Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR780A
Subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Facenda e Administración Pública
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e efectuar a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de Galicia para o ano 2021 no marco do AFEDAP.
Gastos subvencionables.
1. Serán subvencionables os gastos directamente destinados ao desenvolvemento da actividade formativa programada, incluíndo os desprazamentos da persoa que imparta a docencia.
Terán, así mesmo, a consideración de gastos subvencionables os destinados a financiar os materiais didácticos e complementarios necesarios para o desenvolvemento da actividade formativa.
Na memoria da actividade formativa incluirase a previsión do custo da actividade formativa, desagregado pola natureza do gasto, e deberase ter en conta o seguinte:
a) O custo dos gastos subvencionables non poderá superar o valor de mercado.
b) Só serán subvencionables os gastos que se realicen entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 15 de novembro do ano 2021 e que estean efectivamente pagados o 3 de decembro de 2021, data de finalización do período de xustificación.
c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos financiables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
2. Poderán financiarse con cargo ás subvencións concedidas os gastos directamente imputables ás accións formativas e ás actividades complementarias, así como os gastos xerais imputables á totalidade das actividades que conforman o plan de formación aprobado.
2.1. Gastos directamente imputables ás accións formativas:
a) Gastos de formadores/as internos/as e externos/as no exercicio de actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación das persoas participantes.
b) Gastos de medios e materiais didácticos, como textos e materiais dun só uso polo alumnado (compra, elaboración, reprodución e distribución), e materiais de traballo funxibles utilizados para o desenvolvemento das actividades de formación.
c) Gastos pola elaboración de contidos para a impartición de cursos en liña.
d) Gastos de aloxamento, mantemento e desprazamento das persoas que interveñen nas accións formativas (alumnos/as, coordinadores/as, persoal de apoio e profesorado). As entidades beneficiarias ás cales lles sexa de aplicación o Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, axustaranse ás contías e condicións establecidas nel. Para as demais entidades beneficiarias, observaranse os principios xerais, os requisitos dos gastos e a forma de xustificación establecidos na devandita norma, limitándose as contías máximas subvencionables, con carácter xeral, ás establecidas para o grupo 2.
e) Gastos de alugamento tanto de instalacións como de equipamento necesarios para o desenvolvemento das actividades formativas.
2.2. Gastos xerais asociados á execución das actividades subvencionadas que non poidan ser imputados de forma directa, co límite máximo do 25 por cento do total dos gastos directos:
a) Gastos de persoal de apoio, tanto interno como externo, para a xestión e execución do plan.
b) Gastos de alugamento de instalacións e de equipamento non imputables directamente ás actividades previstas no plan de formación.
c) Gastos de seguros, incluído, de ser o caso, o da cobertura de accidentes das persoas participantes, en coherencia coa disposición adicional terceira do AFEDAP.
d) Gastos de publicidade e difusión.
e) Gastos de avaliación e control.
f) Outros gastos indirectos en concepto de auga, gas, electricidade, mensaxaría, telefonía, material de oficina consumido, vixilancia e limpeza e outros non especializados imputables ao plan de formación, co límite máximo do 6 por cento do total dos gastos directos e sen que sexa precisa a súa xustificación documental.
Poderán ser beneficiarias da liña en réxime de concorrencia competitiva das subvencións convocadas, os concellos, as deputacións provinciais e demais entidades locais recoñecidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que promovan plans de formación para o persoal empregado público, de carácter unitario ou agrupado, dentro do ámbito do AFEDAP.
De conformidade co establecido no artigo 6, segundo parágrafo do AFEDAP, só poderán ser beneficiarias da liña en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións convocadas as asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto nos artigos 120 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Obrigas das beneficiarias.
Sen prexuízo do disposto noutras bases desta resolución, serán obrigas das entidades beneficiarias as seguintes:
a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto para o cal foron concedidos e executar a actividade que fundamenta a concesión da axuda no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2021.
b) Achegar a documentación requirida nesta convocatoria.
c) Efectuar a selección das persoas que vaian participar nas accións formativas pola adecuación do seu perfil aos seus obxectivos e contidos.
d) Xustificar, antes da data que se sinala no número 1.b) da base sexta, os gastos realizados no exercicio económico en que se concedeu a subvención nos termos fixados na convocatoria.
e) Achegar, de acordo co modelo que figura como anexo VIII desta resolución e nun formato editable, a información sobre as accións formativas realizadas que sexa necesaria para a súa inclusión nunha memoria anual e para efectos estatísticos do seguimento das accións formativas desenvolvidas. Esta información achegarase desagregada por sexo no tocante tanto ás persoas encargadas de impartir ou coordinar as ditas accións como ás persoas que formasen parte do alumnado.
f) Someterse ás actuacións de comprobación que realice a EGAP, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, en particular o Consello de Contas, Tribunal de Contas e Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, achegando a información requirida.
g) Comunicarlle á EGAP a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.
h) Expedir os correspondentes certificados de asistencia e/ou aproveitamento, de acordo cos requisitos previamente establecidos pola Comisión Xeral de Formación para o Emprego das Administracións Públicas.
i) Garantir a calidade e gratuidade das accións formativas financiadas con estes fondos e cumprir con todas as obrigas previstas no AFEDAP.
j) Conservar os documentos xustificativos dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
k) Incorporar de forma visible no material de difusión das actividades formativas subvencionadas o seu financiamento público.
l) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.
m) Cumprir coas obrigas correspondentes previstas no AFEDAP e no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Xunta de Galicia
Consellería de Facenda e Administración Pública
Escola Galega de Administración Pública (EGAP)
R/ Madrid, 2-4 (Fontiñas)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546255
Fax: 981546336
Email: xestión.egap@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
11/06/2021 00:00 - 12/07/2021 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, como nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de que as entidades non están incursas nas prohibicións ou circunstancias relacionadas nos ditos artigos realizarase mediante declaración responsable, a través dos anexos I, IV e VI, segundo corresponda.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiríraselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Na solicitude faranse constar os seguintes datos:
a) Datos administrativos da entidade promotora, incluíndo o número de efectivos en 31 de xaneiro de 2020. Para estes efectos, unicamente serán considerados os efectivos computados para a elaboración do Boletín estatístico do persoal ao servizo das administracións públicas.
b) Datos da persoa de contacto designada.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Informe da representación sindical asinado polas persoas responsables sindicais.
b) Proposta descritiva das actividades formativas co detalle individualizado destas, a súa prioridade, número de edicións, alumnos/as e horas por edición, orzamento económico e destinatarios/as.
c) A documentación que acredite, conforme a lexislación vixente, as facultades de representación da persoa que asina o plan para actuar en nome da persoa xurídica solicitante, no caso de federacións ou agrupacións.
d) Cando se trate dun plan agrupado, os documentos de adhesión ao devandito plan e, no caso daquelas entidades adheridas cuxo número de empregados/as sexa igual ou superior a 200, informe da representación sindical das ditas entidades.
e) Memoria das accións formativas que conterá os seguintes puntos:
1) Obxectivos xerais e finalidade do plan de formación.
2) Deseño do plan de formación.
2.1) Resposta do plan ás necesidades de formación detectadas na organización e especificación do procedemento e metodoloxía empregados para iso.
2.2) Resultados da avaliación do plan do exercicio anterior, só no caso de que o plan da entidade solicitante fose subvencionado no dito exercicio.
2.3) Incorporación dos resultados da avaliación do plan do ano anterior ao plan de formación presentado, só no caso de que o plan da entidade solicitante fose subvencionado no dito exercicio.
3) Criterios de seguimento e avaliación do plan: previsións acerca do seguimento das accións formativas (aplicación de técnicas para a avaliación dos resultados, e, se for o caso, do impacto da formación).
4) Implantación do plan de formación.
4.1) Ámbito de aplicación e colectivos afectados.
4.2) Criterios de selección dos/das participantes.
5) Contido de accións formativas específicas.
5.1) Actividades formativas que sexan instrumento de motivación e compromiso dos/das empregados/as públicos/as.
5.2) Accións formativas relativas á Administración electrónica.
5.3) Accións formativas relativas á ética, transparencia e integridade pública.
5.4) Accións formativas relativas á igualdade de xénero e violencia de xénero.
5.5) Accións formativas relativas ás novidades lexislativas que atinxan ao eido administrativo en aspectos tales como lexislación básica en materia de procedemento administrativo, contratación, etc.
5.6) Accións formativas en materia de fondos europeos como mecanismos de recuperación e resiliencia.
5.7) Accións formativas en materia de impulso demográfico.
5.8) Accións formativas en materia de simplificación administrativa e reactivación económica.
5.9) Accións formativas en materia de emprego público e teletraballo.
5.10) Accións formativas en materia de prevención de riscos laborais no contexto COVID.
5.11) Accións formativas relativas aos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) e á Axenda 2030 e a súa repercusión na xestión pública.
5.12) Accións formativas relativas á xestión e planificación do turismo.
6) Resultados do plan do exercicio anterior no caso de que o plan da entidade solicitante fose subvencionado no dito exercicio:
6.1) Número total de actividades de formación desenvolvidas e número total de horas de formación impartidas.
6.2) Número total de persoas participantes desagregado por sexo.
f) De ser o caso, memoria de cada proxecto de actividade complementaria que conteña a súa denominación, descrición da actividade con expresa mención á súa finalidade, ao seu custo e ao produto específico que se obterá coa realización da actividade e que deberá entregarse xunto coa xustificación económica do gasto realizado con motivo da realización da actividade.
g) Memoria económica que conteña os seguintes datos:
1º. Datos relativos ás anteriores convocatorias no caso de que o plan da entidade solicitante fose subvencionado no anterior exercicio: destinatarios/as, recursos propios dedicados, fondos subvencionados, recursos humanos dedicados.
2º. Datos económicos do plan, con desagregación por conceptos de gasto.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día nos pagamentos de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Aceptación do plan (Anexo II)
- Comunicación doutras subvencións (Anexo III)
- Información para efectos estatísticos (Anexo VIII)
- Solicitude de pagameto adiantado (Anexo IV)
- Renuncia da subvención (Anexo VII)
- Xustificación da subvención (Anexo VI)
- Modificación do plan de formación ( Anexo V)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 25 de maio de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2021, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (DOG nº 109 do 10 de xuño de 2021).
-
Extracto da Resolución do 25 de maio de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2021, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (DOG nº 109 do 10 de xuño de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración de concello emprendedor.
Aberto todo o ano
Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.
Aberto todo o ano
Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.
Prazo aberto: 04/12/2025 00:00 - 11/09/2026 23:59
Declaración urxente de ocupación de bens de expropiación.
Aberto todo o ano