Guía de procedementos e servizos

MT821A

Axudas con cargo aos orzamentos xerais do estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 21/04/2021 00:00 - 20/05/2021 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

1. A presente orde ten por obxecto, de acordo co establecido no Real decreto 1229/2005, establecer as bases reguladoras, así como efectuar a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2021, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (código de procedemento MT821A)

2. De acordo coa Lei 15/2002 pola que se declara o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entenderase por área de influencia socioeconómica do Parque Nacional a área ocupada polos concellos que teñen parte da súa superficie no Parque Nacional, é dicir, a superficie dos concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

3. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, atendendo a criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e á eficiencia na asignación e emprego dos recursos públicos, segundo ao establecido no artigo 8 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Iniciativas subvencionables.

1. Poderán ser obxecto de subvencións os investimentos na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional referidos a:

a) Iniciativas públicas tendentes á modernización das infraestruturas urbanas, periurbanas e rurais destinadas ao uso xeral, así como á diversificación e mellora dos servizos prestados pola Administración local, cando garden unha relación directa coas finalidades e obxectivos que establecen a norma da declaración do Parque Nacional ou os seus instrumentos de planificación. As actuacións subvencionables, dentro do perímetro do Parque Nacional, serán do tipo de: mellora na subministración de auga potable, mellora na atención sanitaria a persoas visitantes e residentes no Parque, xestión de residuos, xestión enerxética, rede de saneamento e outras semellantes.

b) Iniciativas públicas ou privadas destinadas á conservación ou restauración do patrimonio natural, sempre que presenten un manifesto valor ecolóxico.

c) Iniciativas públicas ou privadas orientadas á eliminación de calquera tipo de impacto sobre os valores naturais ou culturais que xustificaron a creación do Parque Nacional, incluído o impacto visual sobre a percepción estética ocasionado por infraestruturas preexistentes. As actuacións subvencionables, dentro do perímetro do Parque Nacional, serán do tipo de: soterramento de alxibes, mellora de fosas sépticas, puntos limpos e outras semellantes.

d) Iniciativas públicas ou privadas dirixidas a garantir a compatibilidade das actividades e dos usos tradicionais coa finalidade e cos obxectivos dos parques nacionais.

e) Iniciativas públicas ou privadas destinadas á conservación ou á restauración do patrimonio arquitectónico, sempre que presenten un manifesto valor histórico-artístico ou cultural a escala local. As actuacións subvencionables serán do tipo de: recuperación de hórreos, fornos comunais e outras semellantes.

f) Iniciativas privadas destinadas á posta en marcha de actividades económicas relacionadas co Parque Nacional, en particular, as relacionadas coa prestación de servizos de atención a visitantes e coa comercialización dos produtos artesanais. As actuacións subvencionables serán do tipo de: empresas de rutas guiadas, mergullo recreativo-educativo, promoción de actividades en inverno e outras semellantes.

g) Iniciativas privadas destinadas ao mantemento ou á recuperación da tipoloxía construtiva tradicional, como adaptación de cubertas, arranxo de construcións anexas ou acadar as condicións exixidas para a concesión da cédula de habitabilidade, dos edificios que se atopan en terreos do interior do perímetro do Parque Nacional e teñen unha antigüidade de mais de 50 anos, cuxo uso estea directamente relacionado coa actividade produtiva asociada ao sector primario ou constitúen a primeira residencia das súas persoas propietarias, ou sexan utilizados polas persoas titulares dunha concesión, segundo o Decreto 174/2010, que regula o procedemento para outorgamento das concesións da Illa de Ons, e que estean ao día das súas obrigas derivadas da concesión.

h) Iniciativas públicas ou privadas orientadas á divulgación e formación entre a poboación local dos valores e importancia do Parque Nacional, coa conservación dos valores naturais e culturais que xustificaron a súa declaración ou co uso sustentable dos recursos naturais.

i) Iniciativas públicas ou privadas orientadas á posta en valor ou á recuperación e divulgación do patrimonio arqueolóxico, etnográfico e cultural.

Poderán resultar persoas beneficiarias das subvencións:

1. Entidades locais.

a) Os concellos dos municipios situados na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional (Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo).

2. Entidades empresariais.

a) As entidades empresariais que teñan a consideración de pequenas e medianas empresas, cuxa sede social estea radicada na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e cuxa actividade principal se desenvolva nesta área.

b) As persoas empresarias que teñan a condición de autónomas ou as comunidades de bens nos seguintes supostos:

– Cando a súa residencia e actividade se localicen na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional.

– Cando residan na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional e pretendan implantar a súa actividade nela.

– Cando non residan na dita área de influencia socioeconómica pero veñan realizando no interior do Parque Nacional actividades produtivas de carácter artesanal ligadas ao sector primario, sempre que tales actividades fosen especificamente reguladas nos instrumentos de planificación.

3. Persoas físicas: as persoas físicas residentes e empadroadas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, ou titulares dunha concesión, segundo o Decreto 174/2010, que regula o procedemento para outorgamento das concesións da Illa de Ons, e que estean ao día das súas obrigas derivadas da concesión, e as persoas propietarias dunha vivenda dentro do Parque Nacional.

4. Institucións sen fins de lucro: as fundacións e asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e cuxa sede social ou a dalgunha das súas seccións ou delegacións estea na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, sempre e cando entre os seus fins estatutarios figure expresamente a realización de actuacións en materia de conservación ou uso sustentable dos recursos naturais, de protección do patrimonio histórico-artístico ou de promoción da cultura tradicional.

5. As entidades de dereito público constituídas ao abeiro dalgunha lexislación sectorial en materia de recursos naturais renovables e cuxa actividade estea relacionada co aproveitamento ordenado destes recursos na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional.

Obrigas das persoas beneficiarias.

Son obrigas da persoa beneficiaria as que se establecen con carácter xeral na normativa de aplicación en materia de subvencións e, en particular:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determina a concesión ou o goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto estatais como autonómicos, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Comunidade Autónoma, tributarias e fronte á Seguridade Social, tanto no momento de concesión da axuda como no da xustificación do gasto realizado.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa ou entidade beneficiaria en cada caso, así como de cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, sen prexuízo da exixencia por parte da Administración dos correspondentes xuros de demora, cando se perda o dereito ao cobramento.

i) No caso de axudas á divulgación, no momento da xustificación final, entregaranse 2 exemplares do material editado, xunto co resto da documentación xustificativa.

j) Respectar na realización de todas as actividades subvencionadas a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, así como o emprego dunha linguaxe inclusiva, mediante o uso dunha linguaxe, mensaxes e contidos visuais que contribúan á transformación social afastados de estereotipos sexistas configurados a partir dunha asignación de roles e valores diferenciados en función do sexo.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

R/ Oliva, 3 - Edif. Cambón

36202  Vigo  (Pontevedra)

Teléfono: 886218090

Fax: 886218094

Email: iatlanticas@xunta.es

http://www.parquenacionalillasatlanticas.com

Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

21/04/2021 00:00 - 20/05/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes de axuda é dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

- Non se subvencionarán os gastos de adquisición de edificios nin terreos, nin os gastos xerais de funcionamento ou equipamento das persoas solicitantes, senón os propios do desenvolvemento das actividades e actuacións obxecto das axudas. Tampouco serán subvencionables os gastos correntes dos concellos. As solicitudes conxuntas de concellos que non acrediten a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actividades independentes en cada entidade local serán excluídas ou non admitidas a trámite.

- Todas as accións, obras ou traballos deberán atoparse situados dentro do perímetro do Parque Nacional ou da zona de influencia socioeconómica, e terán prioridade as accións que se realicen dentro do perímetro do Parque sobre aquelas que estean fóra.

- Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes de subvención realizaranse cubrindo correctamente o modelo que figura no anexo I, dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e irán acompañadas, se for o caso, da documentación administrativa e técnica que se especifica no artigo 5 desta orde.

2. As solicitudes presentaranse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, persoas traballadoras autónomas, o estudantes universitarios e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Documentación necesaria para a tramitación do procedemento.

A. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

A.1. Para toda persoa interesada:

a) Acreditación da representación da persoa solicitante por calquera medio válido en dereito, se procede.

b) Memoria descritiva da finalidade para a que se solicita a subvención. Conterá, como mínimo, a descrición dos traballos ou actividades, planos de situación e detalle, orzamento detallado co IVE desagregado, prazo aproximado de execución e calendario, tendo en conta que as actividades subvencionables deben comezar e rematar no presente exercicio. Este calendario de execución é indicativo, xa que quedará condicionado ás anualidades que se determinen na resolución de aprobación.

c) No caso de que a actuación se localice nun lugar concreto, achegarase un plano de situación desta, sen prexuízo dos demais planos de detalle que exixa a definición técnica da actuación.

d) De ser o caso, acreditación de dispoñer de todas as licenzas e autorizacións necesarias para o exercicio da actividade ou de estar en trámite de conseguilas.

e) No caso de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varias persoas copropietarias, deberase presentar:

1. Documento que acredite o consentimento de todas as persoas copropietarias.

2. Representación da persoa solicitante para realizar a acción obxecto da subvención.

A.2. Deberase xuntar, ademais, a seguinte documentación complementaria, dependendo da natureza da persoa beneficiaria:

a) No caso de concesionarios segundo o Decreto de concesións da illa de Ons, escrito que exprese a dita condición.

b) No caso de persoas arrendatarias, documento que acredite a condición, así como manifestación do consentimento, coñecemento ou non oposición pola persoa propietaria das obras, de acordo co disposto no artigo 30 da Lei 29/1994, de arrendamentos urbanos.

c) Para entidades locais, privadas e institucións sen ánimo de lucro, documento acreditativo do acordo adoptado pola entidade para efectuar a solicitude de subvención, así como da representación das persoas que a subscriban.

d) No caso de asociacións, acordo da Xunta de Goberno ou figura similar para solicitar as axudas, e certificación do concello, ou documento semellante, que acredite que máis do 50 % das persoas que teñen a condición de socias residen nalgún dos concellos do Parque Nacional.

e) Para institucións sen ánimo de lucro (fundacións e asociacións): copia dos seus estatutos.

f) No caso de empresas ou autónomos/as: acreditación de posuír a sede social nalgún concello do Parque Nacional.

g) No caso de comunidades de bens, declaración responsable sobre o importe do investimento que vai aplicar para cada unha das persoas membro da agrupación expresada en forma de porcentaxe sobre o total, e identificación de cada unha das persoas integrantes mediante o DNI.

B. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consultas ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

C. A documentación complementaria presentarase, preferiblemente, por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiríraselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

D. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

E. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia

F. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá requirir motivadamente, consonte prevé o artigo 28 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, calquera documentación aclaratoria necesaria en relación coas subvencións que se van outorgar, que considere conveniente.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Alta no IAE.

e) Certificado de empadroamento da persoa solicitante.

f) Titularidade do terreo da persoa solicitante no catastro.

g) Titularidade dunha concesión segundo o Decreto 174/2010, relativo ás concesións da illa de Ons.

h) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

i) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

j) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

k) Certificado de inscrición da institución sen ánimo de lucro, no rexistro público correspondente.

l) Certificado de inscrición no Rexistro de Asociacións.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2009).

    • Orde do 8 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para o exercicio orzamentario do ano 2021 (DOG nº 73 do 20 de abril de 2021).

    • Extracto da Orde do 8 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para o exercicio orzamentario do ano 2021 (DOG nº 73 do 20 de abril de 2021).

    • Corrección de erros. Orde do 8 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para o exercicio orzamentario do ano 2021 (DOG nº 78 do 27 de abril de 2021

    • Resolución do 22 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se publican as entidades beneficiarias das subvencións concedidas en virtude da Orde do 8 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para o exercicio orzamentario 2021 (DOG nº 48 do 10 de marzo de 2022).

  • Ámbito Estatal
    • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276 do 18 de novembro de 2003).

    • Real Decreto 1229/2005, do 13 de outubro, polo que se regulan as subvencións públicas con cargo aos Presupostos Xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos Parques Nacionais (BOE nº 246 do 14 de outubro de 2005).

    • Corrección de erros do Real Decreto 1229/2005, de 13 de outubro, polo que se regulan as subvencións públicas con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos Parques Nacionais (BOE nº 274, de 16 de novembro de 2005).

    • Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (BOE nº 171 do 18 de xullo de 2007).

    • Lei 30/2014, de 3 de decembro, de Parques Nacionais (BOE nº 293 de 4 de decembro de 2014).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

AU113A

Autorización de obras ou traballos no dominio público hidráulico ou zona de policía de leitos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU113C

Actuacións menores no dominio público hidráulico e zona de policía

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU114A

Autorización de verteduras de augas residuais (tramitación ordinaria).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU208A

Concesión de augas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano