Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED330B
Participación no fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
1. Esta orde ten por obxecto regular, no ámbito dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos e para o curso 2021/22, o procedemento administrativo ED330B relativo:
a) Á participación no fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (en diante, EP) e en 1º, 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (en diante, ESO), cursos en que, necesariamente, se manterán os libros de texto do curso 2020/2021.
b) Á convocatoria de axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en educación especial (en diante, EE), así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído nas disposicións adicionais primeira e segunda desta orde.
c) Á convocatoria de axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.
2. O alumnado matriculado nos centros e cursos incluídos no proxecto educación dixital (E-DIXGAL) no curso 2021/22 está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, terá dereito á axuda para adquirir material escolar, así como ás establecidas nas disposicións adicionais primeira e segunda, se reúne os requisitos establecidos nesta orde.
A asignación de libros de texto correspondentes aos cursos 3º, 4º, 5º e 6º de EP e a todos os cursos de ESO que estean dispoñibles no fondo solidario do centro efectuarase:
a) Ao alumnado que participe no fondo solidario, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, ata que se esgoten as existencias.
b) Terá preferencia para esta adxudicación o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda.
Obrigas das persoas beneficiarias.
As persoas beneficiarias de libros procedentes do fondo solidario do centro ou de axudas para adquirir libros de texto terán as seguintes obrigas:
1. Devolver os libros de texto e o material reutilizable adquirido coas axudas para libros de texto ou recibido do fondo solidario no curso 2020/21.
Está excluído desta obriga o alumnado beneficiario de axuda para adquirir libros de texto de 1º e 2º de EP (agás que cambiase de centro antes do 31 de marzo de 2022, caso en que deberá devolver os libros no centro de orixe), o alumnado de EE ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo a que se refire a disposición adicional segunda, sempre que os libros ou o material adquirido non se poidan reutilizar.
A falta de devolución dos libros de texto será causa de exclusión da participación no fondo solidario e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar no curso 2021/22.
2. Conservar en bo estado os libros de texto e o material reutilizable recibido do fondo solidario ou adquirido coas axudas para libros de texto no curso escolar 2021/22 e devolvelos ao rematar este, en xuño ou setembro, segundo o caso.
3. Destinar o importe do vale para libros a adquirir, única e exclusivamente, os libros de texto que indique o centro en que estea matriculado o alumnado.
4. Destinar o importe do vale para material, única e exclusivamente, a adquirir o material escolar que necesite.
5. Respectar as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
Subdirección Xeral de Centros
Servizo de Apoio Económico e Axudas ao Estudo
San Caetano, s/n
15771 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Prazo de presentación: PECHADO
21/05/2021 00:00 - 22/06/2021 23:59
1. O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de xuño de 2021 (este incluído).
2. O alumnado que, unha vez transcorrido o prazo indicado, pase a estar en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia ou se incorpore a un centro docente sostido con fondos públicos procedente de fóra de Galicia ou dun centro situado en Galicia pero non sostido con fondos públicos, poderá presentar a solicitude no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. Non se poderán presentar solicitudes despois do 31 de marzo de 2022.
3. O alumnado que repita 4º da ESO e aquel que non obteña praza en formación profesional básica no curso 2021/22 e formalice a matrícula no curso da ESO que lle corresponda, cando non presentasen solicitude de participación no fondo solidario nin de axuda para adquirir material escolar no prazo indicado, tamén poderán presentala no prazo dun (1) mes desde a formalización da matrícula.
1. Ao rematar o curso 2020/21, o alumnado beneficiario de libros de texto ou do material substitutivo dos libros cando sexa reutilizable, tanto se o recibiron do fondo solidario como se o adquiriron coa axuda para libros de texto, deberá devolvelo ao centro para a súa incorporación ao fondo solidario para o curso 2021/22.
O prazo máximo para devolvelos será o 22 de xuño de 2021, agás para o alumnado de ESO que teña algunha materia pendente, que poderá quedar co libro correspondente ata que se examine e, como máximo, ata o 7 de setembro de 2021.
2. O centro docente gravará a devolución na aplicación fondolibros para coñecer, en 1 de xullo de 2021, o número provisional de exemplares dispoñibles e útiles de cada materia.
Os exemplares de ESO que devolva o alumnado despois dos exames de setembro gravaranse na aplicación ata o 13 de setembro de 2021 (este incluído).
3. A aplicación fondolibros permitirá xerar un documento de «recollida» dos libros de texto efectivamente devoltos, que terá a sinatura da persoa titular da dirección, o selo do centro e a sinatura do representante legal do alumnado, cando este último así o solicite.
Presentación de solicitudes.
1. Poderán presentar solicitudes os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.1. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa con que conviva en acollemento familiar.
2. A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2021/22, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, en que se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2021/22. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación fondolibros, será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno aínda que estean no mesmo centro.
Cando o alumnado, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2021/22, deberá presentala no centro en que estivese matriculado no curso 2020/21. Este centro rexistrará a solicitude de maneira que acredite a súa entrada en prazo e enviaraa ao centro de destino en que o alumno resulte admitido, que será o encargado da súa gravación e tramitación.
En caso de presentación (por vía electrónica e/ou presencial) de máis dunha solicitude, a persoa solicitante deberá presentar ante o centro docente un escrito indicando en cal desexa que se tramite.
3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática «fondolibros» (https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O formulario de solicitude (anexo I) tamén estará dispoñible:
a) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.gal.
b) Nas dependencias das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación.
c) Na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Así mesmo, a aplicación informática permitiralles aos centros docentes xerar solicitudes unha vez introducidos os datos.
5. A solicitude deberá estar asinada polo pai, nai, titor/a ou representante legal do alumnado, e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria, cumpre os requisitos exixidos nela e que son certos os datos indicados na solicitude; así mesmo, que se compromete a conservar en bo estado e a devolver ao finalizar o curso os libros de texto e o material reutilizable recibidos do fondo solidario ou adquiridos coa axuda para libros de texto.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).
b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figuren o alumno e os demais membros computables da unidade familiar.
En caso de separación ou divorcio, deberán achegar, ademais, a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.
Excepcionalmente (cando non sexa posible facelo polos medios anteriores), poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios:
1º. Certificado ou volante de convivencia.
2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
Nos casos especiais en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia en que deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.
c) Certificado de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia non expedido pola Administración autonómica.
d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
e) Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.
g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor ou titores carezan de DNI e NIE.
2. No caso de presentación de documentación complementaria, cómpre distinguir:
a) Documentación complementaria da solicitude (anexo I). Esta documentación complementaria presentarase presencialmente no centro docente ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
b) Presentación, mediante o PR004A, do anexo V, anexo VI, anexo VII ou dos talóns de cargo. Esta documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación daquela en que fose realizada a emenda.
c) Nos casos indicados nas letras a) e b), as persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. En todo caso, os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a situación persoal, familiar e económica en 31 de decembro de 2019, agás no caso de violencia de xénero, en que se aplicará o disposto na lexislación específica.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoas interesada se opoñan á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar.
b) DNI ou NIE da persoa representante do/da solicitante.
c) DNI ou NIE da persoa titular da libraría e/ou da súa representante.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
d) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar expedido pola Administración autonómica, de ser o caso.
e) Percepción de pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou de pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade (equivalente a unha discapacidade igual ou superior ao 33 %), da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar, de ser o caso.
En ambos os casos, a data de referencia é o 31 de decembro de 2019.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para consultar:
a) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na falta desta, o certificado tributario de imputacións no exercicio 2019 da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar, de ser o caso.
b) NIF da entidade titular da libraría.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Os trámites posteriores ao inicio do procedemento deberán realizarse presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites, que poderán ser empregados por elas.
- Fase de Solicitude
- Aceptación da participación como entidade colaboradora na xestión do fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar (Anexo V)
- Rexistro de librarías (Anexo VI)
- ANEXO II: Comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121 do 25 de xuño de 2007).
-
Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2009).
-
Corrección de de erros.-Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 61 do 30 de marzo de 2009).
-
Orde do 6 de maio de 2021 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2021/22 (DOG nº 93 do 20 de maio de 2021).
-
Extracto da Orde do 6 de maio de 2021 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2021/22 (DOG nº 93 do 20 de maio de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial
Aberto todo o ano
Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral
Aberto todo o ano
Axudas complementarias no marco do Programa comunitario de mobilidade Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia.
Prazo aberto: 01/04/2025 00:00 - 30/04/2025 23:59
Rexistro de librarías. Axudas para adquirir libros de texto e material escolar
Aberto todo o ano