Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
IG535A - Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas (financiamento Igape-pemes).
Estas bases regulan as condicións e o procedemento de tramitación do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), que se desagrega nas liñas de financiamento específicas detalladas no anexo I.
As pequenas e medianas empresas.
1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.
b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I.
2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.
Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007. A operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade, e deberá ser asinada por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.
No caso de comunidades de bens, cada un dos socios deberá cubrir o formulario do anexo III.
3. Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan, se é o caso, para cada liña de financiamento conforme o recollido no anexo I. En todo caso, exclúense as que a seguir se relacionan:
a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).
b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.
c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.
d) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.
e) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.
f) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.
As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro), no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro).
4. Non poderán ter a condición de beneficiarias:
a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso, salvo que en este adquirise a eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores ao abeiro do artigo 5.bis da citada Lei 22/2003, salvo que adquirise eficacia un acordo de refinanciamento.
c) As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica – Igape
Complexo Administrativo. San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151
Fax: 981558844
Email: informa@igape.es
Instituto Galego de Promoción Económica – Igape
Resolución do 13 de abril de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 76 do 21 de abril de 2022).
Extracto da Resolución do 13 de abril de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 76 do 21 de abril de 2022).
Resolución do 5 de maio de 2022 pola que se adhiren dúas entidades financeiras ao convenio para a habilitación dun marco de apoio ao acceso ao financiamento das pequenas e medianas empresas, subscrito coas sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia (financiamento Igape-pemes) (DOG nº 93 do 13 de maio de 2022).
Resolución do 14 de xullo de 2023 pola que se dá publicidade aos beneficiarios das axudas concedidas durante o terceiro trimestre de 2022 (DOG nº 143 do 28 de xullo de 2023).
Resolución do 27 de febreiro de 2024 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o cuarto trimestre de 2022 (DOG nº 47 do 6 de marzo de 2024).
Resolución do 28 de agosto de 2024 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas por este instituto durante o primeiro e o segundo trimestres de 2023 (DOG nº 173 do 9 de setembro de 2024).
Prazo de presentación: PECHADO
22/04/2022 00:00 - 30/09/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
Solicitudes .
1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:
Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidas da súa petición, logo de resolución de arquivamento.
Considérase que todos os solicitantes, ao exerceren unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.
Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, con indicación dos 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.
2. Unha vez rexistrada a solicitude, o Igape remitiralle o contido do formulario electrónico da solicitude á SGR a través da extranet de entidades colaboradoras. A SGR contactará coa solicitante, e requiriralle toda a documentación necesaria para a comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos nestas bases e para a valoración da concesión da operación financeira de aval e crédito.
A SGR colaboradora coordinará coa entidade de crédito adherida ao convenio que o solicitante designe o estudo da operación financeira de crédito. Para iso, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos das bases reguladoras, a SGR remitiralle o expediente de solicitude á entidade de crédito.
A entidade de crédito adherida comunicaralle a SGR a súa decisión sobre a concesión da operación financeira.
No caso de que a SGR aprobe a operación financeira, e non se obteña a aprobación por parte da entidade de crédito inicialmente designada, por petición do titular, a SGR poderá remitir a solicitude a outra das entidades adheridas ao convenio de colaboración.
No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR asinante, neste suposto, a SGR designada polo titular no formulario de solicitude remitirá o expediente á outra SGR para a avaliación do coaval.
Nun prazo máximo de 35 días hábiles desde a presentación da solicitude, a SGR designada deberá comunicar ao Igape a través da extranet de entidades colaboradoras a súa decisión e a da entidade de crédito respecto á concesión da operación financeira. No caso de aprobación, incluirá:
– O importe aprobado, que poderá ser igual ou inferior ao solicitado, respectando os límites establecidos no anexo I para cada liña de financiamento.
– O prazo concedido e, se é o caso, a carencia.
– As condicións de tipo de xuro e comisións.
– Unha declaración do cumprimento das condicións establecidas nestas bases reguladoras emitida con base na revisión documental efectuada pola SGR.
– Unha declaración relativa á custodia da documentación do expediente que corresponderá á SGR como entidade colaboradora.
No caso de denegación, unha descrición do motivo.
3. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no formulario e na documentación achegada ás SGR adheridas, que comprobarán que cumpran as condicións e requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda, así como a execución e cumprimento da finalidade da axuda no caso de que lles sexa requirido.
4. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se o formulario de solicitude non reúne os datos exixidos, o Igape requirirá o solicitante para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento emende a falta, con indicación de que, en caso contrario, se lle terá por desistido da súa petición e se arquivará o expediente logo da correspondente resolución.
5. A verificación por parte das SGR da documentación presentada coas solicitudes e do cumprimento dos requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda, así como as comunicacións sobre a concesión da operación polas SGR e as verificacións sobre o cumprimento das finalidades da axuda, presentaranse a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). Esta vía electrónica será obrigatoria. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio asinado para o efecto.
A autorización de acceso á extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as SGR teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a notificación do anexo V, que se deberá presentar a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, xunto coa copia do poder da persoa representante da entidade. Para estes efectos, as entidades colaboradoras terán que acreditar a súa solvencia técnica para acceder e xestionar a extranet de entidades colaboradoras.
6. Cando por motivos técnicos non sexa posible a tramitación mediante a extranet de entidades colaboradoras, poderá admitirse a presentación dos documentos e comunicacións a través da oficina virtual do Igape ou da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, relativos á persoa ou entidade solicitante ou a cada un dos socios da comunidade de bens, se é o caso:
a) DNI/NIE da persoa solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante.
f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.
g) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.
h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.
i) Certificado da renda da persoa solicitante do último exercicio ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.
j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.
k) Consulta de concesións pola regra de minimis da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.
l) Certificado de domicilio fiscal da persoa ou entidade solicitante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) ou no de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (anexo III) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude .
Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados telematicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Selección, en réxime de concorrencia competitiva, das entidades colaboradoras que participarán na xestión de subvencións para servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas (programa Re-acciona), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027.
Préstamos Jeremie-Igape.
Préstamos do Igape en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas de Galicia.
Préstamos previstos no Instrumento Financeiro Préstamos Pemes Galicia - Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.