Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT207B
Subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
- A concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos convocadas para o 2025.
- Para efectos das bases, entenderase por desenvolvemento audiovisual o conxunto de accións e tarefas relacionadas coa fase previa á produción, dentro do período subvencionable, de proxectos de longametraxes e series de ficción, animación ou documental.
Persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura - Monte Gaiás, s/n
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996077/ 881996078
Fax: 881996080
Email: agadic@xunta.es
Prazo de presentación: ABERTO
10/06/2025 00:00 - 09/07/2025 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes dende o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta no epígrafe IAE 961.1, que teñan cando menos un ano de antigüidade e un ano de actividade sen interrupcións no momento da publicación da presente convocatoria. Ademais deberán ter unha sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia como empresa produtora de proxectos audiovisuais.
1.1. Por produtora audiovisual independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).
1.2. Quedan excluídas desta convocatoria as agrupacións de interese económico.
1.3. A persoa solicitante deberá ter, cando menos, un acordo ou precontrato cun director e/ou guionista para o desenvolvemento do proxecto audiovisual.
1.4. Ademais, a persoa solicitante deberá posuír, cando menos, a opción de compra sobre os dereitos de propiedade intelectual do concepto, tema, tratamento, guión ou biblia dos contidos que se presentan ou os dereitos de adaptación cando se trate de obras preexistentes. No caso de existir acordos de codesenvolvemento entre empresas produtoras aceptarase unha repartición equitativa de dereitos entre elas. A posesión dos dereitos deberá ter unha duración mínima suficiente para cubrir todo o cronograma de desenvolvemento do proxecto.
2. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, así como ás empresas en crise, tal e como establecen os artigos 1 e 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursos en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. Achegaranse as seguintes declaracións responsables que se recollen no anexo II:
3.1. Que a obra audiovisual terá carácter cultural e poderá obter o certificado cultural por parte do Instituto da Cinemamatografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) de acordo coa Orde CUD/582/2020, do 26 de xuño, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas estatais para a produción de longametraxes e curtametraxes.
3.2. Que a entidade solicitante, ou algún dos autores propostos co que teña asinado un acordo para o desenvolvemento, é titular dos dereitos suficientes de propiedade da obra, de acordo co establecido no artigo 24.2 da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, e coa presente convocatoria.
3.3. Que a entidade solicitante cumpre cos requisitos de produtor independente tal e como establece o artigo 4.n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema.
3.4. Que declara as características e condicións do proxecto segundo a ficha recollida no anexo IV destas bases, relativas a: autoría vinculada profesionalmente con Galicia, autoría novel, autoría feminina, historial en canto a obras previas producidas da empresa solicitante ou da persoa proposta para a produción executiva, experiencia dos/das autores/as en base a anteriores obras escritas e/ou realizadas, subvención previa da Agadic á escrita de guión e producións realizadas con axuda previa ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais da Agadic.
Para estes efectos teranse en conta as seguintes consideracións:
– A autoría estará vinculada profesionalmente con Galicia cando as persoas propostas para desempeñar os postos de guionista e/ou director/a poidan acreditar formación regrada en Galicia relacionada co ámbito audiovisual, ou desempeño das mesmas funcións en dous proxectos de produción galega ou baixo contrato con dúas empresas produtoras que realicen a súa actividade habitual en Galicia.
– Os/as autores/as cumprirán coa condición de novel sempre que non teñan exercido a mesma función que figura na solicitude en ningunha obra anterior que coincida coas modalidades recollidas na presente convocatoria, e non foran cualificadas para a súa estrea comercial (longametraxes cinemamatográficas) ou emitidas en televisión ou plataformas (series ou longametraxes para televisión).
3.5. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e acepta as condicións e obrigas recollidas nesta convocatoria.
3.6. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3.7. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3.8. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
3.9. Declaración responsable de que a persoa solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) núm. 651/2014, sobre empresas vinculadas.
3.10. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.
3.11. Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a una orde de recuperación económica pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, nin é unha empresa en crise, tal e como establecen os artigos 1 e 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
a) Documentación administrativa.
1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
1.4. Documentación acreditativa de que a entidade solicitante ou o/a autor/a co/coa que teña asinado o acordo para as tarefas de desenvolvemento posúe os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.
1.5. Acordo no que consten as cantidades económicas co/coa guionista e/ou director/a para a realización de tarefas de desenvolvemento.
Toda a documentación administrativa anterior terá a consideración de obrigatoria para os efectos de admisión de solicitudes.
b) Documentación técnica.
1.6. As persoas beneficiarias deberán presentar un dossier en formato de documento único indexado segundo a mesma orde de numeración e nomenclatura, que conteña os seguintes puntos:
1.6.1. Datos identificativos do proxecto: título, xénero, versión lingüística orixinal da obra. Deberán constar os nomes das persoas responsables da produción executiva, guión e dirección, indicando se están ou non vinculadas profesionalmente con Galicia.
1.6.2. Descrición das intencións artísticas e creativas por parte do/da autor/a, así como das referencias, aspectos singulares, e outros que se consideren relevantes.
1.6.3. Descrición dos valores de produción do proxecto, orzamento de produción estimado, estratexia de financiamento e viabilidade de realización, descrición das audiencias obxectivo, intencións en canto a coprodución e distribución e outros aspectos que se consideren relevantes.
1.6.4. Estratexia de desenvolvemento, cronograma de realización dos traballos, relación e currículo dos/das profesionais propostos/as para levar a cabo os traballos de desenvolvemento do proxecto.
1.6.5. Sinopse argumental cunha extensión máxima dunha páxina.
1.6.6. Guión ou tratamento secuencial do proxecto cando se trate dunha longametraxe de ficción ou animación. Cando se trate dunha longametraxe documental poderase entregar un tratamento ou unha escaleta. No caso das series de ficción, animación ou documentais haberá que achegar, xunto co guión ou o tratamento secuencial do primeiro capítulo, un mapa de tramas. No caso de proxectos que obtiveran subvención á escrita de guión por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais, haberá que presentar o guión da longametraxe ou o guión co mapa de tramas si se trata dunha serie.
1.7. Orzamento de gastos de desenvolvemento do proxecto segundo o modelo do anexo III.
1.8. Ficha do proxecto segundo o modelo do anexo IV.
1.9. Documentación que acredita os datos achegados na ficha do proxecto segundo se indica a continuación:
1.9.1. Contratos en firme ou cartas de compromiso asinadas cos/coas profesionais relacionados/as. No caso das persoas responsables da dirección, guión e produción executiva deberán figurar as cantidades económicas acordadas para realizar as tarefas de desenvolvemento.
1.9.2. A acreditación da vinculación profesional con Galicia para efectos das presentes bases (formación regrada en Galicia relacionada co ámbito audiovisual, desempeño das mesmas funcións en dous proxectos de produción galega ou baixo contrato con dúas empresas produtoras que realicen a súa actividade habitual en Galicia) realizarase mediante as fichas que constan na base de datos de películas cualificadas do ICAA nas que tivera participado ou mediante certificación das empresas contratantes, segundo o caso. No caso de acreditar a formación regrada achegarase a correspondente titulación.
1.9.3. A acreditación do historial dos/das autores/as farase exclusivamente mediante as fichas que constan na base de datos de películas cualificadas do ICAA (https://sede.mcu.gob.es/CatalogoICAA) cando se trate de obras cinemamatográficas españolas, ou de certificación das compañías produtoras cando se trate de series para TV e/u plataformas, ou de películas cinemamatográficas realizadas fóra de España. No caso de acreditar series web achegarase unha ligazón de acceso aberto ás canle nas que se emitan nas que figuren os títulos de crédito.
1.9.4. A acreditación do historial da produtora ou da persoa que exerza a produción executiva en canto a longametraxes e curtametraxes producidas con anterioridade só se admitirá mediante as fichas das películas que constan na base de datos de películas cualificadas do ICAA (https://sede.mcu.gob.es/CatalogoICAA). A mesma ficha será válida para acreditar os resultados de billeteira e a coprodución internacional no caso das longametraxes cinemamatográficas. Se as obras anteriores estivesen cualificadas no estranxeiro, admitirase documentación equivalente. No caso das series achegarase documentación de valor probatorio que certifique a participación da empresa ou profesional na serie. Non se admitirán imaxes dos títulos de crédito se non se acompañan dunha ligazón que permita o acceso á obra.
1.10. Voluntariamente poderase achegar unha ligazón a unha presentación do proxecto a cargo dos/das autores/as do proxecto.
1.11. Calquera outra documentación que a persoa solicitante considere pertinente para unha mellor defensa do proxecto.
Con relación ao punto 2 deste artigo, o órgano instrutor comprobará a presentación do dossier como documento único pero non realizará a comprobación do seu contido. O dossier non poderá ser obxecto de modificación ou mellora ao longo da fase de instrución do procedemento previa á reunión da Comisión de Valoración.
2. Os documentos presentados en branco non se considerarán defectos emendables, senón que continuarán coa súa tramitación para efectos da instrución do expediente.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento, consultarase automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– NIF da entidade solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día das obrigas no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesión de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 22 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 108 do 9 de xuño de 2025).
-
Extracto da Resolución do 22 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 108 do 9 de xuño de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Autorización de actuación arqueolóxica.
Aberto todo o ano
Proposta de avaliación de documentos
Aberto todo o ano
Proposta de eliminación de documentos
Aberto todo o ano