Guía de procedementos e servizos

IN200A

Premios de artesanía de Galicia.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 15/10/2021 00:00 - 29/10/2021 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios de Artesanía de Galicia como un recoñecemento á mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.

Características dos premios.

Os premios de Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:

1. Premio Artesanía de Galicia 2021.

Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no desenvolvemento desta.

2. Premio Traxectoria 2021.

Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dunha persoa artesá galega. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia e outras entidades públicas ou privadas encargados de facer a presentación das candidaturas. Valorarase a traxectoria recoñecida da persoa candidata, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.

3. Premio Bolsa Eloy Gesto 2021.

Esta modalidade ten a finalidade de potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e o deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais.

Profesionais do sector artesán galego.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Fundación Pública Artesanía de Galicia

Área Central, 1º-Local 25MN. Fontiñas

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881999171 / 881999174 / Desde o resto do Estado: 902120012

Fax: 881999170

Email: centro.artesania@xunta.gal

http://artesaniadegalicia.xunta.gal

http://ceei.xunta.gal

Fundación Pública Artesanía de Galicia
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

15/10/2021 00:00 - 29/10/2021 23:59

O prazo de presentación de candidaturas iníciase a partir das 8.00 horas do 15 de outubro de 2021 e remata ás 14.30 horas do 29 de outubro de 2021.

Participantes.

1. Premio Artesanía de Galicia 2021.

Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cuxo titular sexa unha persoa artesá rexistrada como tal, de acordo coa Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia e co Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

2. Premio Traxectoria 2021.

Artesáns/ás en activo ou retirados que están ou estiveron inscritos como tales no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. Os encargados de facer a presentación das candidaturas desta categoría serán os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas. Estas propostas serán sempre realizadas por terceiros, é dicir, ningún obradoiro poderá realizar a proposta do titular ou dun traballador do propio obradoiro.

3. Premio Bolsa Eloy Gesto 2021.

1º. Artesáns/ás inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, cunha idade máxima de 40 anos en 2021.

2º. Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cuxo titular sexa unha persoa artesá rexistrada como tal e que acadase unha idade máxima de 40 anos en 2021.

Solicitudes.

1. A solicitude, que se inclúe como anexo II desta resolución, deberá presentarse presencialmente na forma indicada no artigo 4 das bases reguladoras utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Solicitudes e documentación que se debe presentar.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión dos premios presentaranse no prazo que se indica no artigo 3.2 da convocatoria.

a) A documentación e a solicitude deberanse presentar nas oficinas da Fundación Pública Artesanía de Galicia utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. As persoas interesadas deberán consultar previamente no correo electrónico centro.artesania@xunta.gal o enderezo e o horario de apertura das oficinas. Cando a candidatura se remita por correo, o solicitante deberá xustificar a data de imposición do envío na oficina de correos (será requisito indispensable que se trate dunha oficina de correos prestadora do servizo postal universal) e anunciar á Fundación Pública Artesanía de Galicia a remisión da candidatura mediante fax 881 99 91 70 ou correo electrónico no mesmo día. Sen a concorrencia de ambos os requisitos non será admitida a proposta se é recibida pola Fundación con posterioridade á data en que remata o prazo sinalado nas presentes bases. Transcorridos, porén, os dez días naturais seguintes á data indicada sen recibir a proposta de candidatura, esta non será admitida en ningún caso. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Fundación Pública Artesanía de Galicia poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

b) De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso de que a solicitude e a documentación non reúnan os requisitos exixidos nestas bases, requirirase á persoa solicitante que a complete no prazo de 10 días coa advertencia de que transcorridos eses días sen que se achegue a documentación, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa.

2. As persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

1º. Premio Artesanía de Galicia 2021.

A) Presentación da peza orixinal e, no caso de que non poida ser presentada por cuestións de volume, peso ou localización, exixirase unha maqueta cuxo volume non exceda o metro cúbico e os 40 quilogramos de peso, xunto con material fotográfico do orixinal.

B) Sobre pechado A en que figurará o título da proposta e que conterá en papel a seguinte documentación:

a) Anexo II. É obrigatorio que, de ser o caso, leve a sinatura e o selo da empresa.

b) Currículo do obradoiro artesán.

c) Declaración asinada de que a peza presentada é autoría e propiedade da persoa solicitante e non foi presentada a outros concursos nin publicada con anterioridade en ningún tipo de soporte (redes sociais, web, publicacións e outros).

C) Sobre pechado B en que figurará o título da proposta e conterá en soporte dixital a seguinte documentación:

a) Ficha técnica do proxecto que inclúa nome ou título da obra, peso, medidas, técnica utilizada, materiais empregados e ano de elaboración.

b) Mínimo de 5 imaxes da obra presentada en formato jpg en alta calidade.

c) Memoria descritiva do proceso produtivo e memoria conceptual en que se indique a intencionalidade da peza, as fontes de inspiración e calquera outro dato que axude á comprensión e ao bo entendemento da obra.

Esta documentación non poderá estar asinada nin conter distintivos que a identifiquen cunha marca ou cunha autoría determinada.

O número máximo de obras por participante será de dúas. Asemade, os autores que desexen participar con máis dunha obra deberán completar toda a documentación por obra presentada.

Importante: tanto a peza como a memoria que se propón como candidata ao premio non poderán estar asinadas nin conter distintivos que as identifiquen cunha marca ou cunha autoría determinada.

2º. Premio Traxectoria 2021.

Sobre pechado en que figurará o nome da persoa candidata e que conterá a seguinte documentación:

En papel:

• Anexo II. É obrigatorio que leve a sinatura da persoa representante e o selo do obradoiro, asociación profesional ou entidade pública ou privada que realiza a proposta.

En soporte dixital:

• Memoria de presentación cun mínimo de 15 imaxes en formato jpg do traballo e currículo da persoa candidata e na cal se sinalen as razóns por que se propón ao premio.

3º. Premio Bolsa Eloy Gesto 2021.

Sobre pechado en que figurará o nome e conteña:

En papel:

a) Anexo II. É obrigatorio que leve a sinatura e o selo da empresa, de ser o caso.

b) Currículo da persoa artesá ou do obradoiro artesán.

En soporte dixital un dossier que conteña:

• Memoria descritiva que inclúa o traballo principal da persoa candidata no eido da artesanía, programa ou principais contidos da formación que desexa adquirir a través da bolsa de formación, información principal do centro de formación ou obradoiro de artesanía para o cal solicita a bolsa e unha proposta razoada pola que considera que a súa candidatura debe ser elixida como gañadora nesta categoría.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 15 de marzo de 2021, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se acorda publicar as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia e a súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 62 do 5 de abril de 2021).

    • Extracto da Resolución do 15 de marzo de 2021, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se acorda publicar as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia e a súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 62 do 5 de abril de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano