Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MR440D
Axuda para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
Consellería do Medio Rural
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e realizar a convocatoria para o ano 2021.
Tipos de accións e duración dos programas.
1. As medidas de información e promoción dos viños en terceiros países mencionadas no artigo 45 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 poderán incluír calquera das accións e actividades relacionadas no anexo III desta orde.
2. As ditas accións deberanse levar a cabo no marco dun programa de información e de promoción, entendendo como tal o conxunto de accións de promoción coherentes que se desenvolven nun ou en varios terceiros países, cuxo alcance sexa suficiente para contribuír a aumentar a información sobre os produtos en cuestión, así como a súa comercialización.
3. Para cada período de programación, os programas poderán ter unha duración máxima de tres anos para un determinado beneficiario nun terceiro país ou mercado dun terceiro país. Non obstante, se os efectos do programa o xustifican, poderase prorrogar unha vez por un máximo de dous anos, ou dúas veces por un máximo de un ano cada prórroga, logo de solicitude, de acordo co previsto no artigo 9.
Para estes efectos, considerarase como mercado dun terceiro país o referido ao tipo de mercado obxectivo e/ou ao ámbito xeográfico onde se desenvolven os programas. Por tipo de mercado obxectivo entenderanse as actividades e o público obxectivo a que se dirixen. Os ámbitos xeográficos serán os definidos no anexo III do Real decreto 1363/2018, para a aplicación das medidas do programa de apoio 2019-2023 ao sector vitivinícola español, modificado polo Real decreto 608/2019.
Para os efectos de contabilizar a duración máxima da axuda, teranse en conta os programas executados desde o exercicio Feaga 2018 incluído, salvo o programa en execución en que se terá en conta o aprobado e/ou modificado na data da presentación das novas solicitudes.
Poderán presentar solicitudes para acollerse ao financiamento das medidas de promoción en terceiros países as seguintes figuras xurídicas con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non incorran nalgunha das prohibicións do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Empresas vinícolas, consideradas como tales aquelas empresas privadas en que máis do 50 % da súa facturación proveña do sector do viño ou cuxa produción supere os 1.000 hl, de acordo co seu último exercicio fiscal pechado.
b) Organizacións de produtores vitivinícolas e asociacións de organizacións de produtores vitivinícolas, definidas de acordo cos artigos 152 e 156 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.
c) Organizacións interprofesionais definidas e recoñecidas no ámbito nacional de acordo cos artigos 157 e 158 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e recoñecidas por España segundo o disposto na Lei 38/1994, do 30 de decembro, reguladora das organizacións interprofesionais agroalimentarias.
d) Organizacións profesionais: entenderanse como organizacións profesionais aquelas que exerzan a súa actividade maioritariamente no sector do viño e que estean recoñecidas no ámbito nacional de acordo coa normativa vixente, e que teñan entre os seus fins estatuarios a realización de actividades de promoción.
e) Órganos de xestión e de representación das indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe protexidas vínicas, así como as súas asociacións.
f) As asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño. Entenderanse como tales as agrupacións de viticultores e/ou produtores, persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos ou actividades para os cales se agruparon. Actuarán de conformidade co artigo 11.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
g) Cooperativas que comercializan viños elaborados por elas ou polos seus asociados.
h) As entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños.
No caso das asociacións temporais ou permanentes de produtores, designarase un representante da agrupación que deberá ter poderes suficientes para poder cumprir as obrigas que corresponden á citada agrupación como beneficiaria das axudas, tal e como establece o artigo 11.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro. Todos os membros da agrupación obterán a condición de beneficiarios, e se manterán na agrupación desde o momento de presentación da solicitude ata o cesamento das obrigas de control financeiro establecidas pola Lei 38/2003, do 17 de novembro.
Obrigas do beneficiario.
O beneficiario deberá cumprir coas obrigas do artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada, así como a modificación de calquera das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias
Avenida do Camiño Francés, 10
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981540168/ 981540027
Prazo de presentación: PECHADO
15/12/2020 00:00 - 14/01/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes de axuda para esta convocatoria comeza o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o día 14 de xaneiro de 2021.
Os beneficiarios deberán demostrar, en función do persoal de que dispoñen e, de ser o caso, do tamaño da empresa e da súa experiencia profesional nos últimos anos, que teñen acceso á suficiente capacidade técnica para afrontar as exixencias de comercio cos terceiros países e que contan cos recursos financeiros e de persoal suficientes para asegurar que a medida se aplica o máis eficazmente posible. Deberán, así mesmo, garantir a dispoñibilidade, en cantidade e calidade, de produtos para asegurar a resposta a longo prazo fronte ás demandas que se poidan xerar como efecto da promoción realizada unha vez concluída.
Forma de presentación de solicitudes.
As solicitudes de axuda presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Esta presentación por medios electrónicos será tamén obrigatoria para as persoas físicas e, en particular, para os empresarios autónomos, xa que así figura indicado no número 1 do artigo 8 do Real decreto 1363/2018, para a aplicación das medidas do programa de apoio 2019-2023 ao sector vitivinícola español, modificado polo Real decreto 608/2019.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
1. As solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación complementaria:
– Memoria, que deberá conter, polo menos, a información prevista no anexo II desta orde.
– Copia do poder ou acordo do órgano competente, se é o caso, que xustifique que quen asina como solicitante ten plena capacidade legal para facelo e para aceptar os compromisos correspondentes, na data da solicitude.
– Copia das escrituras e dos estatutos ou do regulamento da entidade, organismo, organización ou empresa solicitante.
– Copia do imposto de sociedades ou documentación equivalente (no caso de persoas xurídicas) dos 3 últimos anos.
– Catálogo ou relación descritiva da carteira de produtos que se van comercializar co programa de promoción solicitado. No caso de viños amparados por unha denominación de orixe, IXP ou ecolóxicos, débese xuntar, ademais, un certificado do Consello Regulador que indique o viño dispoñible.
– Relación de ofertas solicitadas e elixidas: anexo X, debidamente cuberto, acompañado de todas as ofertas solicitadas.
– De ser o caso, certificación ambiental segundo o Regulamento comunitario EMAS (Regulamento (CE) 1221/2009), a Norma ISO 14.001 e/ou o certificado Wineries for Climate Protection.
– No caso de prórroga dun programa, de acordo co número 3 do artigo 2, os interesados deberán presentar un informe de resultados dos dous primeiros anos de execución para a súa avaliación. O referido informe conterá, polo menos, información relativa aos efectos no mercado de destino do programa desenvolvido, ademais de detallar as razóns para solicitar a prórroga.
Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Entenderase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
2. As accións e os programas presentados deberán conter, polo menos, a información prevista no anexo II memoria e:
– Cumprir o disposto nesta orde.
– Respectar a normativa da Unión Europea relativa aos produtos considerados e á súa comercialización.
– Incluír co suficiente grao de detalle todos os requisitos necesarios para que se poida avaliar a súa conformidade coa normativa aplicable e a súa relación calidade/prezo.
– Especificar os medios propios e/ou externos con que se contará para desenvolver as accións previstas.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
4. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigacións tributarias (Ministerio de Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda) de acordo co establecido nos artigos 11 e 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Os beneficiarios que teñan a intención de xuntar certificados dos estados financeiros coas súas solicitudes de pagamento, deberán notificalo á autoridade competente no momento da presentación da súa solicitude de axuda. Ditos estados financeiros poderán consistir nas contas anuais do beneficiario, en función das obrigas contables correspondentes a este, segundo a súa personalidade física ou xurídica, ou noutro tipo de documentos.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) Documento acreditativo da personalidade da entidade ou da persoa solicitante, consistentes no NIF cando o solicitante sexa unha persoa xurídica e no DNI/NIE no caso de persoa física.
b) Certificado da renda (IRPF no caso de persoas físicas) dos tres (3) últimos anos soamente.
c) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración tributaria.
d) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.
e) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).
f) Comprobación de que o solicitante ten o domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Comprobación de que o solicitante non ten concedidas outras axudas incompatibles.
h) Comprobación de que o solicitante non está inhabilitado para obter axudas públicas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Anexo VI
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Seis meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 11 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 250 do 14 de decembro de 2020).
-
Extracto da Orde do 11 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 250 do 14 de decembro de 2020).
-
Resolución do 23 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 11 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 45 do 7 de marzo de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Alegacións no Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGAL).
Aberto todo o ano
Avais do Igape.
Aberto todo o ano
Obtención/renovación do obradoiro artesán
Aberto todo o ano
Revisión actividades artesás do Rexistro xeral de artesanía de Galicia.
Aberto todo o ano