Guía de procedementos e servizos

IG423A

Axudas do programa sinerxia da internacionalización

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 28/08/2021 00:00 - 27/09/2021 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

1. As presentes bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para favorecer o incremento da internacionalización das empresas galegas non pemes, coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización.

2. O obxectivo principal deste programa é conseguir a internacionalización real de empresas galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.

3. As actuacións que engloban están dirixidas a:

a) Aumentar a base de empresas exportadoras.

b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.

c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.

d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Actuacións, gastos subvencionables.

1. Serán subvencionables a participación de empresas galegas que superen o límite establecido para seren pemes no seguinte tipo de actuacións:

a) Misións empresariais directas ao estranxeiro (incluíndo encontros empresariais ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro), tanto en formatos presenciais como virtuais.

b) Participación en feiras ou noutros eventos expositivos que se celebren no estranxeiro, así como aqueloutros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias ou simposio que, aínda que non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan indubidablemente a promoción da empresa a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro, tanto en formatos presenciais como virtuais. E que sexan convocadas polas cámaras de Comercio declaradas entidades colaboradoras no marco das axudas do Plan Foexga 21-22.

2. Gasto subvencionable:

O importe facturado en concepto de cota polas entidades colaboradoras para a participación do solicitante nas accións organizadas no marco do Plan para o fomento das exportacións galegas 2021-2022. Esta cota será a resultante da convocatoria de cada actuación e de importe non superior ao resultante para as pemes participantes en accións do Plan Foexga 2021-2022.

A cota deberá ser certificada para cada convocatoria pola entidade colaboradora organizadora da actuación.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día da presentación da solicitude de axuda e a data de fin de execución segundo o establecido na convocatoria destas bases e na resolución de concesión. Tamén serán subvencionables os gastos efectuados con anterioridade á presentación da solicitude de axuda correspondentes a reserva das empresas de participacións nas accións.

4. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado e non se admitirán os pagamentos en efectivo.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que superen os límites establecidos para definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187).

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise en 31 de decembro de 2019. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que aparece no punto 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

e) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), para as empresas do sector pesqueiro no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e para as empresas do sector agrícola no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013) e o Regulamento (UE) 2019/316 da Comisión do 21 de febreiro de 2019 que o modifica (DOUE L 51 do 22 de febreiro de 2019).

f) Que estean ao día nos pagamentos ás cámaras de Comercio, Industria y Navegación de que formen parte.

2. Mediante a presentación da solicitude de participación na acción, os beneficiarios aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora, que será, así mesmo, a encargada de informar puntualmente o interesado sobre o estado da súa petición, os dereitos e obrigas, e as notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 6.2 O Igape porá á disposición deste programa unha aplicación no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es para os efectos de cubrir o cuestionario de solicitude de participación electronicamente.

Obrigas

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as seguintes:

a) As descritas no artigo 6.5 letras a), b), c), e) e f) obrigas comúns ás entidades colaboradoras.

b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na resolución de convocatoria.

c) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data en que deban ser presentadas ante o Igape. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como establece o artigo 19 destas bases. A axuda aboarase a través da cámara unha vez finalizada a acción e cumpridas todas as obrigas.

d) Participar nas actuacións que fundamenten a concesión da subvención, así como colaborar e achegar a documentación á entidade colaboradora.

e) Comunicarlle á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un prazo de catro anos desde a presentación da documentación.

g) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Xerencia - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 902300903/ 981541147

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

28/08/2021 00:00 - 27/09/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, as entidades colaboradoras deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do proxecto para o que solicita a subvención e o orzamento de gastos, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberase xuntar como documento a este formulario electrónico a convocatoria para a selección das empresas, segundo o modelo do anexo III.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas e concederase aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades colaboradoras presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativio

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 12 de agosto de 2021 pola que se lle dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Programa sinerxía da internacionalización e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 165 do 27 de agosto de 2021).

    • Extracto da Resolución do 12 de agosto de 2021 pola que se lle dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Programa sinerxía da internacionalización e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 165 do 27 de agosto de 2021).

    • Resolución do 19 de setembro de 2022 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o terceiro e cuarto trimestres de 2021 (DOG nº 194 do 11 de outubro de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano