Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
CT207E - Subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego.
O obxecto destas bases é regular as subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o apoio á creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores/as individuais, e a posprodución de curtametraxes e realización de longametraxes e webseries a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207E).
Modalidades de proxectos subvencionables .
1. Esta convocatoria de subvencións ten diferentes modalidades que se determinan a seguir:
a) Modalidade A. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias para longametraxes cinematográficas escritas en galego.
b) Modalidade B. Subvencións a curtametraxes. Esta modalidade consta de 2 submodalidades:
B1. Axudas a curtametraxes sobre proxecto en versión orixinal galega cunha duración inferior a 60 minutos.
B2. Axudas a curtametraxes en construción que estean gravadas en versión orixinal galega, teñan unha duración inferior a 60 minutos e realicen os traballos de posprodución en Galicia.
c) Modalidade C. Subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega cunha duración igual ou superior aos 60 minutos, que se correspondan con propostas de especial valor artístico creativo e que contan cunha persoa responsable da dirección que non dirixise ou codirixise máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica.
d) Modalidade D. Subvencións a proxectos de webserie en versión orixinal galega cun mínimo de 3 capítulos e unha duración mínima total de 30 minutos para ficción e documental, ou dun mínimo de 3 capítulos e unha duración mínima total de 10 minutos no caso de animación, sempre que exista unha unidade argumental e continuidade entre episodios.
2. Cada proxecto só poderá estar inscrito nunha modalidade.
3. Se o proxecto se presenta á submodalidade B2 de curtametraxes en construción, non pode contar cunha subvención previa outorgada en anteriores convocatorias de axudas da Agadic, en calquera das liñas existentes.
Gastos subvencionables .
1. Terán a consideración de gastos subvencionables os que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada, se realicen dentro do período de execución establecido na presente convocatoria e se xustifiquen e acrediten o seu pagamento con antelación á data de xustificación da subvención.
2. Para os efectos desta convocatoria, considéranse gastos subvencionables os relativos á realización dos traballos de finalización da curtametraxe, a realización da longametraxe e a realización da webserie. Tamén terán a consideración de gastos subvencionables os gastos de amortización de material informático e audiovisual directamente relacionado coa realización do proxecto obxecto da subvención, de duración superior a un exercicio anual, ata un máximo do 5 % do importe da subvención, sempre que se cumpra coas seguintes normas:
2.1. A adquisición do material deberá producirse durante o período subvencionable.
2.2. Para o cálculo do importe que se amortizará, dividirase o custo do ben entre 60 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a produción.
2.3. Será imprescindible a presentación da correspondente factura de compra dos bens que se pretendan amortizar ou copias, así como a xustificación do seu pagamento ou copias.
3. Así mesmo, terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes á asesoría xurídica ou financeira, gastos financeiros e gastos notariais ou rexistrais cando estean estreitamente vinculados á realización do proxecto subvencionado.
4. Non serán gastos subvencionables:
4.1. O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.
4.2. Os gastos suntuarios, as gratificacións, as provisións de gastos e as capitalizacións.
5. Os gastos deberán corresponder ao período subvencionable, que comprende desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data máxima de xustificación establecida nas presentes bases para cada modalidade:
– Modalidades A e B1: 15 de outubro de 2022.
– Modalidades B2, C e D: 31 de xullo de 2023.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas todas as persoas físicas residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.
2. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas autónomas ou xurídicas que estean constituídas como produtoras independentes no momento de presentaren a solicitude e sexan residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.
1. As persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos específicos:
a) Proxectos da modalidade A (proxectos de escrita de guión): unicamente poderán presentarse aquelas persoas físicas que poidan acreditar a súa vinculación coa realización dunha obra audiovisual ou ben a súa formación académica no ámbito da creación ou produción audiovisual.
b) Para proxectos da modalidade B:
– Proxectos da submodalidade B1 (realización de curtametraxe): unicamente poderán presentarse aquelas persoas físicas que exerzan como director ou directora da obra.
– Proxectos da submodalidade B2 (curtametraxes en construción): a persoa beneficiaria terá que ser persoa autónoma ou empresa, en ambos os casos constituída como produtora audiovisual.
c) Proxectos modalidades C e D (longametraxes e webseries): a persoa beneficiaria terá que ser persoa autónoma ou empresa, en ambos os casos constituída como produtora audiovisual.
2. Non poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura. Monte Gaiás, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996077/ 881996078
Fax: 881996080
Email: agadic@xunta.es
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Resolución do 8 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 56 do 22 de marzo de 2022).
Extracto da Resolución do 8 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 56 do 22 de marzo de 2022).
Resolución do 25 de xaneiro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 8 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 22 do 1 de febreiro de 2023).
Resolución do 7 de febreiro de 2023 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2022 (DOG nº 32 do 15 de febreiro de 2023).
Prazo de presentación: PECHADO
23/03/2022 00:00 - 22/04/2022 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Solicitudes .
1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 10 das bases reguladoras.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
3. En relación coa presentación das solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta convocatoria de subvencións que sexan persoas físicas encádranse nun colectivo especialmente cualificado en canto á súa capacidade técnica e dedicación profesional que acredita a posibilidade e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos e, polo tanto, teñen a obriga de empregalos para a realización de calquera trámite deste procedemento administrativo, tal e como establece o artigo 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria .
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
1.1. Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.
1.2. Se a persoa solicitante está domiciliada fóra da Comunidade Autónoma de Galicia (nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea), certificado de empadroamento.
1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude, de ser o caso.
1.4. Se a persoa solicitante é persoa xurídica, estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.
1.5. Documentación acreditativa de ter autorización expresa da persoa propietaria dos dereitos da obra preexistente, de ser o caso.
Esta documentación terá a consideración de obrigatoria para os efectos de admisión da solicitude, e quedarán inadmitidas as solicitudes que non a presenten.
2. As persoas solicitantes deberán enviar a seguinte documentación específica:
2.1. Modalidade A: escrita individual de guión para longametraxe cinematográfica.
2.1.1. Historial profesional da persoa solicitante.
2.1.2. Memoria explicativa do proxecto cunha extensión de entre 250 e 750 palabras, que inclúa as intencións da persoa guionista con respecto á obra, así como as accións previstas para o seu desenvolvemento.
2.1.3. Sinopse argumental cunha extensión máxima de 250 palabras.
2.1.4. Tratamento secuenciado do proxecto de guión, cunha extensión de entre 2.500 e 5.000 palabras.
2.1.5. Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
Para esta modalidade constan no anexo (II) as seguintes declaracións responsables:
Declaración responsable onde consten as longametraxes realizadas en que participou como guionista.
Declaración responsable das subvencións á escrita de guión recibidas pola persoa solicitante con anterioridade á presente convocatoria.
Modalidade B: curtametraxes sobre proxecto e curtametraxes en construción.
2.2. Submodalidade B1 (curtametraxes sobre proxecto):
2.2.1. Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión de entre 250 e 750 palabras, en que consten as intencións artísticas da persoa responsable da dirección e a proposta de promoción e distribución da curtametraxe.
2.2.2. Sinopse do proxecto, cunha extensión de 250 palabras.
2.2.3. Guión definitivo, técnico ou literario, da película.
2.2.4. Calendario e plan de produción.
2.2.5. Currículo do equipo técnico-artístico.
2.2.6. Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
Para esta submodalidade constan no anexo (II) as seguintes declaracións responsables:
– Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas pola persoa responsable da dirección.
– Declaración responsable con especificación dos títulos dirixidos pola persoa responsable da dirección que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de curtametraxes con anterioridade á convocatoria.
2.3. Submodalidade B2 (curtametraxes en construción):
2.3.1. Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión de entre 250 e 750 palabras, en que consten as intencións artísticas da persoa responsable da dirección e a proposta de promoción e distribución da curtametraxe.
2.3.2. Sinopse do proxecto cunha extensión máxima de 250 palabras.
2.3.3. Ligazón ao primeiro corte da curtametraxe, con chave de acceso.
2.3.4. Calendario e plan de remate dos traballos de montaxe e posprodución.
2.3.5. Orzamento do proxecto segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic.
2.3.6. Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
Para esta submodalidade consta no anexo (II) a seguinte declaración responsable:
– Declaración responsable de que o proxecto non foi beneficiario de subvención en anteriores convocatorias da Agadic, en calquera das liñas e modalidades de realización e produción de obras audiovisuais.
2.4. Modalidade C: longametraxe.
2.4.1. Historial profesional da persoa responsable da dirección.
2.4.2. Historial, acompañado das cartas de compromiso correspondentes, das persoas profesionais que compoñen o equipo creativo, técnico e artístico que intervirán na produción, se é o caso: guionista, persoas responsables de: produción executiva, composición da banda sonora, dirección de fotografía, montaxe, dirección de arte, dirección de son, actores e actrices, así como outras persoas profesionais que se queiran engadir por achegar valor á produción.
2.4.3. Unha memoria asinada pola persoa responsable da dirección da película en que describirá, entre outros aspectos, as súas intencións artísticas, a proposta estética e o carácter innovador do proxecto en canto a temática e narrativa.
2.4.4. Sinopse argumental dun máximo de 250 palabras páxina.
2.4.5. Guión definitivo do proxecto, ou tratamento, de ser o caso.
2.4.6. Cronograma do proxecto e breve descrición dos plans de produción, localizacións e rodaxe.
2.4.7. Orzamento do proxecto (segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic).
2.4.8. Descrición das intencións en canto á promoción e difusión da obra.
2.4.9. Calquera outra documentación que a persoa solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
Para esta submodalidade constan no anexo (II) as seguintes declaracións responsables:
– Declaración responsable onde consten as longametraxes dirixidas pola persoa proposta como responsable da dirección.
– Declaración responsable onde consten os títulos dirixidos pola persoa proposta como responsable da dirección que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de longametraxe con anterioridade á presente convocatoria.
2.5. Modalidade D: webserie.
2.5.1. Unha memoria asinada polo/a director/a da webserie en que describirá, entre outros aspectos, as súas intencións en canto á proposta estética e narrativa, as referencias audiovisuais e o carácter innovador do proxecto, así como os plans de difusión previstos.
2.5.2. Sinopse argumental dun máximo de 250 palabras.
2.5.3. Tratamento completo e guión definitivo de todos os capítulos.
2.5.4. Historial, acompañado das cartas de compromiso correspondentes, dos seguintes profesionais do equipo creativo, técnico e artístico que intervirán na produción, se é o caso: a persoa responsable da dirección, do guión, da produción executiva, da composición da banda sonora, da dirección de fotografía, do deseño de personaxes e fondos, da montaxe, da dirección de arte, da dirección de son, actores e actrices, así como outros profesionais que se queiran engadir por achegar valor á produción.
2.5.5. Orzamento do proxecto (segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic).
2.5.6. Calquera outra documentación que a persoa solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Administración pública da comunidade autónoma.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesión pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores .
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Subvencións a proxectos desenvolvidos por empresas de exhibición cinematográfica de carácter comercial.
Axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia.
Selección dunha entidade colaboradora para a xestión e organización das actividades do programa de desenvolvemento do polo de aceleración do sector de videoxogos para impulso do sector.
Proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, creación e fidelización de públicos e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual para salas de exhibición cinematográfica.