Guía de procedementos e servizos

IF502A

Práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo dos portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Pechado

Consellería do Mar

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

O obxecto é establecer o procedemento de presentación de declaración responsable para a práctica da actividade de pesca marítima de recreo en superficie nas zonas de servizo dos portos titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, unicamente naqueles portos, e nas zonas habilitadas para iso, que se recollen no anexo III da presente resolución.

A práctica desta actividade autorízase baixo o estrito cumprimento das condicións e réxime de prohibicións que figuran na cláusula cuarta da presente resolución, e levántase, nas ditas condicións, a prohibición xeral establecida no artigo 131 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

Segundo as características e as diferentes actividades desenvoltas nos portos e instalacións portuarias, para os efectos de concretar as zonas portuarias habilitadas, e o réxime de acceso conforme o levantamento da prohibición da actividade de pesca marítima de recreo en superficie, os portos clasifícanse en tres tipoloxías:

Libres: portos sen actividade portuaria intensiva nos cales se permite a pesca recreativa sen limitación de espazos dentro das instalacións portuarias nin de horarios.

Permitido (tramificado): portos con actividade portuaria intensiva en que se permite a práctica da pesca marítima de recreo en superficie en determinadas zonas sinalizadas para o efecto nos planos publicados na web https://www.portosdegalicia.gal/pesca-recreativa-portos e indicados no anexo III.

Non permitida: portos con condicións de uso, configuración, servizos e actividades portuarias que non permiten a autorización da práctica da pesca recreativa.

A clasificación de portos e as zonas habilitadas poden consultarse no anexo III e nos planos no sitio web de Portos de Galicia, na seguinte ligazón:

https://www.portosdegalicia.gal/pesca-recreativa-portos

Queda excluída da presente resolución de levantamento de prohibición a pesca marítima recreativa submarina.

Poderán formalizar a declaración responsable as persoas físicas que dispoñan de licenza de pesca marítima de recreo en superficie expedida pola Consellería do Mar e de seguro de responsabilidade civil indicado na condición 7ª de acceso ás instalacións portuarias, inserida na cláusula cuarta da presente resolución.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Portos de Galicia

Praza de Europa, 5A-6º. Fontiñas

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Email: portosdegalicia@portosdegalicia.com

https://www.portosdegalicia.gal/pesca-recreativa-p

Portos de Galicia
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

O prazo de presentación da declaración responsable é a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución. O prazo de presentación quedará aberto.

As condicións que rexerán a autorización son as seguintes:

A) Condicións de acceso á zona portuaria:

1. Toda persoa, pescador recreativo ou acompañante, que acceda ás zonas de pesca controladas farao co único obxecto do exercicio da pesca marítima de recreo en superficie e queda expresamente prohibida calquera outra actividade distinta da citada.

2. Cada pescador recreativo poderá acceder cun único acompañante. Os menores de idade deberán ir acompañados/tutelados necesariamente por unha persoa maior de idade.

3. A decisión dos pescadores da práctica da pesca recreativa recollida nesta resolución implica a obriga de formular declaración responsable nos termos establecidos no presente procedemento (código IF502A), e a aceptación incondicionada dos termos desta, incluso dos anexos, e a carga da obriga de identificarse ante o persoal garda peiraos, en canto policía administrativa portuaria, e, de ser requirido para tal efecto, o deber de presentar, no prazo regulamentario que se lle indique toda a documentación relativa a licenzas, permisos, seguros e autorizacións legais que lle sexa requirida.

A negativa a identificarse ante os garda peiraos ou a achegar a documentación que, se é o caso, sexa requirida serán causas expresas de orde de saída da zona portuaria e de eventual levantamento de denuncia por parte do garda peiraos.

4. Durante o acceso ás zonas de pesca controladas os pescadores e os seus acompañantes están obrigados a atender as indicacións e requirimentos que lles manifeste o persoal garda peiraos, en canto policía administrativa portuaria ou outro persoal de Portos de Galicia que, ao abeiro das súas funcións, así o manifeste; a negativa a atender estas indicacións ou o seu incumprimento serán causas expresas de orde de saída da zona portuaria e de posible levantamento de denuncia polo persoal garda peiraos.

5. Os pescadores serán responsables directos dos posibles danos a persoas ou bens privados ou públicos e, así mesmo, dos danos propios, que se poidan producir como consecuencia directa ou indirecta do acceso, estadía ou exercicio da pesca de recreo ou deportiva, e a dita responsabilidade será atribuíble exclusiva e individualmente aos usuarios que xeren o risco causante do sinistro.

6. En calquera caso, os pescadores recreativos que acceden ás zonas de pesca controladas, pola mera decisión de acceder e formular a correspondente declaración responsable, declaran coñecer as características da instalación e asumen o cumprimento das medidas de seguridade publicadas no sitio web de Portos de Galicia na seguinte ligazón:

https://www.portosdegalicia.gal/pesca-recreativa-portos

7. As ditas medidas de seguridade débense observar e aplicar na súa permanencia e deambulación por zona portuaria con especial dilixencia, e atender á información de avaliación de riscos xerais dos portos.

8. Sen prexuízo do anterior, os pescadores que accedan ás zonas de servizo portuarias para a realización da actividade de pesca marítima de recreo en superficie deberán de dispor dunha póliza vixente de seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra os danos propios e a terceiros en que poida incorrer o usuario coas seguintes coberturas mínimas:

a) Cobertura de seguro por danos propios en instalacións portuarias con cobertura mínima por sinistro 300.000 €.

b) Cobertura de seguro por danos a terceiros en instalacións portuarias con cobertura mínima por sinistro 450.000 €.

9. Non se permitirá o acceso rodado ás instalacións portuarias nin o estacionamento de vehículos de calquera clase fóra das zonas expresamente destinadas a tal fin, nin o estacionamento ou a parada en zonas de traballo nin destinadas ao uso profesional ou reservadas a outros usos.

10. A autorización non eximirá o titular da obtención das licenzas, permisos, seguros e autorizacións legais establecidos, entre elas a licenza de pesca marítima de recreo en superficie expedida pola Consellería do Mar (actualmente procedemento PE405A).

B) Réxime de prohibicións:

a) Non se permitirá a práctica da pesca marítima recreativa de superficie desde peiraos de atracada durante as operacións de atracada e desatracada ou mentres permanezan embarcacións nos peiraos, nin entre embarcacións.

b) Non se permitirá a práctica da pesca marítima recreativa de superficie desde zonas portuarias cando esta práctica poida afectar o normal tránsito e atracada de embarcacións de calquera índole dentro da dársena ou a súa seguridade.

c) Non se permitirá o acceso a pantaláns.

d) Non se permitirá o acceso a embarcacións.

e) Non se permitirá a manipulación de embarcación atracadas.

f) Non se permitirá a limpeza da pesca nos peiraos.

g) Os restos de pesca non se depositarán nos peiraos nin nos contedores portuarios e o usuario deberá desfacerse deles debidamente fóra da zona portuaria.

h) Prohíbese a reserva anticipada de sitio e a policía portuaria ou autoridade competente poderá comisar temporalmente os aparellos.

i) Establécese unha cabida máxima de 1 pescador cada 5 metros de fronte de peirao, ou liña de costa, libre.

j) Queda expresamente prohibida a pesca desde calquera clase de artefacto ou instalación flotante ou desde diques, e a submarina.

k) Queda expresamente prohibida a pesca en zonas concesionadas a terceiros e en portos deportivos.

l) Queda expresamente prohibida a pesca dentro dos portos comerciais durante operacións de estiba e desestiba, atracada e desatracada e durante a permanencia das mercadorías.

m) O incumprimento das condicións xerais e de acceso, así como a falta de presentación de declaración responsable e a acreditación de dispor da documentación exixida na presente resolución, dará lugar á apertura do expediente sancionador que corresponda.

A declaración responsable presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación da declaración responsable é a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución. O prazo de presentación quedará aberto.

 Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa declaración responsable, anexo I, a seguinte documentación:

• Anexo II modelo de certificación acreditativa de ter constituído o seguro de responsabilidade civil coas contías mínimas exixidas.

• Documentación xustificativa da licenza de pesca de recreo en superficie outorgada pola Consellería do Mar.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da declaración responsable deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da declaración responsable e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos do procedemento

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI/NIE da persoa declarante.

• DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da declaración responsable

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba o levantamento da prohibición da práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo portuarias e se aproba o procedemento de declaración responsable para a súa práctica en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 150 do 6 de agosto de 2021).

    • Cédula do 13 de agosto de 2021 pola que se aclara e modifica a Resolución do 26 de xullo de 2021, que aproba o levantamento da prohibición da práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo portuarias, e se aproba o procedemento de declaración responsable para a súa práctica en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 159 do 19 de agosto de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IF500A

Autorización de ocupación de dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia con destino á realización de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF500B

Autorización de ocupación de dominio público portuario, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF500C

Prórroga da autorización de ocupación de dominio público portuario, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF501A

Autorización temporal de uso de posto de atracada, en portos dependentes da comunidade autónoma de Galicia, outorgada por Portos de Galicia, para barcos con base no porto.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano