Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SI460A
Indemnizacións para vítimas de violencia de xénero.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Política Social e Igualdade
1. O obxecto desta resolución é establecer as bases que rexerán a concesión de axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como a concesión de axudas de indemnización económica dirixidas a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero.
Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2019.
2. A finalidade das axudas é dar cumprimento a varias das medidas do pacto de Estado en materia de violencia de xénero, e proporcionar apoio económico ás persoas citadas no punto anterior, cunha indemnización de axuda directa, co obxecto de garantir que o feito causante (morte da nai ou lesións graves, por mor de violencia de xénero) supoña un menor prexuízo económico para os fillos e fillas orfos, e para as propias vítimas gravemente feridas.
3. As indemnizacións contidas nesta resolución serán de aplicación a todas as persoas beneficiarias sinaladas no número 1 anterior que, no momento dos feitos, residan na Comunidade Autónoma de Galicia.
4. As axudas de indemnización recollidas na presente resolución recoñeceranse cando o feito causante se producise con posterioridade ao 1 de xullo de 2018.
Tipos de axudas.
As axudas a que se refire esta resolución fan referencia ás seguintes modalidades:
1. Axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero e que dependan economicamente da súa nai e/ou do seu pai agresor.
2. Axudas de indemnización dirixidas ás mulleres que resultasen gravemente feridas, con lesións que requirisen hospitalización, como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero.
1. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista no número 1 do artigo 2 desta resolución, en réxime de igualdade, cada un dos fillos e fillas da vítima mortal da violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, sempre que na data do falecemento da súa nai cumprisen algún dos seguintes requisitos:
– Ser menores de idade e convivir coa nai, independentemente da renda familiar.
– Ser maiores de idade ata 30 anos inclusive, e depender economicamente da nai e/ou do pai agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando na data do falecemento as persoas beneficiarias convivisen coa nai e non percibisen rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual, superasen 12 mensualidades do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.
2. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista no número 2 do artigo 2 desta resolución as mulleres feridas gravemente, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión de violencia de xénero, sempre que na data en que producisen os feitos se cumprisen os seguintes requisitos:
a) Ser muller, maior de idade ou emancipada.
b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.
c) Atoparse nunha situación de precariedade económica. Entenderase que se produce unha situación de precariedade económica cando os ingresos da unidade familiar de convivencia a que pertenza a beneficiaria divididos polo número de membros que a compoñen non superen o importe do IPREM vixente.
d) Resultar gravemente ferida, con lesións que requiran hospitalización por causa de violencia de xénero.
Obrigas das persoas beneficiarias.
1. As persoas beneficiarias e as persoas que asuman a patria potestade, garda, custodia ou acollemento permanente no caso de orfos/as menores de idade que percibisen as axudas reguladas nesta resolución quedan sometidas ao cumprimento das obrigas exixidas de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Así mesmo, teñen a obriga de comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias que fundamentan o dereito a percibir estas axudas, de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral da Igualdade e de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero
Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero
Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545373
Email: vx.igualdade@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
15/03/2019 00:00 - 02/12/2019 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2019.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Para a indemnización prevista no número 1 do artigo 2 desta resolución, achegarase a seguinte documentación:
Modelo de solicitude anexo I, asinado pola persoa solicitante ou a persoa representante legal, de ser o caso, xunto coa documentación que se detalla a seguir:
a) Copia do libro de familia, certificación expedida polo Rexistro Civil ou calquera outro documento que acredite fidedignamente a relación de filiación.
b) No caso de menores de idade, resolución xudicial de custodia, informe dos servizos sociais, certificado de empadroamento colectivo onde consten todos os membros da unidade familiar ou calquera outra documentación que acredite a asunción da patria potestade, garda, custodia ou acollemento permanente por parte da persoa a quen se lle aboará a indemnización.
Para a indemnización prevista no número 2 do artigo 2 desta resolución, achegarase a seguinte documentación:
Modelo de solicitude anexo I, asinado pola persoa solicitante ou a persoa representante legal, de ser o caso, xunto coa documentación que se detalla a seguir:
a) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
b) Documentación que xustifique os ingresos declarados no punto 1 do anexo I, da solicitante e dos membros da unidade familiar de convivencia, de ser o caso (nómina, recibo).
c) Documentación acreditativa da composición da unidade familiar de convivencia, de ser o caso.
d) Certificado dos servizos sanitarios que acrediten a hospitalización.
e) Modelo de anexo II debidamente cuberto.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As solicitantes deberán comunicar á Secretaría Xeral da Igualdade calquera modificación que se produza nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que a acompañan. Esta variación comunicarase no momento en que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento. No caso das prestacións do Servizo Público de Emprego non será preciso achegar a dita documentación, agás que se denegue expresamente á Secretaría Xeral da Igualdade a dita consulta.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) Certificado de residencia legal da persoa solicitante estranxeira.
c) Certificado de residencia da persoa solicitante.
d) Certificado de defunción da nai.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a. Resolución de acollemento familiar da Xunta de Galicia.
b. Prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal (Área de Galicia) da solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.
c. Renda de integración social de Galicia (Risga) da solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución: Catro meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 4 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 52 do 14 de marzo de 2019).
-
Extracto da Resolución do 4 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 52 do 14 de marzo de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Título de familia numerosa / Carné familiar.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e acreditación de centros de información á muller.
Aberto todo o ano
Extinción do recoñecemento e acreditación de centros de información á muller.
Aberto todo o ano
Prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero.
Prazo aberto: 01/01/2026 00:00 - 31/12/2026 23:59