Guía de procedementos e servizos

ED333B

Bolsas para a mocidade do exterior co fin de cursar estudos de Formación Profesional.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 20/08/2022 00:00 - 24/10/2022 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cincuenta e catro prazas (54) para o acceso da mocidade galega do exterior, ás ensinanzas formación profesional relacionadas no anexo III que se desenvolverán en centros da Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2022/23. Xunto coa praza na ensinanza solicitada, concederase unha bolsa para a viaxe, o aloxamento e a manutención.

2. Este procedemento habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código ED333B.

1. Poderá concorrer a esta convocatoria a cidadanía galega residente no exterior e que cumpra o disposto no artigo 3.

2. Quedan excluídas desta convocatoria, as persoas que xa fosen beneficiarias, así como aquelas persoas beneficiarias que causasen baixa ou renunciasen á bolsa convocada pola Orde do 9 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan cen bolsas para a mocidade do exterior, co fin de cursar estudos de formación profesional de grao superior que se inicien no curso académico 2019/20 nun centro de Galicia con ensinanzas sustentadas con fondos públicos (código de procedemento ED333B), ou a outras bolsas de edicións anteriores.

3. Quedan excluídas desta convocatoria aquelas persoas que xa fosen beneficiarias das bolsas de excelencia para a mocidade exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Formación Profesional

Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo

Servizo de Orientación e Innovación Profesional

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546546

Email: retorna.mocidade.fp@edu.xunta.gal

Dirección Xeral de Formación Profesional
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

20/08/2022 00:00 - 24/10/2022 23:59

Segundo a Orde do 29 de setembro de 2022 (DOG nº 188 do 3 de outubro de 2022), modifícase o prazo de presentación de solicitudes ata o día 24 de outubro de 2022, incluído, polo que resulta ampliado en 21 días naturais o prazo regulado no artigo 5.5 da citada orde.

Requisitos que se deberán cumprir e acreditar no prazo de presentación de solicitudes:

a) Ser menor de 40 anos.

b) Estar en posesión da nacionalidade española.

c) Residir no estranxeiro.

d) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

e) Cumprir, polo menos, unha das seguintes condicións:

– Ser emigrante nacido/a en Galicia.

– Ser emigrante non nado/a en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

– Ser descendente por consanguinidade de emigrante nado/a en Galicia, sempre que a persoa solicitante nacese no estranxeiro.

f) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estar vinculadas a un concello galego. Este requisito poderase acreditar con posterioridade, pero sempre antes de que remate o prazo de emenda da documentación preceptiva.

Forma de presentación de solicitudes

1. As persoas solicitantes deberán cubrir os campos do formulario que figuran na aplicación informática Ciclosadmisión, https://www.edu.xunta.gal/ciclosadmision/, e incorporar os documentos requiridos no artigo 6 desta orde á dita aplicación. Rematado este proceso deberán confirmar a solicitude que, unha vez enviada, non poderá ser modificada. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado, que figura como anexo I desta orde a título informativo, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Entendendo que as persoas ás que vai dirixida esta convocatoria teñen acceso e capacidade para realizar este trámite, e as especiais circunstancias que poderían presentarse nos países nos que residen, establécese a obrigatoriedade de relacionarse exclusivamente por medios electrónicos para a tramitación deste procedemento de conformidade co establecido no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

2. As persoas solicitantes residentes en Cuba que así o desexen poderanse dirixir á Federación de Sociedades Galegas na Habana, na cal existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no anexo I.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán presentar por vía electrónica, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da residencia actual no estranxeiro.

b) Documentación xustificativa do tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data de fin de presentación de solicitudes.

c) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia:

– Persoas nadas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.

– Persoas non nadas en Galicia, pero que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do padrón municipal do/dos concello/s galego/s onde residiron.

– Descendentes por consanguinidade de emigrante nado/a en Galicia: certificados de nacemento ou libros de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa emigrante nacida en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.

d) Para as persoas solicitantes nadas no estranxeiro, documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego no Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE), ou calquera outra documentación acreditativa deste aspecto.

e) Documentación acreditativa da experiencia laboral relacionada coa praza que solicita.

f) Documentación acreditativa da formación relacionada coa praza que se solicita.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.

5. Todos os documentos que se acheguen deberán ser oficiais e estar expedidos polas autoridades competentes, de acordo co ordenamento xurídico do país de que se trate. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do español, deberase presentar tradución xurada deles en calquera destes idiomas.

6. A persoa beneficiaria presentará, na súa solicitude, unha declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Comprobación dos datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante, de ser o caso.

– DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

– NIF da entidade representante, de ser o caso.

– Expediente académico.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario de inicio e achegar o documento correspondente. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación do documento correspondente.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes realizarase de maneira electrónica a través da aplicación accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 4 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna mocidade, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2022/23 en centros educativos de Galicia (DOG nº 157 do 19 de agosto de 2022).

    • Extracto da Orde do 4 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna mocidade, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2022/23 en centros educativos de Galicia (DOG nº 157 do 19 de agosto de 2022).

    • Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se acorda a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes no procedemento regulado na Orde do 4 de agosto de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna mocidade para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2022/23 en centros educativos de Galicia (DOG nº 188 do 3 de outubro de 2022).

    • Extracto da Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se acorda a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes no procedemento regulado na Orde do 4 de agosto de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna mocidade para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2022/23 en centros educativos de Galicia (DOG nº 188 do 3 de outubro de 2022).

    • Orde do 16 de decembro de 2022 pola que se publica a resolución pola que se resolven as bolsas do programa Retorna Mocidade establecidas na Orde do 4 de agosto de 2022.(DOG nº 244 do 26 de decembro de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED317A

Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial

Aberto todo o ano

ED317B

Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral

Aberto todo o ano

ED330H

Rexistro de librarías. Axudas para adquirir libros de texto e material escolar.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED434A

Homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.