabo entre o 1 de maio de 2023 ata o 31 de decembro de 2023.

2. A duración máxima da axuda por mercado dun terceiro país será de un ano, a excepción do indicado no apartado 3 para os viños amparados por unha figura de calidade diferenciada (DOP ou IXP).

3. De acordo co previsto no artigo 58.1, parágrafo segundo do Regulamento (UE) 2021/2115, do Parlamento Europeo e do Consello, as accións de promoción e comunicación levadas a cabo en terceiros países destinadas a consolidar as saídas comerciais dos viños con DOP ou IXP poderán ter unha duración máxima non prorrogable de tres anos. Esta limitación aplicarase para un determinado beneficiario nun mercado dun terceiro país, tendo en conta para isto a combinación país, rexión, acción, sub-acción e público obxectivo.

4. Para estes efectos, entenderase como mercado dun terceiro país a combinación do ámbito xeográfico e público obxectivo ao que se dirixen as accións e sub-accións dun programa. O ámbito xeográfico dun programa poderá incluir un ou máis dos terceiros países, así como das rexións recollidas no anexo XXII (rexións dos terceiros países obxecto de destino na intervención de promoción) do Real Decreto 905/2022, do 25 de outubro, polo que se regula a Intervención Sectorial Vitivinícola no marco do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común.

Criterios de admisibilidade dos beneficiarios.

1. Poderán presentar solicitudes para acollerse ao financiamento das medidas de promoción en terceiros países as seguintes figuras xurídicas con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Empresas vinícolas, considerando como tales aquelas empresas privadas nas que, de acordo co seu último exercicio fiscal pechado, máis do 50 % da súa facturación proveña de produtos do anexo IV ou cuxa produción supere os 500 hl deses produtos. As empresas deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.

b) Organizacións de produtores vitivinícolas e asociacións de organizacións de produtores vitivinícolas, definidas de acordo cos artigos 152 e 156 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello de 17 de decembro.

c) Organizacións interprofesionais

d) Organizacións profesionais que exerzan a súa actividade maioritariamente no sector do viño e que teñan entre os seus fins estatuarios a realización de actividades de promoción.

e) Órganos de xestión e de representación das DOP e IXP vitivinícolas, así como as súas asociacións.

f) As asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño.

g) Cooperativas que comercialicen viños elaborados por elas ou polos seus asociados.

h) As entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños.

i) Os organismos públicos con competencia legalmente establecida para desenvolver actuacións de promoción e comunicación de produtos e mercados en terceiros países, a condición de que dito organismo non sexa o único beneficiario da axuda.

No caso das asociacións temporais ou permanentes de produtores designarase un representante da agrupación, que deberá ter poderes suficientes para poder cumprir as obrigas que corresponden á citada agrupación como beneficiaria das axudas, tal e como establece o artigo 11.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Todos os membros da agrupación obterán a condición de beneficiarios, e manteranse na agrupación desde o momento de presentación da solicitude ata o cese das obrigas de control financeiro establecidas pola Lei 38/2003, do 17 de novembro.

2. Non poderán ser beneficiarios da axuda os que se atopen en calquera das seguintes situacións:

a) Situación de crise, segundo se define nas Directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01, da Comisión, do 31 de xullo de 2014).

b) En proceso de solicitar a declaración de concurso voluntario.

c) Ser declarada insolvente en calquera procedemento.

d) Acharse declarada en concurso, agás que neste adquirira a eficacia un convenio.

e) Estar suxeitos a intervención xudicial ou ter sido inhabilitada conforme á Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíra o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

f) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, non poderán obter a condición de beneficiario as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na citada lei.

Esta circunstancia acreditarase por parte das sociedades que, de acordo con a normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante unha declaración responsable. Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pago mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

3. Así mesmo, non poderán percibir estas axudas quen:

a) Incumpran calquera dos requisitos previstos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Non se atopen ao corrente respecto das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridad Social.

c) Se demostre que crearon artificialmente as condicións esixidas para cumprir os criterios de admisibilidade ou de prioridade establecidos, tal e como se establece no artigo 62 do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias

Avenida do Camiño Francés, 10

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981540168/ 981540027

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

28/12/2022 00:00 - 13/01/2023 23:59

O prazo de presentación de solicitudes de axuda para esta convocatoria comeza o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o día 13 de xaneiro de 2023.

Os beneficiarios deberán demostrar, en función do persoal de que dispoñen, e, no seu caso, do tamaño da empresa e a súa experiencia profesional nos últimos anos, que teñen acceso á suficiente capacidade técnica para afrontar as exixencias de comercio cos terceiros países e que contan cos recursos financeiros e de persoal suficientes para asegurar que a intervención de promoción se aplica o mais eficazmente posible.

Deberán, así mesmo, garantir a dispoñibilidade, en cantidade e calidade, de produtos para asegurar a resposta a longo prazo fronte ás demandas que se poidan xerar como efecto da promoción realizada unha vez concluída.

Deberán presentar, coa solicitude de axuda, unha declaración responsable de non ter recibido dobre financiamento ou axudas incompatibles.

No caso de volver a solicitar outro programa en sucesivos anos deberán presentar, xunto á solicitude de axuda, unha declaración responsable, aos efectos de dar cumprimento ao prazo establecido no artigo 5 relativo á duración máxima dos programas.

Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axuda presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administraciones públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fora realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. As solicitudes deberán presentarse antes do 15 de setembro do ano previo ao comezo do programa. Non obstante, para os programas de promoción levados a cabo en terceiros países correspondentes ao ano 2023, as solicitudes deberán presentarse no prazo establecido no artigo 29 desta orde.

Documentación complementaria

1. As solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como Anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación complementaria:

– Memoria, que deberá conter polo menos a información prevista no Anexo II desta orde.

– Copia do poder ou acordo do órgano competente, si é o caso, que xustifique que quen asina como solicitante ten plena capacidade legal para facelo e para aceptar os compromisos correspondentes, na data da solicitude.

– Catálogo ou relación descritiva da carteira de produtos que se van comercializar co programa de promoción presentado. No caso de viños amparados por unha denominación de orixe, IXP ou ecolóxicos, debe acompañarse ademais un certificado do Consello Regulador que indique o viño dispoñible.

– Relación de ofertas solicitadas e elixidas: Anexo IX debidamente cuberto, acompañado de todas as ofertas solicitadas.

– Copia das escrituras e dos estatutos ou do Regulamento da entidade, organismo, organización ou empresa solicitante.

– Copia do imposto de sociedades ou documentación equivalente (no caso de persoas xurídicas) dos 3 últimos anos.

– Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, de cumprimento dos prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común, non será necesario acompañar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidese obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa presentación.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias aportadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que no estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Facenda e Función Pública) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública) de acordo co establecido nos artigos 11 e 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Os beneficiarios que teñan a intención de acompañar certificados dos estados financeiros coas súas solicitudes de pagamento deberán notificalo á autoridade competente no momento da presentación da súa solicitude de axuda.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento acreditativo da personalidade da entidade ou da persoa solicitante, consistente no NIF cando o solicitante sexa unha persoa xurídica e no DNI/NIE no caso de persoa física.

b) Declaración do IRPF dos últimos tres anos.

c) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Seguridad Social.

e) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública ).

f) Comprobación de que o solicitante ten o domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Comprobación de que o solicitante non ten concedidas outras axudas incompatibles.

h) Comprobación de que o solicitante non está inhabilitado para obter axudas públicas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e acompañar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Seis meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 245 do 21 de decembro de 2022).

    • Extracto da Orde do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 245 do 21 de decembro de 2022).

    • Resolución do 7 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se lle dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 49 do 8 de marzo de 2024).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA901A

Alegacións no Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGAL).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG302A

Avais do Igape.

Aberto todo o ano

IN201B

Obtención/renovación do obradoiro artesán

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN201D

Revisión actividades artesás do Rexistro xeral de artesanía de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano