Guía de procedementos e servizos

IG410A

Axudas ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústers emerxentes) na Comunidade a Autónoma de Galicia.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 27/01/2021 00:00 - 10/03/2021 23:59

Consellería de Economía e Industria

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

As presentes bases teñen por finalidade fomentar a cooperación para a competitividade e a innovación empresarial en distintos ámbitos de interese para a actividade económica en Galicia mediante a concesión de axudas ás entidades xurídicas xestoras de agrupacións empresariais innovadoras emerxentes galegas (clústeres emerxentes) para a posta en marcha do clúster emerxente, cofinanciando a elaboración do seu primeiro plan estratéxico ou a posta en marcha de iniciativas prioritarias contidas nese primeiro plan estratéxico, no caso de que fose elaborado con anterioridade.

Para tal efecto, a entidade solicitante deberá achegar unha relación descritiva e cuantificada dos custos de elaboración do plan estratéxico ou da listaxe de proxectos que promoverá durante o período de vixencia da axuda.

As axudas previstas nestas bases destínanse ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes galegas (clústeres emerxentes), que cumpran as seguintes condicións:

a) Que creasen unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster, cunha antigüidade inferior a dous anos respecto da data de solicitude da axuda e domicilio social en Galicia.

b) Que representen unha cadea de valor arredor dun sector de actividade eminentemente industrial.

Ou ben que representen un agrupamento transversal (por tecnoloxía ou por mercado obxectivo) que teña impacto na dixitalización ou na sustentabilidade de tecido empresarial.

c) Que, en calquera das dúas posibilidades anteriores, representen un subconxunto da actividade empresarial galega cuxa facturación conxunta en Galicia supere o valor do 1 % no PIB da Comunidade Autónoma no ano 2019.

d) Que cando menos o 60 % dos seus asociados directos iniciais sexan empresas e que o 50 % ou máis destas dispoñan dun centro de traballo en Galicia.

e) Proxección internacional. O ámbito de actividade do clúster deberá ter vocación e proxección cara a mercados internacionais pola súa propia natureza e non representar un negocio de proximidade ou local.

Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar as actividades que fundamentan a concesión da subvención durante o prazo establecido na resolución de concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou desfrute da concesión.

c) Colaborar co Igape na realización de análises e estudos clúster e iniciativas coherentes cos plans presentados en materia de difusión e exemplificación transversal, en beneficio do conxunto do sistema produtivo de Galicia.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións previstas. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

e) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere o 100 % do gasto subvencionable.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape e a Xunta de Galicia, segundo o establecido no anexo III a estas bases.

g) Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Fax: 981558844

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

27/01/2021 00:00 - 10/03/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 10 de marzo de 2021.

1. Non poderán ser entidades beneficiarias as que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declarase ilegais ou incompatibles co mercado común, nin as empresas que en 31 de decembro de 2019 estivesen en crise, segundo a definición do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Forma e lugar de presentación das solicitudes.

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

b) Declaración doutras axudas en réxime de minimis.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido este considerarase que desisten da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter toda a información necesaria para acreditar os requisitos e as condicións dos artigos 1 e 4, e mención explícita aos criterios sinalados no artigo 7 destas bases.

b) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 9.1 das bases.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://tramita.igape.es

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 16 do 26 de xaneiro de 2021).

    • Extracto da Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 16 do 26 de xaneiro de 2021).

    • Resolución do 10 de setembro de 2021 pola que se dá publicidade da resolución da convocatoria das axudas ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 181 do 20 de setembro de 2021).

    • Resolución do 19 de setembro de 2022 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o terceiro e cuarto trimestres de 2021 (DOG nº 194 do 11 de outubro de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG500A

Novacións modificativas nos préstamos concedidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) nos diversos programas instrumentados ao abeiro do decreto 133/2002