Guía de procedementos e servizos

TR302A

Plan de formación para o emprego dirixido prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 23/02/2021 00:00 - 22/03/2021 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública de subvencións para o financiamento de programas de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas e a súa execución, correspondentes aos exercicios de 2021 e 2022, xestionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade.

1. Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refire esta orde as entidades privadas que, na data de entrada en vigor desta convocatoria, sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados no correspondente certificado de profesionalidade ou tivesen solicitada a inscrición mediante declaración responsable nesa data na correspondente especialidade formativa non vinculada a certificado de profesionalidade, na Administración pública competente para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral na Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que lles permita impartir a formación para a que solicitan subvención nas modalidades presencial, de teleformación ou mixta.

Con independencia do tipo de modalidade da especialidade formativa para a que se solicite subvención, as entidades beneficiarias poderán facer uso da aula virtual nos termos sinalados nesta orde.

2. Igualmente, poderán ser beneficiarios os centros e entidades de formación que tivesen achegado, á data de entrada en vigor da convocatoria, a declaración responsable sobre o cumprimento dos requisitos exixidos para a súa inscrición no rexistro para impartir especialidades formativas non dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade, consonte o disposto no artigo 15 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Subdirección Xeral de Formación para o Emprego

Servizo de Planificación da Formación para o Emprego

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995370/ 981545695

Fax: 981544604

Email: sx.promocionlaboral@xunta.gal

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

23/02/2021 00:00 - 22/03/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun 1 mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

1. Para os programas de formación para a cualificación e recoñecemento profesional, así como para calquera tipo de programa en que se imparta formación parcial acumulable asociada á obtención de certificados de profesionalidade, as entidades de formación deberán estar acreditadas na modalidade correspondente con anterioridade á data de publicación da presente convocatoria para aqueles certificados de profesionalidade que constitúan o obxecto da solicitude de subvención.

As instalacións que presente a entidade na solicitude para levar a cabo a execución da parte presencial do programa deberán estar localizadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e non se poderán modificar durante o seu desenvolvemento.

Os centros presenciais en que terá lugar o desenvolvemento da parte presencial da formación que se vai realizar nas modalidades de teleformación e/ou mixta deberán estar, na data da entrada en vigor da convocatoria, acreditados para impartir o correspondente certificado de profesionalidade ou, de non tratarse dunha especialidade dirixida á obtención dun certificado de profesionalidade, ter solicitada a súa inscrición mediante declaración responsable.

Así mesmo, as entidades deberán cumprir por cada certificado de profesionalidade, polo menos, os requisitos establecidos nos reais decretos reguladores de cada certificado de profesionalidade na impartición de formación correspondente á mesma familia profesional.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

A xustificación polas entidades solicitantes de non estaren incursas en ningunha das anteditas circunstancias realizarase mediante unha declaración responsable que deberá incluír no modelo de solicitude que se contén no anexo I, cuxo contido deberá respectar o que establece o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como referirse á capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, e de aulas, talleres e instalacións, en xeral, para asumir a xestión das actividades formativas que solicita.

De ser o caso, naqueles supostos en que nunha aula estea previsto impartir máis dunha especialidade, a declaración responsable deberá recoller a manifestación expresa da entidade de que as ditas especialidades poden impartirse cos mesmos medios.

A presentación dunha declaración responsable que falsee as condicións requiridas para a concesión da subvención ou oculte as circunstancias que a impedisen ou limitasen poderá ter a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, e na dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados nas bases reguladoras e/ou a correspondente convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, considerarase desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A solicitude deberá presentarse acompañada da documentación complementaria sinalada nos artigos 29 e 30 desta orde.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A documentación complementaria que deba presentarse xunto coa solicitude ou noutras fases do procedemento, achegarase electronicamente mediante a presentación do documento orixinal de se tratar dun documento dixital ou da imaxe electrónica do documento orixinal, de se tratar dun documento en papel. Neste último caso, a imaxe electrónica adaptarase ao previsto do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e na Resolución do 19 de xullo de 2011, da Secretaría de Estado para a Función Pública, pola que se aproba a Norma técnica de interoperabilidade de dixitalización de documentos.

5. As imaxes electrónicas aplicarán os formatos establecidos para ficheiros de imaxe na Norma técnica de interoperabilidade do catálogo de estándares; o nivel de resolución mínimo para imaxes electrónicas será de 200 píxeles por polgada, tanto para as imaxes obtidas en branco e negro, cor ou gradación de grises; a imaxe electrónica será fiel ao documento orixe (respectará a xeometría do documento orixe en tamaños e proporcións, non conterá caracteres ou gráficos que non figurasen no documento de orixe e a súa xeración realizarase por un medio fotoeléctrico).

As imaxes electrónicas que acheguen as entidades interesadas ao procedemento administrativo terán eficacia, exclusivamente, no ámbito da actividade das administracións públicas.

As imaxes electrónicas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para estes efectos, a entidade interesada deberá conservar o documento orixinal por un prazo de 5 anos desde a presentación da imaxe electrónica.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Declaración responsable que forma parte da solicitude.

Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e na cal se farán constar os aspectos seguintes:

a) Que en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:

– Non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención.

– Se se solicitaron e/ou concederon outras axudas para este mesmo proxecto e conceptos para os cales se solicita esta subvención, deberán relacionarse estas.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

c) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que os lugares de impartición das accións formativas serán aqueles que están inscritos ou acreditados para tal fin, nos termos do artigo 15 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e do artigo 6.1 Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, e que son aptos e cumpren e manterán as condicións e requisitos que exixe a normativa aplicable á correspondente especialidade formativa, nomeadamente, a obriga de impartir a formación nos espazos e cos medios formativos acreditados e/ou inscritos para tal fin, así como a de manter as exixencias técnico-pedagóxicas, de instalacións, equipamento e medios humanos tidas en conta para a acreditación ou inscrición da especialidade.

g) Que coñece as estipulacións da presente orde, que cumpre cos requisitos sinalados nela e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.

h) Que naqueles supostos en que nunha aula estea previsto impartir máis dunha especialidade, as ditas especialidades poden impartirse cos mesmos medios.

i) Que a entidade conta con capacidade suficiente en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, así como de aulas e instalacións en xeral para asumir na súa totalidade a execución completa do programa de formación que solicita.

j) Que de acordo co disposto no artigo 41.15, as impresións dixitais das persoas traballadoras ocupadas rexistradas pola propia entidade formadora se corresponden coas das persoas que din ser.

k) Que son certos os datos relativos ao investimento tecnolóxico da entidade a que se refire o artigo 34.1.e) desta orde.

A presentación das declaracións responsables a que se refire a presente orde que falseen ou oculten circunstancias que impidan ou limiten a concesión da subvención ou o seu pagamento, así como que alteren a puntuación obtida na baremación, poderá ter a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo I, a seguinte documentación:

a) Copia da escritura de constitución da entidade ou dos estatutos sociais da entidade debidamente legalizados.

b) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).

c) Acreditación de que a entidade solicitante está acreditada e/ou inscrita pola Administración pública competente, para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral en Galicia nas especialidades formativas obxecto da formación.

d) Acreditación da presentación e do pagamento de taxas, códigos 31.41.01 e/ou 31.41.02, da declaración responsable para a inscrición de entidade de formación para impartir especialidades formativas incluídas no catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal, non dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade, no Rexistro da Xunta de Galicia, prevista no artigo 5.2 desta orde, de ser o caso.

Na web da Consellería de Emprego e Igualdade, https://ceei.xunta.gal/formacion-persoas-traballadoras-ocupadas, está publicado un modelo orientativo de declaración responsable para facilitar o cumprimento do trámite.

e) Programa de formación que conterá, como mínimo, a seguinte información e documentación:

– Ámbito territorial de aplicación do programa e ámbito sectorial, de ser o caso.

– Obxectivos, contidos, metodoloxía e modalidade.

– Accións formativas que se desenvolverán, con indicación da familia e área profesional que corresponda. No caso de accións formativas vinculadas ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais deberase indicar a que certificado ou certificados de profesionalidade van dirixidos. Deberán incluír os módulos transversais, se é o caso.

– Número de alumnas e alumnos por acción formativa.

– Colectivos destinatarios, desagregados por colectivos prioritarios e categorías ou grupos profesionais.

– Custo estimado das accións formativas.

– Anualidade prevista, total ou parcial, de ser o caso, con indicación do número de horas imputadas a cada anualidade, para a realización das actividades formativas.

– Lugar, instalación e medios previstos para impartir as accións formativas que, no caso de accións conducentes á obtención dos certificados de profesionalidade ou acreditacións parciais destes, deberán cumprir os requisitos que se establecen no real decreto que regule o correspondente certificado de profesionalidade e, no suposto de especialidades formativas non vinculadas con certificados de profesionalidade, deberán aterse ás exixencias contidas na correspondente ficha do catálogo a que se refire o artigo 20.3 da Lei 30/2015, do 9 de setembro.

– Para os efectos de seguimento e control das actividades da acción formativa, naqueles cursos que se impartirán nas modalidades de teleformación ou mixta, deberanse proporcionar as claves e credenciais de acceso á correspondente plataforma web cos perfís de administrador/a, de titor/a-formador/a e de alumno/a.

– Para os supostos de accións formativas a impartir na modalidade de teleformación ou mediante aula virtual referenciados no artigo 41.15.b) da presente orde, memoria técnica acreditativa de que a tecnoloxía e/ou aplicación informática que se utilizará para verificar e acreditar a asistencia do persoal docente e titor, así como do alumnado, mediante control biométrico, DNI electrónico, sinatura dixital ou método similar garante a correcta identificación das persoas, ademais dos métodos para seguir o número de horas de conexión, realización de exercicios prácticos e a superación de controis periódicos.

– Cando as especialidades formativas que se solicitan estean vinculadas a certificados de profesionalidade, as entidades deberán, ademais, achegar a seguinte documentación:

• Programa formativo elaborado pola propia entidade, tomando como base para a súa elaboración o contido do correspondente certificado de profesionalidade e segundo a estrutura dunha acción formativa normalizada de formación profesional para o emprego.

• Compromiso da subscrición do convenio ou acordo coa empresa ou empresas en que realizará o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas incluídas no certificado de profesionalidade.

f) Ficha de cada acción formativa segundo o modelo que figura como anexo IV desta orde.

g) Acreditación documental de dispor dun sistema ou modelo de xestión de calidade vixente na data límite de presentación das solicitudes relativo á súa actividade de formación profesional para o emprego, para aqueles centros en que solicite súa a avaliación de acordo co previsto no artigo 34.1.f) desta orde.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (DOG nº 35 do 22 de febreiro de 2021).

    • Extracto da Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (DOG nº 35 do 22 de febreiro de 2021).

    • Orde do 28 de xullo de 2021 pola que se modifica parcialmente a Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (DOG nº 154 do 12 de agosto de 2021).

    • Resolución do 11 de agosto de 2021, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se redistribúen os créditos orzamentarios recollidos na Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (DOG nº 159 do 19 de agosto de 2021).

    • Resolución do 25 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se procede á publicación das subvencións concedidas en virtude da Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas), e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (DOG nº 236 do 10 de decembro de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

TR301L

Inscrición/acreditación de centros de formación para o emprego.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR301M

Mantemento da inscrición / acreditación por cambio de titularidade dun centro de formación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR301R

Accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, non financiadas con fondos públicos.

Aberto todo o ano

TR301V

Bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 01/11/2025 00:00 - 02/11/2026 23:59