Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR807K
Axudas destinadas ao financiamento de plans de formación compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e a negociación colectiva (Liña 1).
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a propia convocatoria de axudas que concederá a Consellería de Emprego e Igualdade ás organizacións sindicais e asociacións empresariais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva, de acordo coa Orde TMS/379/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo (códigos de procedemento TR807K e TR807L).
2. Esta convocatoria ten ámbito na Comunidade Autónoma de Galicia, e correspóndelle a súa programación, xestión e control á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade.
- Ao abeiro destas bases reguladoras poderanse conceder subvencións para a realización dos seguintes plans de formación:
a) Liña 1. Plans de formación, compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e a negociación colectiva promovidos polas organizacións sindicais ou empresariais previstas no artigo 5.1.a) desta orde. As actividades formativas poderán ser:
– Cursos de formación cuxo contido estea relacionado co diálogo social e a negociación colectiva.
– Xornadas, seminarios e ciclos de conferencias cuxo contido verse sobre as funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva.
– Encontros internacionais que conten con expertos doutras nacionalidades para ter un intercambio de información sobre o diálogo social e a negociación colectiva en distintos países.
– Paneis, foros e obradoiros de expertos que compartan información sobre boas prácticas en diálogo social e negociación colectiva dos distintos sectores.
1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta convocatoria:
a) En relación coas subvencións destinadas ao financiamento de actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (liña 1):
1º. As organizacións sindicais que participan no dito ámbito, nos termos establecidos no artigo 7 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, así como as fundacións ou outras entidades constituídas por aquelas para a consecución de calquera deses fins.
2º. As organizacións empresariais que participan no dito ámbito, nos termos establecidos na disposición adicional sexta do texto refundido do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, así como as fundacións ou outras entidades constituídas por aquelas para a consecución de calquera deses fins.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Subdirección Xeral de Relacións Laborais
Servizo de Relacións Laborais, Seguridade e Saúde Laboral
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957744
Email: relacionslaborais.emprego@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
04/09/2021 00:00 - 04/10/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para este efecto, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG. Se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
- Para os efectos destas subvencións, considéranse de ámbito autonómico as organizacións sindicais e asociacións empresariais que estean lexitimadas para a negociación colectiva sectorial nun ámbito xeográfico e funcional específico que non exceda os límites da Comunidade de Galicia, de acordo co establecido nos números 2 e 3 do artigo 87 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
- No caso de que a entidade solicitante sexa unha fundación ou outra entidade vinculada cunha organización sindical ou empresarial, substituirá a esta última para todos os efectos previstos nesta orde.
- Non poderán ser beneficiarias as organizacións que estean integradas nunha entidade de ámbito federal ou confederal, cando a federación ou a confederación de que formen parte sexa tamén beneficiaria destas subvencións.
- Cando a entidade beneficiaria sexa unha asociación empresarial, os seus membros asociados que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamentan a concesión da subvención en nome e por conta daquela terán igualmente a consideración de beneficiarios.
- Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións as entidades e organizacións nas cales concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias as administracións públicas, as sociedades públicas ou as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
- As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), anexo I.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para presentar as solicitudes poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
- As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da entidade solicitante.
b) Documentación acreditativa da representatividade da organización solicitante no correspondente ámbito territorial, sectorial e intersectorial, segundo corresponda.
c) No caso de organizacións empresariais ou fundacións ou outras entidades constituídas por estas, certificado en que conste o número de empresas con que conta.
d) Orzamento total solicitado por actividades formativas (anexo III).
e) Plan de formación (anexo IV), que conterá a seguinte información:
1º. Formulación xeral da proposta.
2º. Actividades formativas solicitadas, xustificación da súa conveniencia e adecuación da proposta.
3º. Deseño e contidos do plan de formación.
4º. Obxectivos das actividades formativas.
5º. Resultados esperados do plan de formación.
6º. Metodoloxía de desenvolvemento do plan de formación.
7º. Por cada actividade formativa deberá detallarse o número de participantes, o número de horas de formación, a modalidade de impartición, número de sesións ou edicións que se van impartir por cada unha e o custo da actividade.
8º. Planificación temporal, tendo en conta que durante a primeira anualidade debe executarse como mínimo o 25 % do plan de formación.
9º. Outras actuacións que, sen custo adicional, as entidades realicen no desenvolvemento das actividades formativas.
f) En relación co plan de formación solicitado, estudo das necesidades formativas detectadas na materia obxecto da subvención e identificación do colectivo destinatario.
g) En relación co plan de formación solicitado, plan de seguimento e avaliación das actuacións formativas realizadas.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa presentase anteriormente a persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
- A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
- Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
- De conformidade co establecido no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, terán tamén a condición de entidades beneficiarias os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade que fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta desta. Neste caso, xunto coa solicitude deberán achegar adicionalmente:
a) Nomeamento dunha persoa representante ou apoderada única da asociación ou agrupación, con poderes suficientes para cumprir coas obrigas das entidades beneficiarias.
b) Copia do instrumento de formalización da asociación ou agrupación.
c) Certificado expedido por quen posúa estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, no cal se acredite a condición de membro asociado integrante da asociación.
d) Copia do compromiso de execución formalizado polas entidades asociadas ou agrupadas, subscrito pola representación legal destas, no cal se concrete qué partes do proxecto realizará cada entidade.
e) Compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros e de non disolución mentres non transcorran os prazos de prescrición legalmente previstos.
Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa en nome e representación da entidade que solicita a subvención.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificados de estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario que corresponda e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable e, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Declaración expresa de outras axudas (Anexo V)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 18 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva, e se convocan na Comunidade Autónoma de Galicia nos exercicios de 2021 e 2022 (DOG nº 170 do 3 de setembro de 2021).
-
Extracto da Orde do 18 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva, e se convocan na Comunidade Autónoma de Galicia nos exercicios de 2021 e 2022 (DOG nº 170 do 3 de setembro de 2021).
-
Resolución do 10 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se procede á publicación das axudas concedidas en virtude da Orde do 18 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva, e se convocan na Comunidade Autónoma de Galicia nos exercicios de 2021 e 2022 (DOG nº 38 do 23 de febreiro de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición no proceso de avaliación e acreditación das competencias profesionais.
Aberto todo o ano
Cualificación como Centros Especiais de Emprego.
Aberto todo o ano
Recoñecemento ou baixa da condición de carencia de ánimo de lucro e/ou iniciativa social nun centro especial de emprego xa existente
Aberto todo o ano
Cancelación da inscrición do centro especial de emprego
Aberto todo o ano