Guía de procedementos e servizos

MR340A

Axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 21/04/2023 00:00 - 28/04/2023 23:59

Consellería do Medio Rural

Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas da Consellería do Medio Rural para os investimentos en transformación, comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario de 2023. O código do procedemento é o MR340A.

As axudas consistirán en subvencións cuxa concesión se efectuará mediante concorrencia competitiva, así como en garantías para préstamos destinados a financiar os investimentos, cuxa concesión se efectuará mediante concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda poderán incluír soamente unha destas dúas modalidades de axuda, ou ben conxuntamente as dúas, xa que son combinables entre si nas condicións indicadas nesta orde.

Investimentos incentivables

1. Considéranse incentivables, con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, excepto os produtos da pesca. Así mesmo, poderán subvencionarse investimentos relativos a procesos de transformación nos cales interveñan produtos non incluídos no anexo I do tratado, se estes son un compoñente menor do produto final. Considerarase que son un compoñente menor cando a súa cantidade ou o seu valor económico total non supere o 25 % do peso ou valor económico total do produto final.

2. Os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización poderán ser produtos agrarios (incluídos no anexo I do tratado) ou non agrarios (non incluídos no anexo I do tratado).

3. Non obstante, non serán apoiables:

a) Os proxectos en que o importe total dos investimentos subvencionables sexa inferior a 60.000 €.

b) No sector vitivinícola, os proxectos con investimentos solicitados por un importe total igual ou superior a 100.000 € relativos aos produtos descritos no anexo VII, parte II do Regulamento (UE) nº 1308/2013, do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derogan os regulamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007, referente aos produtos amparados polos programas de apoio no sector vitivinícola, xa que poden ser subvencionados a través deses programas específicos.

4. Os tipos de gasto incentivables son os seguintes:

a) A construción, adquisición e mellora de bens inmobles. A compra de terreos ata un valor do 10 % do total dos gastos subvencionables.

b) A compra de maquinaria e equipamentos novos, ata o seu valor de mercado.

c) Os seguintes investimentos intanxibles: adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, así como adquisicións de patentes, licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas relacionadas cos procesos produtivos.

d) Os custos xerais vinculados ás alíneas a) e b) anteriores consistentes en honorarios de proxecto e dirección de obra, así como en estudos de viabilidade. En todo caso, o importe admisible nestes custos non poderá superar o 12 % do importe total dos investimentos subvencionables das alíneas a), b) e c) anteriores.

5. Porén non serán obxecto de axuda os investimentos relativos aos conceptos e ás actividades sinalados no anexo I desta orde.

Poderán acollerse a estas axudas os empresarios individuais ou as sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren incentivables.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias

Avenida do Camiño Francés, 10

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981540025

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña

Servizo de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria da Coruña

Vicente Ferrer, nº 2

15008  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981184530

Fax: 981184651

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo

Servizo de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria de Lugo

Ronda da Muralla, 70

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294517

Fax: 982294452

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Ourense

Servizo de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria de Ourense

R/ Florentino López Cuevillas, 4 - 6

32003  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386547

Fax: 988386566

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra

Servizo de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria de Pontevedra

Avenida Fernández Ladreda, nº 43 - 2º

36003  Pontevedra  (Pontevedra)

Teléfono: 986805460

Fax: 986805485

Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

21/04/2023 00:00 - 28/04/2023 23:59

O prazo de presentación de solicitudes para subvencións e garantías para préstamos desta convocatoria contarase desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia ata o 28 de abril de 2023.

Non obstante, no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional, que remata o día 27 de maio de 2023, para presentar a preceptiva licenza de obras. Así mesmo, no caso de proxectos de investimento incluídos nos supostos do punto 1.b) do artigo 7 desta orde, relativos á declaración de impacto ambiental, o solicitante terá un prazo adicional, que remata o día 27 de maio de 2023, para presentar o informe favorable de avaliación ambiental ou ben o informe da autoridade competente que o exima da súa obtención.

Requisitos adicionais do solicitante

Para a concesión e/ou pagamento das axudas, o solicitante deberá cumprir os seguintes requisitos adicionais:

1. Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Conforme estas, considerarase que unha empresa está en crise se concorre, polo menos, unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa se atope inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores.

d) Tratándose dunha empresa que non sexa unha peme, cando durante os dous anos anteriores:

1º. A ratio: débeda/capital da empresa fose superior a 7,5, e

2º. A ratio de cobertura de xuros da empresa, calculada sobre a base do EBITDA, fose inferior a 1,0.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c) do parágrafo anterior.

En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos dous últimos anos.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declarase ilegais e incompatibles co mercado común.

2. Non se concederán axudas a solicitantes en que concorra algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición de obter a condición de beneficiario sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e, en particular, aos solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

3. No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, deberán acreditar que dispoñen dos contratos escritos establecidos no capitulo II do Real decreto 95/2019, do 1 de marzo, polo que se establecen as condicións de contratación no sector lácteo e se regula o recoñecemento das organizacións de produtores e das organizacións interprofesionais no sector, e polo que se modifican varios reais decretos de aplicación ao sector lácteo. Esta acreditación deberá facerse cando se solicite a axuda.

Así mesmo, as empresas lácteas que adquiran leite a terceiros deberán cumprir o prazo de pagamento establecido na disposición adicional primeira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais. Conforme iso, non se concederán nin pagarán axudas a empresas lácteas que teñan pendentes de pagamento compras de leite en que xa se superase o prazo máximo establecido indicado.

4. Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na citada lei.

Esta circunstancia acreditarana as sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante unha declaración responsable. Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora

Requisitos adicionais dos investimentos

Para a concesión e/ou pagamento das axudas, os investimentos e instalacións deberán cumprir os seguintes requisitos adicionais:

1. Os investimentos e instalacións deben cumprir os seguintes requisitos en materia de medio ambiente:

a) No caso de proxectos de investimento relativos a instalacións xa existentes, o solicitante deberá acreditar que realizou a comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013 do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, presentando toda a documentación requirida, ou ben, no caso de instalacións anteriores á entrada en vigor da devandita lei, que dispón de licenza de actividade.

b) No caso de proxectos de investimento que requiran unha avaliación do impacto ambiental conforme o establecido na Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental, o solicitante deberá acreditar a súa dispoñibilidade e sentido favorable cando solicite a axuda.

Para eses efectos, todas as solicitudes referentes a proxectos incluídos nalgún dos seguintes casos citados a continuación, deberán incluír coa documentación da solicitude o informe favorable de avaliación ambiental ou ben un informe da autoridade competente que indique que non é necesario:

1º. Proxectos incluídos no anexo I ou anexo II da Lei 21/2013, ou que supoñan a modificación das características dun proxecto incluído nos referidos anexos.

2º. Proxectos que poidan afectar, directa ou indirectamente a espazos protexidos da Rede Natura 2000.

c) No caso de novas industrias así como en investimentos que precisen polas súas características dispoñer ou actualizar a autorización ambiental integrada regulada polo Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, ou a declaración de incidencia ambiental regulada pola Lei 9/2013, deberán acreditar a súa dispoñibilidade e, de ser o caso, o cumprimento das condicións que esta estableza relativas aos investimentos afectados. O prazo máximo para a presentación desta acreditación será o establecido nesta orde para tramitación do pagamento.

2. Os investimentos e instalacións deben cumprir os seguintes requisitos, de ser o caso, en materia de sanidade e benestar animal:

a) No caso de investimentos relativos a instalacións xa existentes, deberá acreditarse coa solicitude de axuda que as referidas instalacións dispoñen de rexistro sanitario, e que cumpren, de ser de aplicación, a normativa de benestar animal, e a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.

b) Para o pagamento das axudas o beneficiario deberá acreditar tras a execución dos investimentos que dispón de rexistro sanitario actualizado ou vixente, así como, de ser de aplicación, que cumpre a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal. Esta acreditación non será exixida no caso de que os investimentos previstos, dadas as súas características, non supoñan unha alteración das actividades da empresa que afecten ao rexistro sanitario vixente, ou alteren as condicións relativas ao benestar animal ou á elaboración de produtos para alimentación animal.

A resolución de concesión indicará no seu caso e expresamente as acreditacións referidas que será necesario presentar para o pagamento da axuda.

3. Non se concederán axudas a investimentos iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axuda. A estes efectos, considerarase como inicio do investimento a data na que se produza, en primeiro lugar, ben o inicio das obras de construción relativas aos investimentos, ou ben o primeiro compromiso xuridicamente vinculante para realizar un pedido de equipamentos ou servizos ou calquera outro compromiso que faga irreversible o proxecto.

4. Para as axudas en forma de subvencións, os investimentos subvencionables deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade correspondente á convocatoria á que concorre a solicitude, e será establecida en cada convocatoria anual.

No caso de proxectos que reciban apoio conxuntamente a través de garantías para préstamos e de subvención, os investimentos financiados co préstamo garantido deben finalizar no prazo establecido para a execución dos investimentos obxecto da subvención.

No caso de proxectos que reciban apoio exclusivamente a través de garantías para préstamos, os investimentos financiados co préstamo garantido poderán finalizar no prazo máximo de tres anos desde a data da resolución de recoñecemento de dereito ao préstamo.

5. Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentalas coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social ou epígrafe do imposto de actividades económicas no momento de emisión da oferta, a fabricación ou subministro dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións. Tamén serán admisibles as ofertas de empresas con páxinas web nas que figuren referencias ao material ou servizo ofertado.

b) Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

c) Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministro de maquinaria e equipamentos a súa marca, modelo así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos a descrición detallada destes.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar a exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos nos que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados nesta epígrafe.

Outro requisitos e condicións

1. Para as axudas en forma de subvencións, se o solicitante esta sometido á normativa de contratación pública conforme o disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, deberá acreditar o seu cumprimento na execución dos investimentos subvencionados con anterioridade ao pagamento da axuda.

2. Para a concesión das axudas teranse en conta as restricións de produción e as limitacións de apoio comunitario que existan de acordo coas organizacións comúns de mercado da Unión Europea. Non se concederán axudas que contraveñan prohibicións ou restricións establecidas nestas.

3. Conforme o establecido no artigo 65 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados, o beneficiario de subvencións deberá devolver a axuda recibida se, nos cinco anos seguintes ao pagamento final da axuda ao beneficiario, se dese algunha das seguintes circunstancias:

a) O cesamento ou a transferencia dunha actividade produtiva fóra da rexión de nivel NUTS 2 en que recibiu axuda.

b) Un cambio na propiedade dun elemento de infraestrutura que proporcione a unha empresa ou a un organismo público unha vantaxe indebida.

c) Un cambio substancial que afecte a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

4. Non se concederán axudas a investimentos en construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, nin a os seus investimentos relacionados, se non se acredita coa solicitude e nos prazos establecidos a dispoñibilidade da licenza de obras correspondente que lle permita iniciar as obras. Así mesmo, no caso de novas instalacións, deberase acreditar coa solicitude a dispoñibilidade do terreo ou recinto no que se van a realizar os investimentos.

5. Non se concederá axuda a investimentos relativos a instalacións xa existentes que non estean inscritas no Rexistro de Industrias Agrarias.

6. Non se concederán nin pagarán axudas a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao corrente nas obrigas tributarias (Ministerio de Facenda e Función Pública) e fronte á Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Facenda e Administración Pública).

7. No caso de solicitudes de subvención nos que os produtos finais do proxecto presentado non estean incluídos na súa totalidade no anexo I do tratado, deberán cumprir ademais os seguintes requisitos adicionais:

a) Se o solicitante non é Peme, a axuda so concederase para un investimento inicial en favor dunha nova actividade económica na zona da que se trate. Para estes efectos considerarase como investimento inicial dunha nova actividade económica ao investimento en activos relacionado coa creación dun novo establecemento, ou a diversificación da actividade dun establecemento, sempre que a nova actividade non sexa unha actividade idéntica ou similar á realizada anteriormente no establecemento. Tamén terá esa consideración a adquisición de activos (terreo e/ou edificacións) pertencentes a un establecemento que pechou ou que tería pechado se non tivera sido adquirido e que é comprado por un inversor non vinculado ao vendedor, sempre que a nova actividade que vaia a realizarse utilizando os activos adquiridos non sexa a mesma actividade ou unha actividade similar á realizada no establecemento con anterioridade á adquisición.

Considerase a mesma actividade ou unha actividade similar, a unha actividade que entra na mesma categoría (código numérico de catro díxitos) da nomenclatura estadística de actividades económicas NACE Rev. 2, establecida no Regulamento (CE) nº 1893/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de decembro, polo que se establece a nomenclatura estatística de actividades económicas NACE Revisión 2 e polo que se modifica o Regulamento (CEE) nº 3037/90, do Consello, e determinados regulamentos da CE sobre aspectos estatísticos específicos.

b) O beneficiario das axudas deberá aportar unha contribución financeira mínima do 25 % dos custes subvencionables, ben a través dos seus propios recursos, ben mediante financiamento externo exento de calquera tipo de axuda pública.

Presentación de solicitudes e documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De acordo co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data da presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo A1) a seguinte documentación:

a) Anexo A2: memoria, debidamente cuberto.

b) Estudio técnico co contido mínimo indicado no anexo A3

c) Estudio económico co contido mínimo indicado no anexo A4.

d) Documentos acreditativos da personalidade do solicitante. Para iso, no caso de persoas xurídicas deberase presentar as escrituras ou documento de constitución onde se recollan os estatutos ou regras fundacionais e debidamente inscritos no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados.

e) No caso de empresas xa existentes, balance e contas de resultados dos dous últimos anos si son sociedades. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.

f) No caso de investimentos que inclúan a construción de novas superficies cubertas: xustificación documental da dispoñibilidade da licenza de obras. Así mesmo, no caso de novas instalacións, deberase acreditar a dispoñibilidade do terreo ou recinto no que se van a realizar os investimentos identificable mediante a súa referencia catastral.

g) No caso de industrias xa existentes, rexistro sanitario e licenza de actividade do concello ou acreditación da presentación da comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia con toda a documentación requirida. No caso de matadoiros, mercados, e outras actividades relacionadas co manexo de gando vivo, deberase acreditar que se cumpren as normas mínimas relativas ao benestar animal, mediante informe ou certificado actualizado expedido por autoridade competente. No caso de industrias de alimentación animal deberase acreditar que se cumpre a normativa específica sobre elaboración dese tipo de produtos, mediante informe ou certificado actualizado expedido por autoridade competente.

h) No caso de proxectos incluídos no anexo I ou anexo II da Lei 21/2013, de avaliación ambiental, ou que supoñan a modificación das características dun proxecto incluído nos referidos anexos, así como cando se trate de proxectos que poidan afectar, directa ou indirectamente a espazos protexidos da Rede Natura 2000, o solicitante deberá presentar o informe favorable de avaliación do impacto ambiental, ou un informe da autoridade competente no que se indique que o referido proxecto non a precisa.

i) No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, acreditación de que dispoñen dos contratos escritos establecidos no capitulo II do Real decreto 95/2019, do 1 de marzo, polo que se establecen as condicións de contratación no sector lácteo e se regula o recoñecemento das organizacións de produtores e das organizacións interprofesionais no sector, e polo que se modifican varios reais decretos de aplicación ao sector lácteo.

j) Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, de cumprimento dos prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

k) Documentación adicional específica para solicitudes de subvención:

1ª. Anexo A5: relación de ofertas solicitadas e elixidas.

2ª. Todas as ofertas solicitadas relativas aos investimentos a realizar e incluídas no anexo A5 desta orde.

3ª. No caso de facturar produtos amparados pola Marca de Garantía de leite «Galega 100 %» debe presentarse o contrato de licenza de uso así como acreditación do importe facturado no último ano en produtos amparados nesa marca.

4ª. No caso de producir produtos amparados por unha denominación de calidade recoñecida debe aportarse certificado do Consello Regulador correspondente sobre a produción amparada no último ano.

5ª. No caso de solicitantes que sexan sociedades participadas maioritariamente (máis do 50 %) por produtores agrarios galegos, certificación do representante da empresa relativa ás materias primas que esta utiliza, que sexan producidos polas explotacións dos seus socios. Así mesmo, os socios deben acreditar a condición de produtor agrario galego mediante a declaración do IRPF do último ano, para o que o se deberá dar o consentimento expreso para a súa consulta presentando o anexo A7 cuberto. No caso de non dar autorización, deberá achegarse o documento correspondente.

6ª. No caso de que os investimentos estean localizados en aldeas modelo, polígonos agroforestais ou agrupacións de xestión conxunta derivadas da aplicación da Lei 11/2021, de recuperación da terra agraria de Galicia, documentación acreditativa.

7ª. No caso de proxectos de reacondicionamento e modernización de instalacións deterioradas por desastres naturais, incendios e outras causas de forza maior, documentación acreditativa.

8ª. No caso de proxectos con investimentos destinado ás seguintes finalidades:

– Mellora da eficiencia enerxética con fines principalmente ambientais.

– Valorización de residuos e materiais de orixe agrícola.

– Adopción de fontes renovables de enerxía.

– Redución das emisións de gases de efecto invernadoiro .

– Mellora da xestión dos recursos hídricos.

Memoria técnica xustificativa da finalidade indicada.

l) Documentación adicional específica para solicitudes de garantías para préstamos:

1ª. Ofertas ou facturas pro forma para cada un dos gastos incluídos nos investimentos.

2ª. Informe dunha entidade financeira adherida ao instrumento financeiro de xestión centralizada sobre a viabilidade de tramitación bancaria da solicitude do préstamo previsto.

3ª. Autorización á SAECA para obter directamente por medios telemáticos a información que estime precisa para elaborar o informe de viabilidade crediticia, seguindo o modelo que figura como anexo A6 nesta orde.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. O prazo de presentación de solicitudes será o indicado en cada convocatoria.

8. As solicitudes de axuda presentadas deberán indicar a modalidade de axuda solicitada, que poderá ser unha subvención e/ou unha garantía para préstamo.

A solicitude dunha garantía para préstamos é compatible coa solicitude dunha subvención, nas condicións indicadas no artigo 24 e demais normativa de aplicación.

9. Os solicitantes de axuda soamente poderán presentar en cada convocatoria unha solicitude de axuda para todos os investimentos que vaian desenvolver nun mesmo centro de produción, considerando como tal o conxunto de instalacións localizadas nun mesmo recinto físico. Porén, no caso de investimentos nun mesmo centro de produción que afecten a procesos produtivos nos que existan liñas de produción diferenciadas para produtos finais do anexo I do tratado e para fora do anexo I, poderanse presentar dúas solicitudes diferenciadas polo tipo de produto final obtido, sempre que se cumpran todos os requisitos establecidos.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documentos acreditativos da personalidade da entidade ou da persoa solicitante, consistentes no NIF cando a solicitante sexa unha persoa xurídica e no DNI ou NIE no caso de persoa física.

b) Declaracións do IRPF (no caso de persoas físicas) dos 2 últimos anos.

c) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública).

f) Comprobación de que o solicitante non ten concedidas outras axudas incompatibles.

g) Comprobación de que o solicitante non está inhabilitado para obter axudas públicas.

h) Declaracións do IRPF do último ano dos socios de sociedades solicitantes de axuda que declaren estar participadas maioritariamente (máis do 50 %) por produtores agrarios galegos.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (DOG nº 19 do 27 de xaneiro de 2023).

    • Extracto da Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (DOG nº 19 do 27 de xaneiro de 2023).

    • Corrección de erros. Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (DOG nº 34 do 17 de febreiro de 2023).

    • Orde do 17 de abril de 2023 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (DOG nº 77 do 21 de abril de 2023).

    • Extracto da Orde do 17 de abril de 2023 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (DOG nº 77 do 21 de abril de 2023).

    • Resolución do 2 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se resolven as solicitudes de subvención convocadas pola Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (procedemento MR340A), modificada pola Orde do 17 de abril de 2023. (DOG nº 154 do 14 de agosto de 2023).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano