Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SA645A
Subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
Consellería de Sanidade
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións a proxectos de saúde pública, relacionados coa infección polo VIH, a sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS), que realicen en Galicia entidades privadas sen ánimo de lucro ao longo do período comprendido entre o 1 de xuño de 2019 e o 30 de xuño de 2022.
O código do procedemento regulado a través desta orde é o SA645A. Este código facilita a identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia dos formularios desta orde.
Os proxectos subvencionados deben desenvolver as súas actividades un mínimo de 3 meses no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de decembro de 2019, un mínimo de 6 meses entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020, un mínimo de 6 meses entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de decembro de 2021, xunto cun mínimo de 3 meses entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2022.
Como máximo subvencionaranse os dez proxectos que resulten máis valorados, en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 14 desta orde.
Conceptos subvencionables.
1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada, en particular:
a) Gastos de persoal. Subvencionarase ata un máximo de 2.500,00 € mensuais por importe bruto de nómina.
b) Axudas de custo por desprazamento (debidamente xustificadas en relación co proxecto) cun máximo de 1.000,00 € por proxecto e ano.
c) Gastos de vehículos, cuxa titularidade corresponda á entidade privada que reciba a subvención, empregados para desenvolver o proxecto: imposto de circulación, ITV, seguro, mantemento, reparacións, consumo de combustible, peaxe, garaxe e aparcamento. As facturas incluirán a matrícula do vehículo.
d) Gastos de material de oficina, preventivo, divulgativo e de visualización social do proxecto.
e) Gastos vinculados ao local: alugueiro, electricidade, gas, auga, lixo, comunidade, limpeza, seguros, imposto sobre bens inmobles. Os gastos en reparacións e mantemento do local ata un máximo de 1.000,00 € por proxecto e ano. Quedan excluídos os gastos de investimento inmobiliario.
f) Telefonía e tecnoloxías da información e comunicación (TIC), correos e mensaxería.
g) Gastos de xestoría e gastos financeiros derivados do proxecto.
h) Gastos de publicidade e xestión de redes sociais e/ou app de contactos.
i) Gastos de formación continuada do persoal que participa no proxecto en áreas relacionadas co obxectivo do proxecto. Inclúense gastos de cursos de formación continuada, xornadas e congresos cun máximo de 1.000 € por proxecto e ano.
2. Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, debendo acreditarse os pagamentos a través de xustificantes de pago. En todo caso a forma de xustificación deberá atender o previsto no artigo 28, números 1, 2, 3 e 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Poderán solicitar e ser beneficiarias destas subvencións as entidades privadas sen ánimo de lucro que presenten un único proxecto e que cumpran co obxecto e normas desta orde, sempre e cando non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que imposibilitan obter a condición de beneficiaria das subvencións.
Obrigas das entidades beneficiarias.
Tendo en conta o artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, son obrigas das entidades beneficiarias:
a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.
b) Xustificar ante o órgano concedente, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, na normativa que resulte de aplicación.
f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ás entidades beneficiarias en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.
g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 23 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Xunta de Galicia
Consellería de Sanidade
Dirección Xeral de Saúde Pública
Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades (Cegace)
Servizo de Prevención e Control de Enfermidades
San Lázaro s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881542960
Prazo de presentación: PECHADO
22/06/2019 00:00 - 22/07/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. O proxecto deberá realizarse integramente na Comunidade Autónoma de Galicia e deberá ter como área xeográfica de actuación, polo menos, unha das seguintes áreas sanitarias:
a) Área sanitaria da Coruña e Cee.
b) Área sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza.
c) Área sanitaria de Ferrol.
d) Área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
e) Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
f) Área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
g) Área sanitaria de Vigo.
2. Para desenvolver o proxecto, a entidade beneficiaria deberá dispor en Galicia como mínimo de:
a) Un local con capacidade para levar a cabo o proxecto.
b) Unha persoa contratada para desenvolver o proxecto.
3. O proxecto recollerá obrigatoriamente a promoción do uso de preservativos e a súa distribución.
4. Para o cumprimento dos obxectivos do proxecto, poderase empregar material divulgativo editado pola Consellería de Sanidade ou polo departamento ministerial do Estado con competencias en materia de sanidade. Calquera outro material divulgativo que se pretenda usar e/ou distribuír, deberá presentarse previamente no Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Dirección Xeral de Saúde Pública, para que neste servizo se valore a súa idoneidade e se proceda á validación e autorización previa do seu uso e/ou distribución.
5. Así mesmo, as entidades colaboradoras deberán cumprir a normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal no desenvolvemento do proxecto subvencionado.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Unha memoria técnica do proxecto que se estea realizando, ou se pretenda realizar, cunha extensión máxima de 8 páxinas, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación legal da entidade solicitante. O formato da memoria técnica debe ser:
1º. Tipo de letra: Arial.
2º. Estilo: normal.
3º. Tamaño de letra: 11.
4º. Interliñado: 1,15 puntos.
5º. Marxes laterais: 2 cm.
6º. Marxe superior: 4 cm.
7º. Marxe inferior: 3 cm.
b) Copia do material divulgativo que se pretenda empregar no proxecto e que non fose editado por administracións públicas nin recibise o informe favorable do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da consellería competente en materia de Sanidade.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade sen ánimo de lucro solicitante de subvención.
b) DNI da persoa representante da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Estatal de Administración Tributaria.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Tributaria de Galicia.
g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución: Catro meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 6 de xuño de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro (DOG nº 117 do 21 de xuño de 2019).
-
Extracto da Orde do 6 de xuño de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro (DOG nº 117 do 21 de xuño de 2019).
-
Resolución do 31 de outubro de 2019 pola que se procede á publicación das subvencións concedidas e denegadas en virtude da Orde do 6 de xuño de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro (DOG nº 216 do 13 de novembro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais
Aberto todo o ano
Fusións de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.
Aberto todo o ano
Integración de explotacións pertencentes a un concello diferente daquel onde unha ADSG estea recoñecida.
Aberto todo o ano
Programas sanitarios excepcionais e de investigación ou experimentación en apicultura.
Aberto todo o ano