Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
SI452A - Programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de axudas, para o ano 2022, destinadas á realización de programas de interese xeral que atenden a fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto sobre sociedades, xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade, cuxo obxecto sexa o sinalado no artigo 5 desta Resolución.
2. O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
3. Terá o código de procedemento SI452A para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.
Requisitos dos programas e actuacións subvencionables .
1. As subvencións destinaranse a programas de interese xeral que teñan fins de carácter social, dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero.
Os programas desenvolveranse no ano 2023. Subvencionaranse programas que fomenten a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, para lograr a eliminación de estereotipos de xénero que conducen a que as mulleres padezan unha situación de desvantaxe no eido laboral, social, persoal, económico, político e cultural. Así mesmo, subvencionaranse determinados programas que teñan por obxecto a prevención de todas as formas de violencia contra as mulleres, segundo o recollido na Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Serán obxecto de subvención os seguintes tipos de programas:
a) Acollemento, atención e asesoramento para mulleres en situación de vulnerabilidade.
b) Acollida e aloxamento que coadxuven na protección e seguridade das vítimas da violencia de xénero e das súas fillas e fillos.
c) Programas de información e formación para o empoderamento e participación activa dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade e a mulleres do medio rural, que impulsen o emprendemento, o autoemprego, a formación e a mellora da súa capacitación de cara a mellorar a súa empregabilidade.
d) Programas de conciliación dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade que consistan en actividades de coidado e atención a menores de doce anos, persoas con discapacidade e/ou dependentes e persoas maiores.
e) Actuacións de información e de formación para o empoderamento e participación activa das mulleres, en especial as que sofren situacións de vulnerabilidade e/ou as que residen no medio rural.
f) Programas para o tratamento da saúde integral das mulleres e/ou sobre a sexualidade das mulleres.
g) Programas de apoio e tratamento integral dirixidos a grupos de mulleres vítimas da violencia de xénero especialmente vulnerables: mozas e adolescentes, mulleres con discapacidade, mulleres maiores, mulleres que residen no medio rural, mulleres inmigrantes, mulleres pertencentes a minorías étnicas, etc.
h) Programas de que coadxuven na protección e seguridade das vítimas da violencia de xénero e das súas fillas e fillos.
2. Será requisito necesario que as persoas beneficiarias dos programas desenvolvidos ao abeiro desta resolución sexan mulleres en situación de especial vulnerabilidade, tanto mulleres vítimas de violencia de xénero ou de calquera violencia contra as mulleres ou mulleres en situación de vulnerabilidade, segundo o establecido na disposición adicional única desta resolución, e as súas familias. As entidades beneficiarias acreditarán o cumprimento deste requisito mediante declaración responsable.
3. As persoas profesionais que leven a cabo estes programas deberán contar con experiencia e formación adecuada ao tipo de intervención que vaian realizar.
4. Así mesmo, será requisito para os programas en que participe persoal voluntario, ter subscrita e en vigor unha póliza de seguro de accidentes e de enfermidade e de responsabilidade civil por parte da entidade a favor do persoal voluntario que participe nos programas subvencionados, de conformidade co previsto nos artigos 7.g) e 11.i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, durante toda a súa duración e que respondan dos prexuízos que se poidan causar durante o desenvolvemento da actuación subvencionable.
5. Poderase solicitar subvención para un único programa que responda a unha das tipoloxías de programas sinalados no punto 1.
6. A contía mínima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 5.000 euros. A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 75.000 euros.
Gastos subvencionables .
1. Para os efectos desta resolución, consideraranse como gastos subvencionables os que conten coas seguintes características:
a) Que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resultaren estritamente necesarios.
b) Que se efectúen durante o ano 2023 e sexan efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 23, agás os impostos imputables a esta devindicados con posterioridade á finalización da actividade e os gastos relacionados cos honorarios derivados da xustificación baixo a modalidade de conta xustificativa con achega de informe de auditoría recollida no artigo 23.
c) Que teñan a seguinte natureza:
1º. Gastos do persoal laboral da entidade:
Polo que respecta ao persoal laboral da entidade, será subvencionable o custo total, que abranguerá as retribucións, indemnizacións e os custos de Seguridade Social correspondentes á entidade.
O importe das subvencións destinadas a financiar as retribucións do persoal laboral imputables á execución dos programas estarán limitadas polas contías determinadas para os diferentes grupos profesionais que se detallan en cada caso, incrementado nun máximo dun 10 %, se é o caso.
Para xornadas inferiores á completa realizarase o cálculo proporcional.
2º. Gastos do persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos: no relativo aos gastos do persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos, serán subvencionables as retribucións, que quedan afectadas, con carácter xeral, polas limitacións sinaladas para o persoal laboral.
Esta modalidade admitirase nos casos en que, polas especiais características do programa, non resulte axeitado o desenvolvemento das actividades concretas de que se trate polo persoal suxeito á normativa laboral.
Estas retribucións quedarán tamén afectadas, con carácter xeral, polas limitacións sinaladas no punto anterior.
3º. Axudas de custo e gastos de viaxe: serán subvencionables dentro desta partida as axudas de custo e gastos de viaxe do persoal adscrito ao programa.
A contía das axudas de custo será a equivalente á establecida para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.
Polo que se refire ás axudas de custo no estranxeiro, observarase o disposto no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, para axudas de custo referidas igualmente ao grupo 2.
As axudas de custo serán subvencionable sempre que non superen o 10 por 100 (10 %) do importe da subvención concedida para o desenvolvemento do programa, logo da súa reformulación ou modificación, de ser o caso, de acordo co establecido nos artigos 15.3 e 20.2, respectivamente.
4º. Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, incluíndo os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, sempre que non superen o 20 por 100 do importe da subvención finalmente concedida para o desenvolvemento do programa.
5º. Gastos derivados de auditorías externas sobre a xestión do/s programa/s por parte da entidade, gastos derivados da revisión da conta xustificativa e da emisión do informe de auditoría e/ou gastos derivados da implantación de procedementos de calidade.
6º. Bolsas de asistencia dirixidas a promover a participación dos beneficiarios nos programas de formación. A contía non poderá ser superior a 5 €/día.
7º. Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.
2. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de membros das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.
3. Atendendo á natureza das actividades, as entidades beneficiarias poderán levar a cabo a súa subcontratación, ata o 100 % do orzamento total do programa e axustándose, en todo caso, ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.
As entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. As entidades solicitantes deberán estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración.
No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades que a integran. Naquelas entidades que modifiquen a súa forma xurídica, sucedendo en dereitos e obrigas a outra preexistente, entenderase cumprido este requisito se a entidade orixinaria estaba legalmente constituída con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscrita no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización dos programas e actuacións subvencionables de acordo co establecido no artigo 5.
Os fins e obxectivos das entidades solicitantes deberán contribuír a promover a igualdade entre mulleres e homes, potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social e atender as mulleres en situación de vulnerabilidade. Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos seus estatutos ou desprenderse da súa actuación xeral.
f) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materiais necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades que a integran. Naquelas entidades que modifiquen a súa forma xurídica, sucedendo en dereitos e obrigas a outra preexistente, entenderase cumprido o requisito se o cumpría a entidade orixinaria.
2. Dentro dos límites da lexislación autonómica, tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no punto 1 anterior.
b) As entidades agrupadas deberán de achegar un acordo en que se indiquen os compromisos e o orzamento correspondente a cada un dos membros para a execución conxunta das actuacións, así como a porcentaxe da subvención que corresponderá a cada un dos membros, se é o caso.
c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.
d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza aos citados anteriormente.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Promoción da Igualdade
Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade
Edificios administrativos San Lázaro
15701 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957689
Email: promocion.igualdade@xunta.gal
Teléfono: 012
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Promoción da Igualdade
Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade
Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación
Edificios administrativos San Lázaro
15701 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957783
Email: promocion.igualdade@xunta.gal
Dirección Xeral de Promoción da Igualdade
Resolución do 6 de setembro de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto sobre sociedades, xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade, no ano 2022 (DOG nº 179 do 20 de setembro de 2022).
Extracto da Resolución do 6 de setembro de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto sobre sociedades, xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade, no ano 2022 (DOG nº 179 do 20 de setembro de 2022).
Resolución do 2 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se resolven as axudas con cargo á Resolución do 6 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto sobre sociedades, xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade, no ano 2022 (DOG nº 12 do 18 de xaneiro de 2023).
Prazo de presentación: PECHADO
21/09/2022 00:00 - 20/10/2022 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.
Solicitudes .
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Na solicitude, anexo I, asinada polo/a representante da entidade, deberán figurar os datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nesta resolución e demais normativa aplicable:
a) Identificación da entidade solicitante, da persoa representante, enderezo para notificacións, datos bancarios.
b) Os datos do programa respecto do cal se solicita subvención: denominación, tipo de programa segundo o artigo 5, punto 1, principal colectivo destinatario do programa e importe solicitado.
c) Declaracións sobre:
1º. Outras subvencións solicitadas ou concedidas, veracidade dos datos, inexistencia de causa que implique prohibición para ser beneficiario, cumprimento de requisitos, coñecemento de obrigas e acordo coas actuacións de control.
2º. Condicións do persoal contratado que vai participar no proxecto: inexistencia de sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexual que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos, en aplicación do artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil, así como que as persoas voluntarias que van participar nel e que estean relacionadas con menores de idade non teñen antecedentes penais non cancelados por delitos de violencia doméstica ou de xénero, por atentar contra a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou a liberdade e indemnidade sexual do outro cónxuxe ou dos fillos/as, ou por delitos de tráfico ilegal ou inmigración clandestina de persoas, ou por delitos de terrorismo en programas cuxas persoas destinatarias fosen ou poidan ser vítimas destes delitos, en aplicación do previsto no artigo 8.4 da Lei 45/2015, do 14 de outubro, do voluntariado.
3º. Declaración responsable da persoa representante legal da entidade solicitante pola que se acredite ter experiencia e especialización, durante un prazo mínimo de dous (2) anos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, na xestión e execución de programas dos definidos a que concorre, e que se posúen os medios persoais e materiais necesarios para o seu correcto desenvolvemento.
4º. Declaración responsable do cumprimento dos requisitos especificados nos puntos 2 e 3 do artigo 5 desta resolución. Isto é, que as persoas beneficiarias dos programas desenvolvidos ao abeiro desta resolución sexan mulleres en situación de especial vulnerabilidade, tanto mulleres vítimas de violencia de xénero ou de calquera violencia contra as mulleres ou mulleres en situación de vulnerabilidade, segundo o establecido na disposición adicional única desta resolución, e as súas familias. As entidades beneficiarias acreditarán o cumprimento deste requisito mediante declaración responsable e as persoas profesionais que leven a cabo estes programas deberán contar con experiencia e formación adecuada ao tipo de intervención que vaian realizar.
5º. En caso de que o programa para o que solicita subvención conte coa participación de persoal voluntario, declaración responsable do compromiso da entidade de subscribir os preceptivos seguros de responsabilidade civil e de accidentes e enfermidades que cubran estas persoas durante a actuación subvencionable.
d) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o que se presentou, código de procedemento e data de presentación.
Documentación complementaria .
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representación que exerce a persoa que asina a solicitude para actuar en nome da entidade cando se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).
b) Memoria explicativa do programa (anexo II) respecto do cal se solicita subvención.
c) Información para a valoración da entidade (anexo III).
d) Información para a valoración do programa (anexo IV).
e) Estatutos da entidade debidamente legalizados, co obxecto de verificar que a entidade carece de ánimo de lucro e que os seus fins institucionais corresponden á realización e á execución de programas sociais de similar natureza ao do programa para o cal solicita subvención, entre outros requisitos exixidos no artigo 4 desta resolución.
f) Documento de compromisos de execución asumidos por cada membro, e o importe da subvención aplicable a cada un, no caso das agrupacións sen personalidade xurídica.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes .
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase xustificación
- Certificación do gasto realizado (Anexo VI)
- Aceptación da axuda (Anexo V)
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
Extinción do recoñecemento e acreditación de centros de información á muller.
Axudas e indemnizacións para mulleres vítimas de violencia de xénero
Renovación das vogalías correspondentes ás entidades no Consello Galego das Mulleres.
Subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e acccións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia.
Subvencións mobilidade xeográfica mulleres vítimas de violencia de xénero.